O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

31 oct 2014

Lobios - Entrimo



https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/6075655902973064977 



Desta volta tocou unha fin de semana polas terras da Baixa Limia, así que alá nos fomos o sábado 25, cara a Lobios e Entrimo. Sobre as 10 da mañá chegamos a Portela do Homem para facer unha ruta que discorre por terreos do Parque Natural Serra do Xurés e BaixaLimia, remontando o curso do río Homen (afluente do Cávado) ata os cumes da serra onde se atopa a mina das Sombras. Trátase dunha ruta de gran interese xeolóxico, paisaxístico e biolóxico, con vistas espectaculares e unha gran variedade de formacións rochosas. Pronto atopamos a Cabaniña do Curro, un pequeño refuxio nas rochas con herba no teito, que servía para gardarse os vellos pastores das famosas cabuxas do Xurés. No percorrido podemos observar xestas, uces e carqueixas. Continuamos cara a mina das Sombras.  Son uns restos dunhas minas de wolframio, que se explotaron durante a segunda Guerra Mundial. Moita xente traballou alí en busca do prezado metal. Aínda se poden ver os restos das casetas utilizadas así como os raíles das vías, antigos carros e accesorios, maquinaria empregada na explotación das minas. Comemos á sombra e cos pés nas frescas augas do río Vilameá e logo dunha reconfortante sesta, comezamos a baixada por un espectacular sendeiro vixiando en todo momento as cristalinas augas ademais da vexetación de ribeira asociada o leito do río de Vilameá. Pasamos pola capela do Xurés e fixemos o viacrucis ao revés para chegar aos baños no río Caldo. O lugar é o idóneo para recuperarse do esforzo cun baño termal e algunha que outra cervexiña.
O aloxamento foi nos hoteis Entrimeña e Barcelona. Despois da ducha fomos cear á Entrimeña. Entre pratos, viños, cantos e demais tivo lugar a presentación do Cancioneiro do Souto do Vello coa colaboración do Çé, Judith e Breixo.
Ao día seguinte saímos de Entrimo ascendendo cara a serra de Queguas. Alá no alto podemos ver o monumento megalítico coñecido como "Casa da Moura", da época do Neolítico. Trátase dun monumento funerario composto por unhas grandes pedras fincadas no chan e cubertas por unha grande lousa horizontal e cuberta con terra. Dende alí temos unhas vistas da Serra de Queguas e das montañas graníticas da Serra do Leboreiro inmellorables.
Logo vén a baixada ata As Cortes da Carballeira. Gran parte da ruta transcorre por un camiño empedrado entre terreos onde se aprecian os sucos deixados polas rodas dos carros que tantas veces pasaron por alí. O nome non é estraño xa que os carballos que ten arredor son espectaculares. Pagou a pena só para comer o bocata ao pé dun carballo centenario e da capela da Ascensión. Continúa a impresionante baixada pola carballeira ata chegar á área recreativa do río Pacín. Xantar e repouso para afrontar o tramo final que nos levará ata Entrimo, principio e remate da nosa ruta. Estiramento, engraxes e rumbo a Vigo.
Non queremos acabar esta crónica sen recoñecer as xestións e o bo trato de Esperanza, do hotel e restaurante Entrimeña. Quedamos moi contentos e prometemos volver.
Aproveitamos tamén a ocasión para facer público os nosos parabéns a Alicia e Telmo pola chegada do novo membro da familia, Zaira. Que sexa benvida!



Para ver as fotos da fin de semana fai clic aquí.