O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

20 nov 2013

Santuario da Franqueira - Pena de Francia


Os andaríns e as andarinas do Souto do Vello vanse facer especialistas en dúas cousas, en santuarios e en ríos. É certo, o mesmo van ó santuario do Bacallao como ó da Franqueira, tanto van ó pé do río Eume como dunha sentada pasean polo río Calvo, o Deva e o Oulo, tres nun. Esta foi a última marabilla que nos preparou a organización coa axuda de José Carlos, o fillo de Carlos e Marité, ó que lle damos as grazas. Saímos do santuario da Franqueira para chegar ó santuario de Pena de Francia.  Partindo da Franqueira empezamos a subir cara ó Coto da Vella, viacrucis incluído. Dende o alto dominas unha paisaxe incrible. De alí xa fomos baixando pasando polo nacemento do río Calvo que nos levaría polas vizosas fragas deste río e mais do Deva. Incorporámonos á ruta que chaman “As Fragas e Levadas do Calvo e Deva”. Segundo di no cartel “Un lugar máxico onde o tempo se detén e a vida flúe con toda a súa enerxía...” Polo camiño vas vendo exemplares únicos de castiñeiros e carballos, sen esquecernos máis adiante do espectacular sobreiral. Pero ademais a ruta está inzada de elementos arquitectónicos moi valiosos como petos de ánimas, cruceiros, muíños, camiños reais, pazos como o de Cervellón, igrexas … Os sendeiros que van pola beira destes ríos, nesta época do ano están espectaculares. Hai zonas nas que gustaría perderse e que te levan a outras épocas. Hai que destacar o ben preparados que están estes andaríns, xa que tiveron que atravesar unha e outra vez o río e non houbo unha soa caída (na auga) e iso que estaban as cámaras preparadas para inmortalizar o momento (hainos ruíns…). Cando chegamos ó santuario de Pena de Francia agardaban por nós unhas exquisitas rosquillas da confitería Ancla de Ponteareas regadas cun bo viño tinto, que debemos agradecer ó amigo Kico. Non queremos deixar pasar a ocasión sen darlle a benvida ó novo sendeirista, Xián, neto de Carlos e Marité, que nos asegura a continuidade do grupo. Unha vez máis a organización, e axudantes, acertaron coa elección desta ruta. Moitas grazas a todos e todas.


Para ver máis fotos clica enriba desta.

https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5948463960946621361?authkey=CMqF_b-AwrXL4gE


2 nov 2013

Fin de semana nas Fragas do Eume




Xa tocaba a primeira saída de fin de semana da tempada. A organización elixiu o Parque Naturaldas Fragas do Eume, nada máis nin nada menos. Empezou todo con bo pé: chófer preferido, autobús novo, tempo fabuloso…isto presaxiaba unha espectacular fin de semana. E non nos equivocamos, lástima os que o perderon.
Saímos de Matamá o sábado ben cediño poñendo rumbao cara ao concello das Pontes de García Rodríguez. Á altura do pavillón de deportes comezamos  a ruta das altas fragas do Eume, percorrendo o encoro de Ribeira e montes e fragas de Lostegal. Preciosa ruta que debemos agradecer aos amigos do Club Caxado das Pontes o traballo que pasaron para que os demais poidamos gozar desta marabilla. Trátase dunha ruta de auténtico sendeirismo onde podes gozar da diversidade de paraxes, desde bosques atlánticos ata a flora que acompaña as ribeiras do río Eume. As sendeiristas do Souto do Vello demostraron que están en plena forma e superaron de sobra as dificultades que atoparon durante o traxecto. Algunhas aínda se permitían facr acrobacias.

 Pódese ver nas fotos, pero a verdade é que hai que vivilo para poder comprobar a grandiosidade dunhas fragas consideradas como as mellor consevadas de toda a franxa atlántica europea. Non fai falta ir moi lonxe para trasladarnos a outras épocas e vivir a tranquilidade, o sosego e a virxinidade da natureza.
Para rematar esta primeira xornada tivemos cea e aloxamento no hotel Eumesa de Pontedeume onde fomos tratados estupendamente.
Despois da cea houbo sesión de karaoke onde a maioría demostrou as súas dotes de “cantantes”. Como cambiaba a hora non había présa por ir a durmir.
Ao día seguinte, domingo, comezamos a xornada facendo unha visita ao interesante mosteiro deMonfero. Logo comezamos a ruta do Medievo que nos levaría ao corazón das fragas do Eume e ao seu impresionante mosteiro de Caaveiro. Logo de xantar seguimos a ruta ao pé do río e baixo un manto de vexetación autóctona para chegar, despois de cruzar a ponte prohibida,  ao centro de interpretación do parque onde demos por finalizada a fin de semana.
Os andaríns e andarinas do Souto do Vello non tiñan palabras para agradecer a boa organización e o resultado dos dous días de convivencia e camiñadas. Moitas grazas!!
Para ver as fotos fai clic na sendeirista.
https://plus.google.com/photos/115445407253412646695/albums/5941745189520802225