O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

19 may 2011

Serra do Candán - Mosteiro de Aciveiro

Desta volta tocou andaina pola comarca denominada Terra de Montes, (que mellor nome para uns andaríns que gustan do monte) e máis concretamente pola serra do Candán. Mes de maio (mes das flores), tempo espectacular… que máis se podía pedir; e sen embargo faltou moito persoal. Faltounos o “monitor de sendeirismo”, faltounos a “xefa”… e andabamos un pouco desorientados e demasiado tranquilos o que fixo que Poli nos levara varias veces por camiños que non eran (pero isto non llo digades a ninguén).

A andaina partiu do mosteiro de Aciveiro (http://gl.wikipedia.org/wiki/Mosteiro_de_Santa_Mar%C3%ADa_de_Aciveiro) na parroquia de Santa María de Aciveiro, concello de Forcarei. O camiño nesta primeira parte discorreu pola beira do río Lérez, un sendeiro precioso, un bosque de ribeira con sombra e vendo como saltaban as troitas. Puidemos ver unha alvariza, que eran construcións de pedra que facían antes para protexer as colmeas dos osos larpeiros que andarían por eses lugares.

Cando xa empezamos a subir cambiou por completo a paisaxe; apareceu a vexetación tradicional do interior galego: as uces, carqueixas, toxos molares en flor... amosándonos unha paleta de cores preciosas que farían que nos quedasemos pampos de non ser as picadas que nos daban sobre todo aos do pantalón curto. O vento é forte e dá a sensación de frío (algúns dicimos que afortunadamente porque tal como está o sol e sen protección ningunha habiamos de pasalas canutas). O camiño desemboca nunha pista dentro do parque eólico do Candán. Imos pasando por debaixo dos impoñentes aeroxeneradores do parque (eses que nos queren meter no Galiñeiro e que non podemos deixar que veñan). No cume da serra 1017 m tentamos facer unhas fotos de grupo pero algúns despeitéanse e paramos pouco.

Xa empezando a baixar atopamos os restos da capela de San Bieito; tamén puidemos vivir a aventura de dous ousados e valentes “guerreiros” que subiron a un penedo para levantar unha enorme cruz que estaba a medio caer.

O camiño descende suavemente cara a Masgalán de arriba e pasando por un bonito camiño de carro chegamos a Masgalán de abaixo.

Gozando das marabillosas paisaxes imos petar coa vella ponte de Andón, ponte erguida polo abade Gonzalo das Penas no século XV que disque era para unir o mosteiro coa cidade de Santiago. Unha lenda di que debaixo da ponte hai unha moura que peitea os seus cabelos utilizando o río de espello. Eu estiven buscando a moura pero non a atopei.

Tamén segundo contan os velliños do lugar había un ritual moi interesante:

-Os matrimonios que non daban tido fillos viñan á Ponte de Andón a enxemprar. E alí, pola noite, bautizaban ao neno que aínda non nacera. E o padriño tiña que ser a primeira persoa que pasara por esa ponte.

Enxemprar, que nalgunhas zonas de Galicia significa lastimarse, na Terra de Montes ou en Cuntis é a acción de botar auga de socorro a un non nato, para protexelo a el e á súa nai dun aborto que se sospeita por ter sucedido xa antes a esa muller. Iso é o que se facía na Ponte do Andón polas noites.

-E aínda viven un par de homes na aldea de Andón que moito ben teñen feito e son padriños de moitos fillos. (Isto cóntao Manuel Gago no seu blog).

O caso é que ao pé da ponte hai un campiño moi xeitoso que nos serviu para repoñer forzas (enténdase xantar e botar unha sesta) e gozar dos acordes das cantareiras ras que pretendían tomar o sol nunha poza que alí había.

A unha hora prudente retomamos camiño e subimos por un bonito empedrado cara á aldea de Andón logo continuamos pola beira do río Lérez ata chegar ao mosteiro.

Un daqueles campos que hai ao redor chámalle o Campo do Touciño; seica os labregos para poderen traballar nel tiñan que levarlles touciño aos monxes. Que cousas! E non tiñan colesterol!

Aquí rematou esta andaina do mes das flores… das Letras Galegas e das Nais (que ben cadra todo), por iso a organización llela dedicaba a elas.

Da viaxe de volta no autobús pouco hai que contar xa que non estaban os armadanzas e foi todo moi tranquilo. Ata a próxima!

Deixamos estas fotos como proba do que acabamos de contar.