O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

14 nov 2012

Leiro - Pena Corneira

O pasado domingo, 11 de novembro, día de San Martiño, parece que non cabía outra posibilidade que visitar a provincia de Ourense. Unha das comarcas máis representativas da provincia é O Ribeiro, así que a organización acertou de cheo ao levarnos ata Leiro e dende alí subir ata o Monumento Natural de Pena Corneira. Saímos dende a praza de Leiro, onde estaban a preparar unha exposición de cogomelos, e collemos a senda en dirección a Pazos de Arenteiro cunha pequena subida polo Camiño Real. Á hora do bocata estabamos en Paredes. Alí paramos ao redor dalgúns dos 30 hórreos que hai nesa área etnográfica que conta tamén con varios muíños. Continuamos camiño ata chegar ao pé de Pena Corneira. Dende logo non é milagre que declarasen a zona Monumento Natural vendo eses penedos graníticos que mesmo parecen colocados adrede e algúns dá a impresión de que poden caer en calquera momento. Despois de contemplar a paisaxe que se nos ofrece dende a base da pena, comezamos a baixada con idea de comer en Berán. De camiño pasamos por Orega e outros núcleos de poboación con restos de edificacións que demostran a importancia que deberon ter no seu tempo. Comemos ao pé da bonita igrexa de Berán e puidemos degustar un exquisito viño do Ribeiro e, segundo din eles, o mellor licor café do mundo. Despois do xantar e xa todos máis “contentos” pasamos por Vieite e chegamos ao paseo polo Avia. Cruzamos polo Salgueiral, que como o nome indica é un precioso lugar poboado de salgueiros e chopos. Nesta época do ano é un espectáculo pasear por alí. Logo cruzamos a ponte colgante para volver ao centro de Leiro onde nos esperaba o autobús. Foi unha andaina preciosa, onde algúns non perderon o tempo e aproveitaron para encher a cesta de “Carapuchiña” de cogomelos que atopamos polo sendeiro. Non só a cesta, senón que encheron varias gorras… Hai que ver!


1 nov 2012

Fisterra - Muxía - O Pindo

A segunda saída de fin de semana do Souto do Vello foi cara á costa. A primeira fora polo interior. Podiamos chamarlle a ruta das pedras, xa que pasamos por algunhas das máis importantes da Costa da Morte, onde se practicaba algún tipo de culto pagán. Estas figuran nas lendas sobre o monte Pindo, o monte de San Guillerme en Fisterra e as pedras de Muxía. O sábado 27 de outubro ás 7 da mañá, o autobús conducido por Rubén Darío puxo rumbo a Fisterra. Quedaba por facer o remate do Camiño de Santiago, a etapa de Fisterra a Muxía. Había que chegar ata o santuario da Virxe da Barca, onde segundo di a tradición, chegou a Virxe nun barco de pedra para animar ao apóstolo Santiago na súa prédica por estas terras. Aproximadamente 35 km separan estas dúas bonitas localidades da Costa da Morte. Partindo do faro, e despois de facer a foto de grupo, comezamos a andar e pasamos polo monte de San Guillerme onde está a famosa cama de pedra con propiedades fertilizantes. Creo que ninguén se quixo deitar, será pola crise? O camiño vai entre aldeas, campos de cultivo, bosques e por veces, á beira do mar. Xa chegando a Muxía hai que pasar polo alto das Aferroas, con boas vistas, e pola praia de Lourido. Xa en Muxía, a maioría diríxese ata o santuario da Virxe da Barca para tentar pasar a pedra dos cadrís e contemplar a preciosa paisaxe. Volta ao autobús para ir ata Cee onde espera a ducha, cea (por certo moi boa) e a descansar. Menos mal que había unha hora máis. O domingo ás 8 (pola nova) xa estaban todos os andaríns no restaurante para dar boa conta dun suculento almorzo. A continuación o autobús trasladounos ata a localidade de Pindo, no municipio de Carnota. Este é o inicio da ruta que nos levará ata o alto do monte Pindo, o Olimpo celta. Saíndo dende a igrexa parroquial, vaise por un camiño ao pé dun regato acompañado de piñeiros (algúns queimados), loureiros... Máis arriba desaparece a vexetación e aparecen as pedras que sorprenden polas súas formas fantásticas. Pásase por uns restos que din que foron dun castelo (de San Xurxo), por unha zona chá (chan das Lamas), polo Outeiro do Narís... ata chegar ao val de San Lourenzo, onde houbo unha explotación mineira. Facemos a foto diante da pena denominada O Guerreiro e continuamos ata chegar ao alto da Moa. Este é un mirador marabilloso desde onde se pode contemplar a praia de Carnota, o cabo Fisterra, a ría de Corcubión, as illas Lobeiras, e ao pé as vilas de Pindo e Ézaro. Comezamos o descenso cara a parroquia de Fieiro para chegar ao mirador do depósito de auga. Despois de xantar fixemos o pronunciado descenso ata chegar á desembocadura do Xallas e gozar co fermosa fervenza, coñecida como a fervenza de Ézaro. Despois dunha refrescante cervexa nas cafeterías de Pindo, volta a casa co baúl cheo de vistas e as cámaras ateigadas de bonitas fotos. Xa agardamos pola próxima saída.