O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

21 dic 2018

Boas Festas!!


Os andaríns e andarinas do "Souto do Vello" deséxanvos unhas BOAS FESTAS e un NATURAL e ventureiro ANINOVO.
Nadal 2018

11 dic 2018

Serra d'Arga (Boucinha - S. João d'Arga)


Para rematar o ano, a organización do Souto do Vello levounos  ata o veciño Portugal para facer unha das preciosas rutas que se poden facer pola Serra d’Arga. É unha serra de orixe granítica situada a moi poucos quilómetros de Caminha. Cunha altitude de 825 m. permite contemplar unha ampla panorámica que vai dende Viana do Castelo ata as localidades galegas como A Guarda, Tui… pasando por Caminha, Vila Praia de Âncora…
Iniciamos a ruta na fregesía de Dem, na pequena aldea de Boucinha. Dende aí xa comezamos unha prolongada subida, en parte por unha bonita calzada empedrada, para chegar ao vértice xeodésido de Pedra Alçada. Alí, dende a torre de vixilancia, paramos a contemplar a ampla panorámica da que falabamos, a pesar da néboa que nos acompañou por momentos.

Continuamos cun suave e precioso descenso que nos levou ata o mosteiro de S. João d’Arga, onde se atopa unha capela, a capela de S. João, sede dunha romaría que se celebra todos os anos na honra de S. João Baptista. A pesar de descoñecerse a data da súa fundación, crese que foi alá polo século XIII polas súas características da arquitectura románica.

Aproveitamos os arredores do mosteiro e o soliño do momento para tomar o refrixerio. Continuamos cun pequeno descenso ata a ponte que cruza o río Ribeiro. De aí subimos ata a localidade de S. João D’Arga. Ó saír da aldea xa se adiviña de novo Boucinha, a onde chegamos para tomar unha cervexiña no bar Sobreiro. Preto de alí nos agardaba o autobús para a volta a Vigo e despedir así as andainas este  ano 2018.


Para ver as fotos fai clic aquí.