O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

31 may 2013

Peneda - Gerês (Pena de Anaman)



Eu hei de subir ó ceo
por unha cinta de la;
teño de levar comigo
á Señora de Anamán.
Aló polas terras do Xurés érguese unha das máis fermosas pedras cunha fenda polo medio da que saíron sete irmás que se converteron en virxes e residen agora naquela comarca, repartidas da seguinte maneira:
Na provinccia de Ourense quedaron catro: unha é a do Viso, en Lobeira; outra está no Xurés, en Lobios; a outra na Sobreira, Ferreiros de Entrimo (este lugar tamén se ten como berce das sete irmás) e a cuarta é a da Carballeira, en Queguas de Entrimo. 
As tres que se foron a terras portuguesas son a de Boavista en Asiera, a Virxe da Peneda e a de Anamán, onde a Santa Ana ten unha capela adicada.


Este foi o destino que levou aos andaríns do Souto do Vello o pasado domingo, 26 de maio, para cumprir con dous mandados. Un era o de celebrar a ordenación dos cabaleiros (e señoras) sendeiristas e outra a de cumprir co preceuto de todos os anos, que non é outro que acudir ao santuario do bacallao en Castro Laboreiro.
Xa de camiño no autobús, o noso guía-predicador nos foi ilustrando sobre a historia que se deu por estas terras do famoso bandoleiro Tomás das Congostras, que dicía aquilo de “O pobre non ten e o rico non dá,  quen queira sentar praza veña á Pena de Anamán,  sete pesos de entrada e un trabuco na man”.  
Alá fomos nós a sentar praza tamén. Comezamos a andar preto de Castro Laboreiro, á altura da ponte das Calnheiras, por unha pista boa que nos levou ata a mesma base da pena de Anaman, impoñente ela coa sua fenda que semella feita por un mal lóstrego unha noite de treboada. Seguimos baixando ata chegar ao santuario de Santa Ana. Alí tivo lugar o pirmeiro dos cometidos que nos levou a esas terras. O predicador subiu ao púlpito e cos seus fieis entregados procedeu á ordenación “dos cabaleiros (e señoras) sendeiristas da pena de Anamán da real orde de Tomás das Congostras”. Aí queda! 

A partir dese momento, ou tamén porque tomamos o bocata, empezamos a subir con máis alegría por un sendeiro entre xestas, toxos, uces e carqueixas floridas. Camiñamos pola fronteira, un pouco aquí e outro pouco alá. Dende ese lugar pódese apreciar unha paisaxe fermosa inzada de rochas graníticas, ou “pedras con formas”, onde cada un ve o que quere. As aguias convértense en xigantes, as tartarugas en lindos golfiños...
Pouco a pouco fomos chegando á ponte de Barziela, despois de atravesar a presa e varias localidades, sen máis interese que o pracer de camiñar en busca do noso destino. Collemos o autobús que nos levou ata Castro Laboreiro para cumprir co segundo dos mandados, que consiste en dar conta dun suculento bacallao con broas. Como todos os anos o amigo Fernando e familia atendéronnos coa amabilidade e fartura que os carateriza. De sobremesa non podían faltar as afamadas “tetas” castrexas, que para uns estaban duras e para outros no seu punto (todo depende dos gustos de cadaquén).
Despois do xantar, festa. Este anos os Soutiños contaron coa inestimable colaboración dun espontáneo acordeonista que fixo máis completo o grupo.
Rematada a festa, con moita ledicia, volvemos cara a Vigo coa promesa de volver outro ano ao santuario que tanta gloria e contento nos dá.
Pica na foto para ver máis.



15 may 2013

A Xestosa (Covelo) - Quins (Melón)







O domingo, día 12 de maio, tocounos repetir a andaina que tentaramos facer e non puidemos completar por culpa da chuvia. Desta vez a organización portouse ben e pediunos un día espléndido de primavera. Así, pouco máis das nove e media da mañá xa estabamos en Prado (O Covelo) preparados para subir ata a ermida da Virxe da Xestosa. Coincidiu que estaban celebrando a romaría que eles chaman de “inverno”. Estaba o torreiro cheo de postos de rosquilla, polbo, pan… pero aínda era un pouco cedo que se non… O mestre Antonio aproveitou para explicarnos as bondades da auga que nace no sepulcro que hai na pedra. Saímos do recinto e continuamos subindo polo monte Faro atravesando polo medio dun gran grupo de muíños como os que queren poñer no Galiñeiro e que nós non queremos que os poñan. No alto parada e foto de grupo. Dende alí comezamos a baixar ata que chegamos ao curro onde tomamos o bocata. Seguimos ata Vivenzo, unha aldeína de Melón, na provincia de Ourense. Neste lugar hai unha eira que aínda conserva algún dos moitos “cabaceiros” da zona, a maioría conserva a pedra da base. De aí continuamos ruta atravesando a carballeira de Tourón onde alguén  picou as pernas cos toxos e que lle serviu para andar máis lixeira. Xa collemos sendeiro cara ás fervenzas do Tourón onde gozamos  da paleta de cores que nos ofrecía a vexetación, tal e como podemos apreciar nas fotos. 

Seguimos pola pasarela ata chegar ao comezo das pozas de Melón. Baixamos ata a parte baixa one descansamos un pouco, xantamos e ata algún valente (ou destemido) se atreveu a bañarse. Despois do descanso atravesamos a N-120 para coller camiño polo canón do río Cerves ata chegar á eira dos hórreos de Quins, onde estaba a fin da etapa. Alí nos recibiu Margarita, a nai de Antonio, na súa casa, cunhas exquisitas viandas: chourizo de Quins e queixo de Arzúa, regados con bo viño tinto de Arbo e branco do Ribeiro; e de sobremesa rosquillas Ancla de Ponteareas. Xa vedes que consumimos produtos da terra. A orghanisasión quere agradecer a acollida e os agasallos. A media tarde volta para casa e xa pensando na próxima, que non é nin máis nin menos que a visita ao santuario do bacallao (San Bacallao de Laboreiro).

Fai clic na foto para ver máis

11 may 2013

ANDAINA MUSICAL

Os amigos da peña Freixo invítannos a participar na andaina musical en lembranza de Juan.