O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

19 nov 2015

Ribeira Sacra do Miño

Está claro que o outono é unha das mellores épocas para visitar as terras da Ribeira Sacra, ben sexa
do Sil como a do Miño, porque podemos gozar das espectaculares cores que nos ofrecen os viñedos, os soutos e as carballeiras. Pero tamén das igrexas románicas e das bonitas vistas sobre os ríos.
Desta volta a organización reservounos a visita á Ribeira Sacra do Miño. Debeu haber algún problema de comunicación porque sempre nos asegura o bo tempo, e sen embargo cando chegamos había unha brétema que nos impedía ver a paisaxe. Pero unha chamada de última hora fixo que ó pouco tempo xa empezara a abrir para quedar un día estupendo, non falla! Acompañáronnos na saída os amigos e amigas do grupo “Pedra Jallada” de Ribadetea. Foi un pracer contar coa súa compañía durante todo o percorrido e esperamos volver a camiñar xuntos.
O sendeiro, que foi preparado e moi ben marcado pola Asociación de Veciños de O Saviñao, comeza nunha das xoias do románico galego, a igrexa de Santo Estevo de Ribas deMiño, no concello do Saviñao. Dende aí pódese gozar dunhas espléndidas vistas sobre o val do Miño (segundo nos contaron desde a organización). A continuación collemos o sendeiro  e camiñamos por unha verdadeira alfombra de follas tanto de carballos como de castiñeiros. Pasamos por aldeas como Buxán, Galegos, O Piñeiro e Montecelo, onde paramos a tomar o bocata ó pé das ruínas da antiga igrexa de Santa María do Camiño. De alí fomo a Diomondi onde hai outro dos monumentos da Ribeira Sacra como é a igrexa de SanPaio de Diomondi.
Logo comezamos o descenso polo chamado “camiño dos Codos de Belesar” que forma parte do Camiño Sur a Santiago de Compostela pasando por algúns tramos de calzada romana. Xa logo se

divisa a vila de Belesar co seu embarcadoiro amparada polos impresionantes viñedos en socalcos. Subindo e baixando polo medio deles, chegamos á Praia fluvial da Cova. De aí fomos ata a adega que comercializa o viño Abadía da Cova, denominada Adegas Moure desde onde se pode ver unha das paisaxes máis bonitas da Ribeira como é o meandro que forma o río Miño chamado Cabo do Mundo.
Fixemos unha visita guiada ás instalación e logo degustamos un par de viños ofrecidos pola adega que acompañamos das imprescindibles rosquillas de Ancla. Por certo que aproveitamos para felicitar ó noso amigo Kiko que ese día se facía un pouco máis vello. Felicitar e agradecerlle as rosquillas.

En fin, un día fantástico cunha ruta preciosa. A pensar na próxima!



Para ver máis fotos fai clic aquí.