O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

7 ago 2012

De marcha polo Morrazo


Os do Souto do Vello foron de “marcha” para celebrar o 10º aniversario. O pasado 28 de xullo, xuntáronse un feixe deles ás dez e media da noite no porto de Vigo para coller o último barco para Cangas. Ao chegar foron repoñer forzas (cafelitos, chopitos…) para comezar o que sería unha longa noite… pero non de pedra, máis ben de area. Ás 11 e media todos e todas preparados coas lanternas na cabeza (algunha co farol pendurando) comezaron a marcha en dirección a Cabo Home. Despois de pasar pola fábrica de Massó, a ruta segue polas praias de Liméns, Nerga, Barra, Melide… por citar as máis importantes. A lúa, case chea, reflectíase no mar creando unha estampa marabillosa co fondo da costa de Vigo iluminada artificialmente. Pouco a pouco a serpe de lanternas ía avanzando. Ás tres da mañá estaba agardando Ángel (ao que lle debemos dar as grazas por servir de acompañante toda a noite) cunha caixa de cervexas, bebidas fresquiñas e mais un biscoito exquisito que caeu de marabilla. Despois do refrixerio continuou a marcha polos faros de Cabo Home e collemos dirección ao monte Facho. Ali arriba hai unha pequena torre do século XVII, que foi construída con restos de aras romanas (altares de sacrificios dedicados ao deus Bero Breus), o que fai pensar que debeu ser un importante santuario romano. Tamén se cre que foi unha torre de vixilancia para avisar dos ataques dos piratas turcos. O que pasa é que non houbo quen avisara do ataque dos piratas do Souto do Vello, menos mal que son piratas pacíficos e o único que van roubar son as vistas, que se adiviñaban marabillosas sobre as Cíes, Ons e as rías de Vigo e Pontevedra. Como estaba unha noite clara e estrelada, aproveitaron as explicacións do seu astrónomo de cabeceira para localizar as principais constelacións. Creo que xa todos e todas teñen claro onde está o norte!?
Xa tocaba dar volta e volver ao punto de partida en busca do amencer, que coincidiu coa chegada á praia de Liméns sobre as 8 da mañá. A partir de aquí o grupo dividiuse en dous, uns decidiron continuar ata Cangas para coller o barco de volta a Vigo e outros decidiron quedar a pasar o día na praia con baños e xogos pola area, sen que se notase para nada a noite de “marcha”. 

Pica na imaxe para ver máis fotos.