O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

11 feb 2015

Castelo de Vilasobroso - A Picaraña - O Castro de Troña




No tempo de entroido o habitual é comer un bo cocido (en calquera outro momento tamén vai ben se é bo). Como tiñamos a oportunidade de comelo en “Casa Kiko e amigos” en Ribadetea, a organización preparounos unha pequena pero bonita andaina polas terras de dona Urraca. Así chegamos ben cedo e cunha temperatura de 2 graos baixo cero ó castelo de Vilasobroso. O día apuntaba un sol espléndido, e así foi. Limpo, luminoso, agradable para andar. Como é costume nestas convocatorias, o autobús quedou pequeno. Ademais, había preparada unha pequerruta para os andaríns infantís e aqueles non habituais pero fieis a Don Cocido. Estes foron trasladados ata o castro de Troña onde puideron aprender unha chea de cousas da man do director Telmo que logo os guiou ata o castelo para visitalo por dentro e por fóra.
O resto do grupo iniciamos a marcha en busca da Pena do Equilibrio, o noso primeiro obxectivo. Trátase dun penedo situado sobre outro, en pleno equilibrio sen axuda de ningún tipo, que forma parte do conxunto de penas graníticas ás que tamén pertenece a "pena dos namorados" na parroquia de Arcos. Despois de varios intentos de botala abaixo sen éxito, continuamos ruta para comezar a subida ó monte da Picaraña. Un pico que ten sobre 400 m de altitude, un lugar de devoción dende tempos inmemoriais onde se celebran grandes romarías en torno á capela da Santa Cruz. É unha capela distinta ás que hai noutros lugares de culto que están altos e afastados. Desde os seus cumes pódense divisar grandes panorámicas de todo O Condado e gran parte do Val do Tea, tamén a vila de Ponteareas e as súas parroquias. Coronado o monte e repostas as forzas collemos cara ó Castro de Troña. Nalgunha zona tiveron que actuar os “Pastores de camiños” que botando man das súas tesoiras foron chapodando toxos, xestas e algunha que outra silveira que impedía o paso cómodo do resto dos andaríns. Cando comezamos a baixar puidemos contemplar unha vista preciosa do castro e capela. Segundo a Galipedia “O Castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas), é un bo exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa. É un Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento dende o ano 2009. Despois de dar unha volta e apreciar as distintas construcións, o petróglifo da serpe, a ermida, os cruceiros… collemos camiño de volta en dirección ó castelo. Pasamos pola ermida de Santa Trega, moi pretiño do castro. Chegamos en boa hora de volta ó castelo. Visita, baixada pola senda botánica e subida ao autobús porque era hora de xantar. En Ribadetea xa nos esperaba o equipo de cociña e sala con todo preparado. Comezamos cunha suculenta e reparadora sopa para continuar co desfile de pratas acuguladas de fozante, cornante, voante, verzas e patacas quentiñas e no seu punto de cocción. Viño tinto de categoría, sobremesas, cafés e chupitos completaron un menú que paga a pena repetir. Logo chegou a hora dos Soutiños que contaron coa colaboración de varias e coloridas “Carolinas” e mailos seus laghartos nas saias. Un día moi agradable e non só pola comida, senón tamén pola presenza de xente querida (grandes e pequenos) que estamos moi contentos de telos entre nós. A organización encárganos de que fagamos público o agradecemento a todo o equipo de traballo de “Casa Kiko e amigos”. Ata a próxima.

Se queres ver as fotos da pequerruta fai clic aquí. Para ver as outras fotos fai clic aquí.


2 feb 2015

Castelo de Vilasobroso - Picaraña - Castro de Troña


ATENCIÓN!   Nesta saída imos poñer en práctica un vello costume e que ultimamente está un pouco esquecido. Trátase dos PASTORES DE CAMIÑOS, que como di o amigo Manolo Gago no seu blog son as persoas que "mentres camiñan, van ronzando toxos, xestas, maleza que avanza devorando os antigos vieiros dos nosos devanceiros ata consumilos e desaparecer". Sabemos que algúns dos membros do Souto do Vello veñen facendo isto a miúdo pero non está mal espallalo e que participemos cantos máis mellor. Así que xa vos vexo armados e armadas de fouciño para darlle ás xestas ou ás silvas que vaiamos atopando. Se querede ler o artigo de Manuel Gago en Capítulo Cero facedes clic aquí.