O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

26 mar 2013

Praia de Eiras - Muíños do Folón e Picón




A orghanisasión do Souto do Vello programounos para este mes de marzo, con moi bo criterio, unha saída para gozar da auga. E que mellor momento que visitar os muíños do Folón e do Picón despois da auga que leva caído. Así estaban de espectaculares as fervenzas, as levadas e regatos que por aí pasan.
Saímos o domingo 24 de marzo ás 8:30 de Matamá en dirección á praia de Eiras no concello do Rosal. As predicións meteorolóxicas presaxiaban un día negro e chuvioso, pero o microclima desta zona permitiunos gozar dun día marabilloso, con algunha chuvieira que veu para xustificar que levabamos chuvasqueiro.
Comezamos a andaina na fermosa praia fluvial de Eiras percorrendo parte do extenso piñeiral que acompaña este tramo final do pai Miño. Enseguida collemos o esteiro do Tamuxe e río arriba chegamos ao Rosal. Cruzamos a vila,  a aldea de Fornelos e tiramos cara o Picón buscando o inicio dos muíñosdo Folón. Espectaculares!
Ascendemos ata a ermida de San Martiño onde fixemos parada para o xantar.
De volta buscamos o río Cal para descender pola súa beira. Alí atopamos ao amigo Nacho que resultou ser o restaurador dun par de muíños que hai nesa zona. Moi amablemente se brindou para amosarnos o seu traballo e visitamos os dous muíños que está preparando con moito mimo. Unha boa opción para unha fin de semana de relax.
Seguimos camiño ata atoparnos coa ponte pola que había que cruzar o río, pero o río pasaba por riba dela, así que tivemos que buscar o xeito de vadear. Os nosos exploradores atoparon ben por onde facelo, pero algúns quixeron ir á aventura e houbo quen probou a temperatura da auga. Sen maiores contratempos chegamos ata os muíños do Picón e fomos baixando pouco a pouco ata chegar ao bar “Camiño do Folón” onde nos esperaba un merecido reconstituínte. Ali collemos o autobús que nos trouxo a Vigo despois de deixar en Eiras aos amigos de Ponteareas que nos acompañaron unha vez máis.

A próxima saída será a convocatoria da Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, domingo 21 de abril: IV Andaina pola protección da serra do Galiñeiro, da que teredes máis información.

Se queredes ver as fotos premede aquí.

8 mar 2013