O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

22 dic 2023

8 dic 2023

Domaio: mar e monte

 


A última saída do ano levounos ata o outro lado da ría para visitar a veciña Domaio e facer unha bonita ruta que, como di o título, partindo da beira do mar chegamos ata o alto do monte desde onde temos unhas preciosas vistas dese mar que deixamos á saída.

Comezamos no paseo marítimo de Domaio unha mañá con bastante frío, pero logo o deixamos en canto comezamos a subir para chegar á Poza da Moura. Unha pequena poza que se forma no curso do río Miñouva e está rodeada dun conxunto etnográfico formado por catro muíños que aproveitaban a forza deste pequeno río. Foi agradable gozar das fermosas vistas sobre a Ría de Vigo, dende Cabo Silleiro ata a ermida da Guía ou o Monte do Castro.

Coma case sempre esta poza ten unha lenda que di que a este lugar chegou un moro coa súa fermosa filla. Esta namorouse dun campesiño do lugar, pero o pai, que non consentía esta relación, deulle morte ó mozo moi preto desta poza. A filla, chea de dor, fundiuse na poza para sempre. Dende aquela disque polas noites se pode ver na beira peiteando os longos cabelos.

Seguimos subindo ata chegar ós Miradoiros de Candóns e logo ó alto do monte Xaxán ou Freixo. Aquí gozamos das fermosas vistas do fondo da ría cara a Arcade.


Comezamos a baixada ata chegar á Chan d’Arquiña, onde puidemos apreciar a mámoa e dolmen, ese monumento megalítico declarado Ben de Interese Cultural e que foi excavado nos anos 50 do pasado século.

Logo fixemos outra pequena subida para chegar ata o Monte Faro. O aire frío botounos logo de alí para ir ata o miradoiro das Mans onde fixemos as fotos de rigor.


Xa nun suave descenso achegámonos ata os muíños e pozas do río Freixa pasando pola plantación de camelias.

Pronto chegamos de novo ó lugar de partida, no paseo marítimo, onde demos boa conta duns cafeíños ou cervexas, asegún...despedindo así as andainas do ano.

En xaneiro, xa do 2024, comezaremos ben o 21 ou o 28. Avisarase con tempo.

Aproveitamos para desexarvos unhas boas festas e vémonos para o ano que vén. Saudiña para todas e todos os andaríns.

Para ver as fotos fai clic aquí.


22 nov 2023

Paredes de Coura: Cascata das Lages Altas e bosque de Lawson

 


Despois deste período de chuvias que tivemos ultimamente o normal era que as fervenzas estivesen no seu máximo esplendor. Pensando niso, a organización levounos ata o país veciño para achegarnos ata Paredes de Coura. Alí hai un trilho que ten como atractivos máis interesantes a Cascata das Lajes Altas e o bosque de cipreses de Lawson. E non defraudou.

Comezamos a andar en Valsa, na freguesía de Infesta, e ó pouco de empezar xa nos topamos coa cascata, que como era de esperar, resultou ser un espectáculo, unha imaxe fantástica. O Regato das Poldras baixaba furioso, facendo voar a auga que nos puxo a pingar.


Fomos subindo a contracorrente por un sendeiro moi empinado ata a cima da cascata. Alí non puidemos seguir polo sendeiro xa que había que atravesar unhas poldras e no se puido pola cantidade de auga que levaba o regato. Seguimos unha ruta alternativa non menos bonita, pasando por sendeiros inzados de follas, propio do outono, e por bosques de piñeiros resineiros dos que obteñen trementina, colofonia e brea; aínda que algúns estaban un pouco abandoados . Continuamos a ruta deseñada ata cruzar polos Viveiros Forestais do Alto da Cortelha, que é unha plantación de cipreses Lawson tamén chamados Cedro Branco ou Cedro de Oregón. Foron plantados na época de Salazar e co paso dos anos formaron un fermoso bosque que hoxe se atopaba atravesado por bastante auga.

Despois de xantar fixemos unha pequena subida ata un lugar coñecido como Penedo do Macaco. Dende alí pódese contemplar unha panorámica preciosa da zona.


Xa baixando suavemente chegamos ó punto final da nosa ruta, ó pé da ermida de São Sebastião en Roriz. Alí nos agardaba unha sorpresa coñecida por todos, as deliciosas rosquillas Ancla agasallo de Kico regadas cun bo tinto.


Volta cara a Vigo e convocatoria para o vindeiro 3 de decembro para rematar o ano 23.

Para ver as fotos fai clic aquí.

1 nov 2023

Ruta por Trives e Manzaneda

 


Saída de fin de semana para facer un par de rutas pola comarca de Trives. As condicións meteorolóxicas non animaban moito pero os andaríns do Souto do Vello non se amedrentan ante nada, sobre todo pensando en pasar unha bonita fin de semana e gozar do outono ourensán. O resultado foi espectacular, xa que puidemos facer as dúas rutas case sen chuvia por uns sendeiros inzados de ourizos e castañas (algúns quilos delas viñeron para Vigo), cruzando preciosos soutos e fragas que, aínda que non lucían por completo as cores do outono, xa se intuían.


O sábado comezamos a andaina dende o miradoiro das Penas de Rome despois de contemplar a espectacular vista sobre o Val do Navea. O primeiro tramo levounos ata a aldea de Pena Folenche o punto máis alto do val onde hai un penedo que ten toda a pinta de ser unha atalaia de vixilancia do paso do río, xa que por alí pasaba a Vía Romana XVIII. Hai un par de lendas sobre estes penedos, unha di que dentro hai un pasadizo que leva ata unha cova con tesouros; outra conta que Santiago saltou co seu cabalo deixando a pegada na rocha.

De alí baixamos por uns sendeiros que nos levaron ata Sequeiros, onde están os restos dun grupo de construcións, os sequeiros, que servían para secar as castañas recollidas polos arredores. Estas construcións posuían un piso inferior onde habitaban os propietarios e facían lume para ir secando as castañas colocadas na parte superior da vivenda. O chan desta parte estaba feito de táboas separadas para favorecer o paso do aire e do fume para o seu secado.

Seguimos sendeiro abaixo para chegar ata Ponte Navea, unha ponte medieval que substituíu á primitiva ponte romana máis grande cá actual.


Dende alí, por unha pequena pendente no medio dunha preciosa fraga chegamos ata a localidade de San Xoán de Río, onde paramos a xantar. Logo quedaba unha baixada pola que  chegamos ó remate desta xornada nunha zona one se atopan os miliarios de Cerdeiras o de Fonte das Guístolas.

O autobús levounos ata A Pobra de Trives para hospedarnos no hotel “La Viuda”. Pola noite degustamos unha exquisita cea no restaurante do hotel. Moi bo produto e moi ben atendidos.

O domingo 29, fixemos unha ruta circular que nos levou ata a vila medieval de Manzaneda e volver de novo a Trives. A pesar de que tivemos que dar volta nun par de ocasións por mor da cantidade de auga que levaban os regatos, foi unha ruta moi bonita xa que pasamos polo souto de Rozavales e démoslle unha aperta o castiñeiro milenario de Pumbariños, incluído no catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Despois de visitar Manzaneda, volvemos camiñar pola Vía XVIII ou Vía Nova e cruzamos a Ponte Cabalar.

Chegamos a Trives á hora de xantar e ó remate collemos o autobús que nos trouxo de novo a casa, despois de pasar unha bonita fin de semana menos chuviosa do que parecía en principio.

Temos que agradecer o bo facer do noso condutor Rubén, que acompañou en todo momento ó grupo alternativo para que puidesen gozar da comarca.

Para ver as fotos fai clic aquí.

12 sept 2023

Muíños e fervenzas de Raxoi e Parafita (Valga)

 


Hoxe, domingo 10 de setembro, damos comezo á 22ª tempada de andainas coa mesma enerxía e ilusión que a primeira.

Para esta primeira saída decidímonos por unha bonita ruta polo concello de Valga. Comezamos no lugar de Casal do Eirixo, onde se atopa a capela da Virxe da Saúde. Nós deixamos a visita para o final do percorrido. Dende aí dirixímonos cara a un lugar fantástico como é o que forman os muíños e fervenzas de Parafita primeiro e, subindo as escaleiras de madeira, a fervenza de Raxoi.


Ademais da capela da Virxe da Saúde tamén visitamos a dos Martores, onde observamos unhas tumbas suevas mentres tomamos as once. Tamén pasamos por Requian, onde paramos a comer no afamado Santuario dos Milagres.

Outro do lugar a salientar nesta ruta é a denominada Pedra da Serpe. Preto do monte dos Salgueiros, atopamos esta pedra onde hai representadas unhas grandes liñas en zigzag que poderían representar serpes relacionadas con ritos de fecundidade no pasado. Ademais obsérvanse perfectamente unhas mostras de círculos concéntricos e varios motivos diferentes por toda a superficie.

En fin, tratouse dunha ruta fácil de camiñar e que serviu para poñer a punto a estes camiñantes que repetirán no mes de outubro cunha fin de semana polas terras de Trives.


Para ver as fotos fai clic aquí.

14 jul 2023

Ruta do Foxo do Lobo en Rebordelo (Cotobade)


 O pasado domingo, 9 de xullo, fixemos a despedida da tempada de andainas, e como sempre, despois dunha pequena e bonita ruta houbo comida campestre e festa rachada.

Para a ocasión desprazámonos ata a praia fluvial de Pozo Negro en Rebordelo no concello de Cotobade.

A ruta pasa en gran parte á beira do río Almofrei polo concello de Cotobade coas súas pontellas, muíños, uns bosques máxicos e visitando a igrexa de San Martiño e a capela do San Brais. Nas terras altas atopamos os restos dunha das trampas máis antigas para a caza do lobo, o chamado Foxo do Lobo.

Tamén pasamos polas aldeas abandonadas de Arufe e Sabugueiro.


Á volta pasamos polos muíños Da súa Veiga e dos Milagres antes de chegar de novo á praia fluvial de onde partimos.

Alí agardaban unhas mesas debaixo dunha carballeira que moi amablemente nos preparou o propietario do bar O Muíño, ó que agradecemos a súa xentileza.

O tempo axudou a que degustasemos tranquilamente unhas ricas viandas moi ben regadas e na sobremesa aproveitamos para felicitar á nosa amiga Alicia polo seu aniversario cunha riquísima torta de amorodos agasallo de Kico.


A tradicional actuación dos Soutiños puxo fin á tempada 2022-2023, na que celebramos o 20º aniversario do grupo.

Antes de rematar esta crónica queremos salientar algúns momentos emotivos da xornada.

Dende a organización agradecemos sinceramente os agasallos recibidos e en especial o traballo da amiga Ángeles, que outro ano máis nos sorprendeu coas súas obras de arte.


Damos a benvida a Ernesto, o novo aspirante a gaiteiro dos Soutiños, que nos acompañou xunto coa súa familia.

E por último, pero non menos importante, lamentamos a ausencia do amigo Carlos, que xa se atopa no proceso de recuperación dun pequeno atranco que agardamos supere o antes posible para que poidamos velo con nós, xunto coas demais persoas que continúan recuperándose tamén e que botamos moito de menos.

Desexamos que pasedes un bo verán sen deixar de adestrar, que o mes de setembro está aí e a organización segue traballando para preparar a nova tempada. Saúdos.

Para ver as fotos fai clic aquí.

8 jun 2023

A Lama

 


Para realizar a penúltima andaina da presente tempada, este mes achegámonos ata o concello de A Lama. Aí hai unha ruta que se denomina Ruta da Liberdade. O seu nome débese ó traballo que realizaron no deu día un grupo de presos do cárcere de A Lama conxuntamente coa Cultural Río Barbeira, acondicionando e preparando a mesma. Agora é o propietario do bar Florencio o que se encarga de tela ben acondicionada. Con nós portouse moi ben, xa que ademais da información sobre a ruta e debido a que as previsións meteorolóxicas ameazaban chuvia, ofreceunos moi amablemente as súas instalación para poder resgardarnos á hora da comida. Ó final non fixo falta porque estivo un día fantástico, pero gozamos da terraza do bar onde comemos e fixemos unha agradable sobremesa. Moitas grazas.

A ruta é moi bonita. Partindo do bar Florencio discorre na súa maior parte pola beira do río Barbeira entre preciosos bosques de carballos e por camiños de pedra e con muros tapizados dun verde intenso.


Logo camiñamos pola serra do Cando, onde se poden observar grupos de cabalos en liberdade. As vistas son espectaculares. Seguindo a ruta chegamos á vila de Covelo...Covelo de A Lama, onde destaca a figura de Manuel Barreiro Cabanelas, un emigrante a Brasil que fixo da súa localidade nata una vila especial; destacando as artes de cantería nas fontes e fachadas. De novo voltamos ós bosques cercanos ó río que nos acompañarán ata o punto de inicio.


Ademais da riqueza de flora e fauna, a ruta ten cantidade de elementos etnográficos e históricos como pontes, muíños, petos de ánimas, ermidas e cruceiros. Tamén pasa por interesantes aldeas como O Peso, As Chozas, San Lourenzo, O Cabaniño, Barbeira e o citado Covelo.

Como se dixo anteriormente, ó chegar puidemos comer utilizando as mesas da terraza do bar Florencio, con sobremesa prolongada xa que se estaba de marabilla.

A media tarde volta para Vigo quedando convocados para o remate da tempada que será o vindeiro 9 de xullo con festa rachada e baño...se procede.


Para ver as fotos fai clic aquí.

18 may 2023

Corrubedo...montes e praias

 


Texto elaborado polo noso amigo Antonio, que foi quen deseñou a ruta que fixemos o pasado domingo, 14 de maio, pola bonita vila de Corrubedo.

“O sendeiro circular SR-1, percorre toda a costa da península de Corrubedo, e aumentándoo ata o monte Tahume, sae unha ruta de dificultade baixa nos seus 18km, pasando incluso polos dous cumios-miradoiros da zona, monte do Facho de 138 m. e o Tahume de 240m. 

O inicio da ruta é no recheo do porto onde está a praia da Robeira e o monumento ós mariñeiros de Corrubedo falecidos no mar, e comezámola subindo ata a igrexa da parroquia “Sta. María da Asunción-1907” onde se atopa o monumento que conmemora o 50 aniversario do naufraxio e rescate por parte do pobo de Corrubedo do iate inglés “O Debonair” 1960-2010. 

Continuamos camiñando en dirección N polas pequenas rúas da vila na que se mesturan as casas de labradores cos seus patios interiores, alboios, canastros e as bufardas das cortes e as dos pescadores coas ménsulas para secar as redes e a roupa e ata non hai moitos anos o rechamante cor da pintura das súas fachadas. 


Facemos a primeira parada na praia da Robeiriña onde se atopan as ruínas dunha das 3 factorías de salgado que houbo na vila, chamada a de Carraspello na que se salgaba nas súas tinas bacallau, abadeixo e sardiñas e na finca secaban o congro.
 

Seguimos pola rúa das Delicias e baixamos as pequenas praias das Furnas ata chegar á praia da Ladeira onde se atopa a duna móbil máis grande do noroeste español, este areal coa súa continuación coa do Vilar chegan ata os 5Km de lonxitude. 

Saimos da vila e entramos no monte polo merendoiro da “Laxe da Gata” de Teira e que nos levará ata o cumio e miradoiro do monte Facho (138m) no que a maleza esconde restos castrexos dun castro. En días claros divísanse  as 3 Illas Atlánticas e os montes da Groba en Baiona-Oia. 


Comezamos a baixada ata o antigo camiño de pes de outeiro dos pobres, que era usado polas xentes que viñan a traballar a Corrubedo dende Xuño, Queiruga, Porto do Son… ata o ano 1945 que fixeron a estrada. Seguindo o camiño, hoxe unha pista, chegamos á aldea de Espiñeirido co seu cruceiro, e dende aquí camiñaremos por pistas e camiños ata a aldea rehabilitada de Olveira da Arriba.

Despois de tomar as 11, encaramos polo sombrío monte redondo a subida tendida o monte Tahume (240m) onde se atopan as antenas e radares de salvamento marítimo, así como restos do castro e da gran cruz de ferro que o coroa, e poderemos gozar das fermosas vistas de 360º dende Fisterra á Groba e do val que discorre entre a costa e os montes do Barbanza. 

Iniciamos a baixada polas 12 reviravoltas e o tramo de escaleiras que nos leva á capela de San Bieito de Seráns onde na súa campa e fonte milagreira deterémonos a xantar. 

Despois de recuperar forzas baixamos pola aldea de Seráns ata a praia  da Recabeira onde iremos polo paseo de madeira e senda da costa ata o faro de Corrubedo, pasando pola pequena praia do Rial, co seu muíño na duna, a punta de Pardiñeiras, a punta da Laxe Brava ou Teira, a cruz do naufraxio, a furna Brava, as brañas de Teira, a punta do Corgo, o penedo miradoiro de Outeiro da Mina, as praias das Barreiras e de Balieiros, a praia e furna do Portiño, a Punta do francés, as Covas e por varias zonas de pedras de pelouros-coídos que o mar e o vento ó longo de moitísimos anos as erosionaron e lle dan esas formas redondeadas. 


Facendo un pouco de historia do faro de Corrubedo, comezou moito antes do século XII, sendo un facho que estaba na ladeira N do monte Facho na aldea de Teira, e alimentábase de carburo. Esa pouca luz que tiña, dende o mar pouco se podía ver, e se había néboa xa non se vía nada de aí tantos naufraxios na zona. O que  estaba claro é que na aquela época estaba mal situado, polo que no ano 1954 entrou en servizo o actual faro, e foi durante moito tempo o único da costa galega coa súa luz vermella. Era coñecido como o “faro comunista”. Hoxe é branca como os demais. Tamén tiña unha torre de trompetas que rezumaban  os días de néboa, pero hoxe en día cos sistemas modernos de navegación dos barcos, hai anos que deixou de soar e tanta  modernidade chegou, que o faro hoxe está totalmente automatizado e sen ningún persoal que o dirixa, atopándose estes na vila de Vilagarcía de Arousa. 

Abandonamos o faro en dirección SW pola senda da costa ata a fin da ruta pasando pola punta Buraseira, a furna Brava, Punta outeiro dos corvos, furna das Galletas, enseada da chan de Teira, punta do pozo Salgueiro,  pedras de pelouros-coidos do Cantón, punta paxariñas, punta Praxeiro, o Cantón,  casas dos pescadores e praia do Prado e remate no paseo marítimo da Farola do murallón. 

Despois da tan saudable, vistosa e cultural ruta, ben merece unha parada nos numerosos bares da vila para degustar os produtos espectaculares que dá as riquísimas augas deste mar.”

Pois nós fixémoslle caso a Antonio e rematamos cunha fresca cervexiña nunha das terrazas no porto.

Despois desta bonita ruta quedamos convocados para o vindeiro 4 de xuño para facer a penúltima andaina da tempada.

Para ver as fotos fai clic aquí.


29 abr 2023

Dorna - Lamas de Mouro (Castro Laboreiro)

Como anunciaba o cartaz, este mes tocaba a visita ó noso "Santuario do Bacalhau", e alá fomos. Desta volta tivemos que pagar unha pequena penitencia, xa que o día non se prestou para gozar da fermosa ruta que elixiu a organización co fin de prepararse para o que viría despois. Pero como somos uns fieis cumpridores, a pesar do día gris e chuvioso por veces, fixemos a ruta moi contentos.

Achegámonos ata a Serra da Peneda, saíndo de Dorna, en Castro Laboreiro, chegamos a Lamas de Mouro. Desde o val do río Laboreiro fomos subindo ata chegar a Chã da Matança, un prado de alta montaña.


Seguindo polo sendeiro empedrado e con dificultade por estar as pedras molladas, pasamos por Portela do Lagarto, onde hai unha figura granítica que semella un lagarto. De aí, logo chegamos a un peto de ánimas para facer a foto de grupo como a que fixemos hai uns anos. En Lamas de Mouro xa nos agardaba o autobús que nos achegou ata o Restaurante Miracastro para degustar o fantástico menú un ano máis. Por suposto non pode faltar o bacalhau con broas e o cabrito con pataquiñas.


Ó remate, nova actuación do grupo "Os Soutiños", onde xa é habitual a participación da pequena tamborileira/bailarina, así como o acordeonista da casa. Remate fantástico.

Non queremos rematar a crónica sen lembrarnos da nosa compañeira Celia, que nestes momentos está loitando para superar un pequeno problema de saúde. Estamos seguros que o superará moi pronto para estar de novo con nós e gozar da súa compañía. Dende o grupo enviámosche un saco cheo de enerxía positiva desexando que te recuperes o antes posible. Ánimo!!!

Quedamos convocados para o vindeiro domingo 14 de maio con destino e hora aínda por confirmar.

Para ver as fotos fai clic aquí.

16 mar 2023

Airoa - A Laxe

 


“Airoa é un lugar da parroquia de A Laxe no concello de Fornelos de Montes, asentada nas abas da serra do Suído. Está atravesada por  varios ríos e regatos, destacando o río Parada e o seu afluente Valdohome, que van deitar as súas augas no río Oitavén.”

Isto é o que escribimos neste blog alá por setembro do 2014 cando fixemos unha ruta que denominamos “Airoa, paraíso natural”. Daquela diriximos os nosos pasos cara ó pico Bidueiros. Hoxe, case dez anos máis tarde volvemos ó “paraíso” pero iremos noutra dirección.

Saímos camiñando desde Airoa e, comezando cunha suave subida chegamos ata o miradoiro da fervenza de Casariños, tamén chamada fervenza de Fonte Uceira. É unha das fervenzas máis bonitas que temos por estas terras. Con xeito baixamos ata o pé dela para poder admirar a súa beleza.


Continuamos camiño subindo por entre as xestas e toxos para chegar a un camiño despexado e atravesando pequenos regatos incluíndo os pasos de pedra da Barranqueira de Uceira, demos coa pasarela do río Valdohome que nos pasou a unha preciosa pradeira (Chan do Porto) onde se atopan os famosos chozos de Casariños.

Deixamos os chozos para a volta e continuamos a subida ata a Pedra de Abalar, unha formación rochosa que anima a tentar descabalgala. Seguimos subindo e demos co Coto dos Ladróns. Son unhas formacións rochosas con oquedades onde se di que se escondían cuatreiros, asaltantes de camiños e a mesmísima Pepa A Loba.  Estas formacións foron aproveitadas tamén como refuxio de gandeiros.

Continuamos subindo na busca do foxo do lobo de Pigarzos onde puidemos observar a trampa formada por dous muros en forma de V que converxen nun vértice cunha profunda estrutura circular de pedra, que é o que se chama propiamente “foxo”, onde ía dar o lobo para poder ser “cazado”.


De alí comezamos o descenso para volver á área de descanso de Chan do Porto onde paramos a comer.

Ó pé desta área de descanso atópase o que chaman “O Curral do Porto”, un asentamento de chozos cos seus respectivos currais, onde se gardaban os gandeiros cos seus rabaños.


Volvemos á pasarela para cruzar o río Valdohome e dirixíndonos cara o oeste facemos unha preciosa baixada que nos levou ata a fervenza de Coto Grande.

Seguimos baixando por un empedrado camiño e atravesando un antigo pontón chegamos ó punto de partida na aldea de Airoa.


Alí agardaba a sorpresa final, xa que o amigo Fernando celebrou con nós o seu tatantos aniversario agasallándonos cunhas rosquillas da confitería Ancla e un rico viño da Ribeira Sacra. Parabéns Fernando!!

Ben satisfeitos co resultado da xornada de hoxe voltamos a Vigo, quedando emprazados para o vindeiro 23 de abril para dar conta da peregrinación anual ó Santuario do Bacalhau

Para ver as fotos fai clic aquí

Se queres coñecer a historia de Pepa a Loba cantada por A Banda da Loba fai clic aquí.

1 mar 2023

Ruta pola Franqueira e montes da Paranta.

 



Segunda saída do ano e primeira con remate festeiro. Tocaba saída con cocido e decidimos achegarnos ata o santuario da Franqueira, no concello da Cañiza, para facer unha pequena pero preciosa ruta e rematar na tapería Eido do Monte no barrio de Cebreiro, onde demos boa conta dun exquisito e abundante cocido.

Comezamos a andar ó pé da parroquia da Nosa Señora da Franqueira, unha igrexa do século XIII con portada gótica con reminiscencias románicas. De aí comezamos unha prolongada subida, pasando polo Curro da Paradanta, ata chegar ó Alto do Chan do Rei, xusto no medio do parque eólico inzado de grandes aeroxeradores.


Dende estes montes da Paradanta nos días limpos pódese ver a Ría de Vigo, as vilas de Ponteareas, A Cañiza,...a Serra do Galiñeiro e mais a do Galleiro. Tamén albiscamos a Serra do Xeres. Hoxe puidemos gozar destas vistas a medias, ás veces si e outras atopamos algunha brétema que nos impediu ver por completo esas paisaxes.


A continuación chegamos ata o Coto da Vella – Chan do Marco a 935 m de altitude. Detrás está a cova onde se atopa a imaxe da Virxe da Franqueira onde di a tradición que no século VII se ocultou a imaxe no monte, polos perigos dos Sarracenos, e posteriormente unha veciña do lugar apacentando o gando atopouna.

Seguimos a ruta pasando polos miradoiros e chegamos ata o Neveiro dos Frades, unha construción do século XVI-XVII onde se acumulaba a neve para logo ser transportada con fins terapéuticos, de refrixeración e de conservación de alimentos.

De aí continuamos ata a Cruz da Paradanta onde remata o Viacrucis que nós fixemos ó revés. Unha baixada en zigzag de case dous quilómetros para chegar a un camiño que nos levou ata o punto de partida.

Con moita ilusión e algo de fame, chegamos ó restaurante e con “grande esforzo” fomos picando un anaco de fociño, outro de costela, un máis de chourizo...e unhas verzas que estaban boísimas. Un cocido completiño e moi saboroso, no punto de desalgado e cocción correcto. Segundo algunhas opinións, un dos mellores cocidos que levamos comido, aparte do da casa de cadaquén. ´


E como é preceptivo, logo chegou a festa cos Soutiños ó completo, incluída a nova tamborileira. Un bo rato de baile e canto para rematar un día precioso, aínda que un pouco fresco.

Quedamos xa convocados para o vindeiro 12 de marzo e a seguir camiñando.

Para ver as fotos fai clic aquí.