O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

21 nov 2021

Ruta da Amargura (Nogueira de Ramuín)

 O Souto do Vello ten por costume polo outono facer una visita á provincia de Ourense para gozar das súas paisaxes con esas cores caracterísitcas. Este ano eliximos a Ruta do Camiño da Amargura polas terras de Luintra. Esta ruta foi acondicionada (e continúa estando) pola asociación Móvete por Nogueira aos que agradecemos este traballo tan ben feito, como sempre. A ruta, que discorre polos arredores do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, está moi ben deseñada, sinalizada e conservada por esta asociación sen ánimo de lucro. A xente que nos gusta o sendeirismo témoslles que estar moi agradecidas polo excelente labor que están realizando. Parabéns!!

Comezamos na localidade de Luintra, no concello de Nogueira de Ramuín, berce dos afiadores, e o percorrido foinos levando por sendeiros e antigos camiños que unían varias localidades da zona. O nome da ruta vén do camiño que seguían os condenados pola Inquisición dende o mosteiro ata o “Chao da Forca” onde eran axustizados.

Entre outros puidemos gozar de fantásticos miradoiros, dun conxunto de Mámoas do Neolítico, construcións e aldeas tradicionais como Biduedo , soutos centenarios, o Castro da Moura, o Castro de Litoria, e por suposto o Mosteiro de Santo Estevo.

O remate de novo en Luintra foi moi doce, xa que o noso amigo Quico agasallounos cunhas ducias de exquisitas rosquillas da Confitería Ancla regadas cun bo tinto. Unha preciosa xornada na que tamén acompañou o bo tempo.




Para ver as fotos fai clic aquí.