O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

11 mar 2015

Sendeiro das Greas 2ª etapa (Fornelos de Montes - Xunqueiras)




Continuando co plan de facer o Sendeiro das Greas, o pasado domingo 8 de marzo, fixemos a nosa segunda etapa que comezou en Fornelos de Montes e rematou en Xunqueiras pasando por Traspielas. Para esta etapa a organización reservou un día de primavera marabilloso, se a isto lle engadimos que se trataba dunha das máis bonitas etapas do Sendeiro, pois…como dicía o meu avó: “mel nas filloas”.
A etapa transcorre pola Serra do Suído, onde están os puntos de maior altitude da provincia de Pontevedra. Comezamos a andar ao pé do eucalipto do Ceo, un bo exemplar de eucalipto. De aí fomos ata o muíño do Ceo, un muíño moi bonito e que ten unha levada de gran lonxitude e moi ben conservada. Un sendeiro polo medio do monte levounos ata o camiño empedrado que sobe ata Ventín e despois a Bustelos. Aí ao pé da capela de San Caetano tomamos o bocadillo que nos daría forza para seguir. A partir de aquí pasamos pola fraga de Oredo cruzada polo río Couñago, afluente do Oitavén. Trátase dun bosque caducifolio de gran beleza pola diversidade de especies vexetais que reúne. Sáese da fraga no Alto do Foxo. A través dunha pista forestal chegamos ata o Couto do Corgo, onde se atopan os restos dun foxo do lobo dobre. O camiño continúa por unha zona case sempre chea de auga chamada Chan dos Prados. Dende aquí tomamos un desvío para subir ao Coto de Eiras de 885 m, un espléndido miradoiro dende onde puidemos contemplar a Ría de Vigo e máis alá. Para subir a este Coto, a organización preparounos un “atallo” que nos levou unha hora máis chegar ao alto. Aí puidemos aprender para que serven as mans cando fas sendeirismo, ou mellor dito “alpinismo”. Pero que ben o pasamos…sobre todo despois de chegar ao alto. Despois de baixar do Coto aproveitamos para tomar un pequeño refrixerio. Sen poder durmir sesta tomamos camiño a Traspielas. Ao saír de Traspielas coincidimos co sendeiro do río Barragán e visitamos o muíño e a fervenza do río Pielas. Despois xa nos quedaba o tramo final que nos levaría ata Xunqueiras onde nos esperaba o autobús para volver a Vigo.
Dende aquí queremos aproveitar para enviar un saco cheo de ánimos e forzas para Mª Jesús e Antonio para axudalos a superar estes malos momentos agardando que máis pronto que tarde volvan estar con nós. Ánimo!


Para ver máis fotos fai clic aquí.