O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

14 nov 2024

Ruta da Broa (A Merca)

 


Nós temos por costume facer unha ruta propia de outono no mes de novembro. Ultimamente adoitamos achegarnos polas terras de Ourense para facela e este ano non ía ser menos. Así que decidimos desprazarnos ata a comarca de Celanova, máis concretamente ós montes de A Merca para facer a chamada Ruta da Broa. 


O día presentábase de auténtico outono, gris e con algunha chuvieira pero con boa temperatura para camiñar. O camiño non defraudou, estaba precioso, con bonitos sendeiros, camiños fondos ou corredoiras ben alfombradas de follas secas de castiñeiros e carballos que agochan as últimas castañas do ano.

A ruta atravesa pequenas aldeas como Fontao, Covas do Río, Entrambosríos, Olás, Oxén... Tamén pasamos pola bonita aldea abandonada de Ponte Ermida, precioso exemplo de arquitectura tradicional totalmente esquecida.

Durante un bo rato camiñamos ó pé do río Arnoia pasando pola chamada Poza do Cholas.
Non tardamos en pasar pola zona de Airiña da Leira onde se atopa un “bambán con vistas”.
Unha boa parte do percorrido coincide co trazado do “Camiño Real” que empregaban os antigos zapateiros de Vilanova dos Infantes para mercar o coiro nas fábricas de curtidos de Allariz.


Ó remate da ruta achegámonos ata A Merca para visitar o conxunto de hórreos, o máis numeroso de Galicia. Lástima que neste momento están cos labores de arranxos e non é recomendable a visita. Si que é chamativa a exposición de fotografías de Manuel Outumuro titulada “Mulleres doutros mundos” e que están expostas en distintos soportes da vila.

O remate non puido ser mellor, xa que nos achegamos ata o Mesón do Labrego onde a organización nos tiña reservada unha tapiña de callos para acompañar a cervexa. Perfecto final para unha andaina típica de outono.


Para ver as fotos fai clic aquí.