O pasado venres 21 de
outubro saíu o autobús do Souto doVello cara a Burbia, localidade pertencente
ao concello de Vega de Espinareda, coa intención de facer a subida ao pico
Mostallar, tamén Mustallar ou Mostayal, (Mustallar : Monte máis alto da provincia de Lugo situado na Serra dos Ancares, ao oeste da
Cordilleira Cantábrica, cunha altitude de 1924 m., a 42° 49' N; 6° 50'
W)
Despois dunhas boas
voltas e reviravoltas (menos mal que xa era noite e non apreciamos ben por onde
pasabamos) chegamos ao camping de Burbia. Alí fixemos noite e ao día seguinte,
un día precioso por certo, saímos cara ao Mostallar.
Ao principio vas
camiñando por unha pista entre soutos preciosos que deitaron as súas castañas
para que algúns soutiños e soutiñas se abaixasen a collelas. Pouco a pouco imos
meténdonos nun precioso bosque con rebolos, algún teixo, acivros…
Seguimos subindo e a
paisaxe vai cambiando pouco a pouco. Chegamos a unha cabana que serve de
refuxio, a cabana do Acebalín, onde comemos un pouco para poder rematar a
subida con forza.
O ascenso pasa polos
lagos de Burbia; aquí xa a vexetación é totalmente distinta e vese moita pedra.
Contemplando a paisaxe ao teu arredor ves unha especie de circo cos picos
Cuerno Maldito, Lagos e Mostallar. Chegamos á cima do pico Lagos e dende alí
contemplamos a impresionante paisaxe que nos ofrecen os Ancares, a unha banda
os galegos e a outra os leoneses. Rodeamos o Castillín (procurando non mirar
para abaixo e coa axuda de Poli que fixo de parapetos) e conseguimos chegar ao
cume do Mostallar. Alí paramos un momento para facer a foto regulamentaria e
gozar da natureza.
Despois dunha agradable
“sobremesa” ao sol, cruzamos os arames para comezar un duro descenso cara a
Burbia. Con coidado de non caer nas pedras soltas baixamos observados polas
imponentes paredes do Mustallar e Penalonga. Máis abaixo cruzamos as pedras que
deberon caer das Peñas dos Bodegois.
O descenso continúa xa
maís suave e cruzando outra vez bosques preciosos coas cores típicas do outono.
Á volta esperaba unha
suculenta cea á que lle seguiu unha queimada (con lectura do conxuro por dous
especialistas na materia) e festa amenizada polos Soutiños.
O domingo houbo que
improvisar un percorrido xa que o que estaba previsto non se puido facer por
estar todo queimado.
Partimos de Burbia e
fomos baixando ao pé do río do mesmo nome cara a ”Campo del agua”. Fixemos unha
andaina moi agradable cunhas paisaxes moi bonitas, cruzamos localidades como
Aira da Pena, onde había bastantes nogueiras ao pé do camiño; por certo estaban
moi boas as noces! Paramos a comer na área recreativa onde está a “fábrica de
hierro de la Somoza”.
Logo tivemos que buscar a saída cruzando o río, unha bonita aventura para
rematar a andaina.
A media tarde collemos o
autobús para vir de volta a Vigo en busca da chuvia. Por certo, vaia se a
atopamos!
Unha fin de semana moi agradable que debemos agradecer a todos os que
participaron na organización.
Si siñor que bonita presentación e acertados comentarios sobre todo cando dis o agradable do fin de seman, a verdade que o pasamos moi ben, felicitar a todos o bo comportamento tanto nas andainas coma na festa, e a Concha, Loli, Raul e Garrido os seus bos consellos e que nos leven a estes espetaculares lugares
ResponderEliminarEspectaculares paisaxes, tempo perfecto, boa compaña...que máis se pode pedir?
ResponderEliminarA seguir camiñando!!!....outros 10 anos!!