O Souto do Vello no cume galego!
6 de out. de 2026
30 de set. de 2026
Serra do Suído - Covelo
Estamos de aniversario.
Estamos de aniversario porque comezamos a vixésimo quinta tempada de andainas,
o que quere dicir que cumprimos as “vodas de prata”. Este aniversario é moi
importante porque representa un cuarto de século de vida xuntos e o significado
de vodas de prata vén de que a prata simboliza a resistencia, a pureza e o
brillo dunha relación duradeira. Pois creo que se pode aplicar a este grupo si
ou non?
Chegamos ó punto máis
alto desta ruta polo que a partir de agora só quedaba baixar, e foi o que
fixemos. Nun continuo descenso chegamos a Fofe, unha parroquia onde se atopa a
Rectoral de Fofe, hoxe convertida en casa de aloxamento rural.
Subimos ó autobús para a
volta a casa facendo unha pequena parada para repoñer líquidos nunha terraciña
en Maceira.
Nesta primeira saída
demostramos que se aproveitou o verán para adestrar xa que todo o mundo deu
conta do recado sen ningún problema.
Despedímonos coa ilusión
de que chegue o 15 de outubro onde iremos ata terras asturianas para unha convivencia
de catro días.
Para ver as fotos fai clic aquí.
14 de set. de 2026
16 de xuño de 2026
Polo Tea e o Furafollas (Mondariz)
Esta foi unha xornada lúdico-festiva-sendeirista para rematar a tempada 25-26 deste fantástico grupo como é O Souto do Vello.
Nunha xornada entre calorosa e calórica fixemos unha ruta que transcorreu na súa meirande parte pola beira dun río, ben do Furafollas ben do Tea, o que a fixo máis levadeira. O remate na praia fluvial do Val axudou a aliviar as calores acumuladas e deu paso a unha exhibición calórica das viandas que agardaban nas mesas de pedra. Empanadas, tortillas, filetes,...sen esquecernos dos doces caseiros, e un día máis das rosquillas Ancla agasallo e Kico.Para axudar a "baixar" todo isto, actuación do afamado grupo "Os Soutiño" que animou a bailar durante un bo anaco.
Antes de todo isto, chegamos pola mañá á praia fluvial para dar comezo a ruta pasando pola ponte de Cernadela cruzando o río Tea, unha ponte do século XV. A continuación buscamos o regato Furafollas, e á beira del fixemos a que chaman "A Senda do Dragón", unha bonita senda inzada de pozas que chamaban a un mergullo.
Continuando a ruta chegamos ata Sabaxáns, onde atopamos no lugar de Ermelo as ruínas da antiga casa de baños e fonte de augas mineiro medicinais co seu característico cheiro a ovos podres.
Máis tarde cruzamos o río Tea polos famosos pasos de Tatín e camiñando pola outra beira pasamos pola praia fluvial do Foxaco.
Xa para rematar volvemos cruzar o Tea pola ponte metálica e accedemos a praia do Val onde iniciamos o percorrido.
A continuación baño, xantar e baile serviron para dar remate a unha bonita tempada.
A organización pídevos que gocedes dunhas merecidas vacacións de verán sen esquecer adestrar un pouco e quedades convocados para setembro, onde agardamos contar de novo coa presenza do amigo Telmo ó que desexamos unha pronta recuperación.
Bo verán!!
Para ver as fotos fai clic aquí.
31 de maio de 2026
13 de maio de 2026
Costa Ártabra
Xa van alá 8 anos cando comezamos este bonito proxecto chamado “O camiño do mar” que nos levaría a percorrer a costa norte galega. Esta fin de semana tocaba parte da Costa Ártabra, concretamente no concello de Valdoviño.
O sábado saímos
de Vigo cara a localidade de Vieiteiro, moi preto da famosa praia de Pantín.
Tras un pequeno treito por estrada chegamos ó principio da praia da
Frouxeira. Poderíase cruzar a longa praia polo areal, pero optamos por virar á esquerda para rodear a bonita lagoa do mesmo nome. O camiño é un precioso paseo baixo a arboreda observando a fauna e flora da lagoa. Atravesando a aldea de Lago, dirixímonos á praia, continuación da praia da Frouxeira, completando así o paseo da lagoa.
Aproveitamos para
repoñer forzas ó soliño e continuar logo coa ruta. Continuamos polo areal
observando de fronte o novo e curioso faro da Frouxeira ou faro de Meira.
Despois de rodealo tiñamos intención de achegarnos ata a ermida da Virxe do
Porto, xa que nese momento poderíase ver ó estar a marea baixa. Pero o ceo
ameazaba bronca e aceleramos o paso para chegar ó autobús antes de que
descargase a treboada. Non deu tempo. Un pouco humedecidos collemos rumbo a
Ferrol para chegar ó hotel e darnos unha reconfortante ducha.
O domingo pola mañá atopámonos coa sorpresa do fallo das predicións, que non daban chuvia ata a tarde e sen embargo non nos deixou en toda a mañá. Pouca pero molesta, non nos permitiu gozar como é debido dunha preciosa costa e unhas vistas ó val incribles.
O autobús achegounos ata o lugar onde nos recollera o día anterior, e dende alí comezamos o sendeiro que nos levou ata a aldea de Taraza. Despois de pasar pola praia de Meiras e logo dun tramo por estrada, comezamos a subida a Montefaro. Unha espectacular atalaia onde se atopan restos das baterías de costa que se colocaran no 1926 para a defensa da costa Ártabra.
Dende o alto hai
unhas espléndidas vistas da punta Frouxeira para atrás e do cabo Prior para
adiante.
No remate da
etapa hai unha baixada cara a praia de Ponzos que é espectacular. Como ameazaba
chuvia dirixímonos ata o centro de Covas onde nos agardaba o autobús para a
volta a Vigo.
Mentres os andaríns gozaban dos sendeiros pola costa, o grupo alternativo fixo a súa ruta de turismo tamén pola zona. O sábado coincidiron con nós polos arredores de Valdoviño e o domingo paseo por Ferrol, Redes e Pontedeume, aínda que a chuvia impediulles aproveitar ben os paseos.
Agradecemos o
traballo do persoal do hotel Silva unha vez máis, así como a xenerosidade do
amigo Kico que puxo á nosa disposición a súa furgoneta.
Continuaremos co
proxecto moi pronto porque nos agardan lugares tan bonitos como o cabo Prior.
Para ver as fotos fai clic aquí.
4 de maio de 2026
14 de abr. de 2026
Vale de Poldros - Branda da Aveleira
Continuamos coa nosa
tradición por estas datas de visitar o que chamamos “Santuario do Bacallao”,
porque para nós é un auténtico santuario. Proba diso é que este ano xuntámonos
ata 80 persoas para degustar os afamados bacallao e cabrito do restaurante
Miracastro en Castro Laboreiro. Acompañáronnos na andaina e mais na comida, un
grupo de andaríns de Pedra Jaiada de Ribadetea, liderados polo amigo Kico e na
degustación unha representación importante no noso “grupo alternativo”.
Para facer un pouco de
boca tocou facer un paseíño dende a Branda de Vale de Poldros ata a Branda da
Aveleira, no concello de Melgaço.
Desta volta comezamos a andaina na branda de Santo Antonio, que ben podería pasar por unha aldea dos Hobbit. O tempo frío e desapracible non permitiu que nos detivesemos moito tempo contemplando as bonitas construcións.
Fixemos unha preciosa
subida a través do glaciar que forma o val do río Vez gozando dunhas bonitas vistas
con esas ladeiras inzadas de chorimas primaverais.
Aproveitamos para visitar a mámoa do Batateiro como representación das múltiples que hai pola zona. Dende alí dirixímonos á branda da Aveleira onde rematamos a nosa ruta non sen antes ter que abrir os paraugas debido á fría chuvia que caeu por momentos.
Esquecemos todo iso en
canto subimos ó autobús para dirixirnos cara a Castro Laboreiro. O persoal do
Miracastro xa nos agardaba con todo preparado. Temos que agradecer o detalle
que aprazasen o peche por reformas do local para que nós puidesemos cumprir co
precepto do bacallao.
Unha vez máis non
defraudaron nin as entradas, nin a sopa, nin o bacallao, nin tampouco o
cabrito. E para rematar as obrigadas tetiñas castrexas. Unha opípara comida,
coma sempre.
Na sobremesa os
compañeiros e compañeiros sendeiristas quixeron agradecer o traballo de
organización agasallando cunha bonita caricatura ós colaboradores. Moitas
grazas de parte de todos eles.
E para rematar,
fantástica actuación do grupo “Os Soutiños” acompañados dun animoso e numeroso
grupo de baile que encheron o salón xa baleiro de comensais.
A media tarde, volta
para Vigo e pensando xa na vindeira saída o 9 e 10 de maio ata a comarca de
Ferrol para continuar co Camiño do Norte.
Para ver as fotos fai clic aquí.
13 de abr. de 2026
19 de mar. de 2026
Rianxo - río Té
O pasado domingo 15 de
marzo fixemos un dos percorridos máis completos que se poden facer nunha
xornada xa que gozamos dunha ruta urbana, unha ruta fluvial, outra por monte,
para rematar polas praias.
Para iso achegámonos ata
o concello de Rianxo, na comarca do Barbanza. A meteoroloxía acompañounos unha
vez máis cun día de sol marabilloso e unha temperatura ideal para camiñar.
Comezamos no peirao de Rianxo, ó pé da ermida de San Bertolomé. Dende alí fomos percorrendo as rúas desta bonita vila, berce de escritores e poetas como Castelao, Manuel Antonio ou Rafael Dieste, pasando por diante das casas onde moraron algúns deles.
Tamén tivemos tempo de
escoitar as ofertas dos vendedores e vendedoras do mercado dominical.
Non faltou a parada e
foto diante do famoso santuario da Virxe de Guadalupe.
Saímos da vila polo
paseo marítimo pasando polo grupo escultórico da santa Compaña e mais polos
restos do Castelo da Lúa.
Xa logo entramos no sendeiro fluvial do río Té, un sendeiro no que fomos acompañados en todo momento polo marmurio das augas, o verdor da natureza e un bosque formado por carballos, castiñeiros e amieiros. Nalgúns tramos hai unhas pozas de auga cristalina que animan ó baño e noutras os desniveis forman preciosas fervenzas.
Pero un dos atractivos
importantes que ten este percorrido é a cantidade de grandes muíños, hoxe en
día en ruínas, que fan pensar da importante economía da zona.
Tamén pasamos por
importantes núcleos de poboación como poden ser Brión ou Asados.
Non faltou unha pequena
subida cara ó miradoiro de Leiro, que non chegamos a coroar por falta de tempo.
Paramos a comer en Brión
e continuamos a marcha pasando polo famoso petróglifo d’Os Mouchos.
Xa continuamos cara ó mar para pasear polas praias de Lodeiro, de Porrón, do Tronco e a de Tanxil onde se atopa a imaxe da Virxe de Guadalupe.
De aí xa continuamos ata
o punto de partida onde nos esperaba un doce remate, xa que o amigo Kico nos agasallou
cunhas ricas rosquillas Ancla, deliciosas coma sempre.
Despois desta preciosa
xornada, quedamos emprazados para o vindeiro 12 de abril onde, puntualmente,
cumpriremos coa anual visita ó noso santuario do bacalhau.
Para ver as fotos fai clic aquí.
9 de mar. de 2026
11 de feb. de 2026
Ruta por Guláns (Ponteareas)
Entre Kristin, Leonardo, Marta e Nils que non nos deixan ver o Sol, atopamos un día case perfecto para facer a nosa andaina de febreiro. Este domingo, día 8, achegámonos ata Guláns, en Ponteareas, para facer unha bonita ruta que o amigo Nisio nos amosou uns días antes.7
Nisio é o principal organizador
da andaina AndaGuláns, a Ruta do Rancho, que se celebrará o vindeiro 22 de
marzo e que tivo a xentileza de amosárnola hai uns días para que puidesemos ir co grupo. Estamos moi
agradecidos pola súa dedicación e agarimo.
Partimos das instalacións da Fundación Guláns, no parque da Avisoureira, para facer os 15 km que nos levaron por diversos barrios de Guláns e Couso. Así pasamos polo barrio da Costa, da Moxena, San Martiño e o parque de merendas de Couso, onde fixemos unha paradiña para repoñer forzas. Continuamos ata chegar ó miradoiro do Pé de Porras, espectacular vista ó val. A continuación
baixamos polo Camiño do Santo, por onde os romeiros levan o San Cibrán todos os anos dende a igrexa de Guláns ata o alto de San Cibrán para celebrar a festa.
Pasando por riba do camiño do barrio do Pereiro chegamos a Lameiro, lugar onde naceu e viviu o famoso músico e compositor Rogelio Groba.
Seguimos baixando ata o
muíño de Gradouro e topámonos cunha fermosa fervenza no Cunco das Freixas.
Dende alí xa puxemos rumbo de novo ó parque da Avisoureira, onde están as
instalacións da Fundación Guláns.
Alí un fantástico equipo coordinado por Cruz xa nos tiñan preparado un suculento cocido do que demos boa conta.
A xornada rematou cunha festaza, como sempre amenizada polo grupo Os Soutiños que fixeron sacar os mellores pasos ás balidoras e bailadores máis animados.
Dende a organización
reiteramos o noso agradecemento, tanto a Nisio por ofrecernos a ruta como o
equipo da cafetería polo seu trato e atención en todo momento.
Volta a Vigo e
convocatoria para o vindeiro 15 de marzo que faremos a seguinte ruta.
Para ver as fotos fai clic aquí.
1 de feb. de 2026
14 de xan. de 2026
Ruta do río Xabriña
Chegou o 2026 e nós continuamos coas andainas mensuais para poder gozar da natureza. Como levamos varios días con tempo chuvioso pensamos que sería boa idea facer unha saída onde o río fose o protagonista. Así que sen darlle moitas voltas o elixido foi o río Xabriña, ben coñecido pola maioría dos andaríns do Souto do Vello pero non por iso menos atractivo.
Efectivamente non
defraudou, o río está precioso, o que non foi tan celebrado foron as condicións
climatolóxicas, xa que estivo un día chuvioso e frío. Sen haber grandes precipitacións,
si que estivo chovendo case todo o día e impediu que puidesemos gozar da beleza
da ruta en todo o seu esplendor.
Para comezar desprazámonos
ata Paraños, no concello de Covelo.
O río Xabriña nace na parroquia de A Lamosa, na Taberna da Canda e desemboca no río Tea, na villa de Mondariz-Balneario.
A ruta é circular,
conformada por dous grandes aneis que teñen o seu punto de encontro na fermosa
Ponte Folón. O primeiro anel, dende Paraños ata a ponte, ten como protagonista
o río Xabriña, as fragas e a abondosa vexetación do bosque de ribeira. O
segundo anel, pasa por Prado de Canda e A Lamosa, onde poderemos coñecer
históricos camiños, unha boa arquitectura rural así como a actividade dos cereiros
con algunha aira onde secaban a cera.
Na parroquia da Lamosa paramos a comer aproveitando a amabilidade dos propietarios do bar Cuartel que nos permitiron comer resgardados da chuvia. Ó rematar continuamos o camiño outra vez a carón do río para chegar ó punto de partida en Paraños.
Alí agardaba o autobús
que nos trouxo de novo a Vigo.

-26.jpg)
-12.jpg)
-31.jpg)

-73.jpg)
-78.jpg)

-2.jpg)
-43.jpg)

-42.jpg)
-24.jpg)


















