Este ano a ruta do cocido
non tocou polo interior, á beira do mar tamén hai marisco de cortello, así que
tocou facer a ruta das sobreiras do Faro, polas terras de Oia e Viladesuso; un
dos paseos máis bonitos que hai pola costa da nosa terra.
Ás nove da mañá do
domingo 11 de decembro saímos dende o mosteiro de Oia, monumento principal
deste concello, que data de mediados do século XII, para afrontar a subida aos
montes de Faro e Pousiño, na serra da Grova. A mañá comezou moi animada e moi
pronto empezamos a librarnos de roupa porque a subida facíanos entrar en calor.
Moi pronto puidemos apreciar o primeiro dos petróglifos cos que nos iamos
atopar e gozar das vistas porque o día estaba limpo. Seguimos camiño ata a
chegar a unha das fervenzas que máis auga traía e que nós bautizamos como a
fervenza do Suso. Alí fixemos a foto de grupo e logo continuamos a subida. Ao
chegar ao alto, paradiña para o bocata e foi cando empezou a pingar algo.
Seguimos ruta e paramos a ver o petróglifo dos danzantes, no que o amigo Telmo
sacou de papel e lapis (mellor dito papel carbón) para facernos a demostración
de cómo se descobre un petróglifo sen facerlle dano. A pesar de que a pedra
estaba mollada puidemos descubrir a figura do danzante (ou adorador, non se
sabe). De alí continuamos baixando ata entrar no “Espazo
Privado de Interese Natural (EPIN)” que son as sobreiras de Faro. Trátase dun
val cheo de sobreiras entre os montes Pousiño e monte do Faro polo que baixa o
río Broi, rico en fauna e flora silvestre cunha paisaxe preciosa, tanto dende o
fondo do val como dende os miradoiros que dan á costa.
Para rematar a ruta tivemos que vadear o río,
bravo como viña. Grazas aos valentes que axudaron ao resto do grupo non houbo
que lamentar danos maiores.
En canto cruzamos o río puidemos apreciar o
cheiro do cocido que nos agardaba en “Casas do Sobral”.
Despois de repoñer forzas cantámoslle o “parabéns
para ti” a Manolo, que estaba de aniversario, e agasallárono cunha foto do
grupo. Xa metidos en faena, e logo dunha pequena actuación do coro mixto
Ponteareas-Matamá, os “Soutiños” deron comezo á sesión de baile, na que
participaron moi activamente os máis pequenos do grupo, incluído Xián, que fora
presentado no anterior cocido.
Rematou unha xornada moi agradable, con bo
ambiente coma sempre, e despedímonos desexando unhas boas festas e ánimo para
seguir camiñando no 2012 (a pesar da crise).
No hay comentarios:
Publicar un comentario