O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

26 may 2012

Ruta da AQA e dos Carranos

A penúltima ruta deste 10º aniversario do Souto do Vello levounos ata o concello de Covelo para realizar uns tramos incluídos dentro da Rede Natura 2000, que son espazos naturais con gran valor ecolóxico creados pola Unión Europea para a súa conservación.
Comezamos na praia fluvial de Maceira para camiñar a carón do río Tea e gozar da paisaxe que nos ofrece, tanto natural como patrimonial, pontes, muíños, presas, fontes… A ruta tamén nos leva por varios núcleos de vivendas como Redondo e Barciademera onde visitamos o conxunto Abacial de San Martiño coa súa igrexa e a casa rectoral de estilo barroco na que chama a atención a súa espléndida fachada na que destacan unhas figuras precolombinas.
Baixamos cara ao río Tea, que atravesamos polos pasos de Lourido e, xa na outra beira, ascendemos por unha corredoira ata a aldea de Lourido, onde vemos a ermida da Nosa Señora da Escravitude. Continuamos atravesando carballeiras e soutos ata chegar de novo á praia de Maceira onde paramos a xantar.
Pola tarde fixemos o tramo dos Carranos. Comeza dende a reitoral de Fofe desde onde se contempla un precioso val. A partir de aí baixamos e camiñamos atravesando bosques caducifolios e acompañamos sempre a un río cunhas augas cristalinas que animaban a probalas. Na metade do camiño atópase un antigo aserradoiro (data do ano 1922) moi ben restaurado. Despois de asistir a unha demostración do seu funcionamento, continuamos camiño volvendo de novo ó punto de partida.
Antes de subir ó autobús puidemos degustar unhas riquísimas rosquillas da confitería Ancla.

1 comentario:

  1. A verdade é que resultou moi bonito todo o percorrido, pero sen dúbida os pasos de Lourido foron un dos lugares que a min máis me gustaron no que se pon de manifesto a conxunción da natureza e a man do ser humano dun xeito respetuoso co medio. En fin que estou un pouco filosófico....

    Podedes ver parte da ruta neste enlace: http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=2872355

    ResponderEliminar