Os do Souto do Vello foron de “marcha” para
celebrar o 10º aniversario. O pasado 28 de xullo, xuntáronse un feixe deles ás dez e media da noite
no porto de Vigo para coller o último barco para Cangas. Ao chegar foron
repoñer forzas (cafelitos, chopitos…) para comezar o que sería unha longa
noite… pero non de pedra, máis ben de area. Ás 11 e media todos e todas
preparados coas lanternas na cabeza (algunha co farol pendurando) comezaron a
marcha en dirección a Cabo Home. Despois de pasar pola fábrica de Massó, a ruta
segue polas praias de Liméns, Nerga, Barra, Melide… por citar as máis
importantes. A lúa, case chea, reflectíase no mar creando unha estampa
marabillosa co fondo da costa de Vigo iluminada artificialmente. Pouco a pouco
a serpe de lanternas ía avanzando. Ás tres da mañá estaba agardando Ángel (ao
que lle debemos dar as grazas por servir de acompañante toda a noite) cunha
caixa de cervexas, bebidas fresquiñas e mais un biscoito exquisito que caeu de
marabilla. Despois do refrixerio continuou a marcha polos faros de Cabo Home e
collemos dirección ao monte Facho. Ali arriba hai unha pequena torre do século
XVII, que foi construída con restos de aras romanas (altares de sacrificios
dedicados ao deus Bero Breus), o que fai pensar que debeu ser un importante
santuario romano. Tamén se cre que foi unha torre de vixilancia para avisar dos
ataques dos piratas turcos. O que pasa é que non houbo quen avisara do ataque
dos piratas do Souto do Vello, menos mal que son piratas pacíficos e o único
que van roubar son as vistas, que se adiviñaban marabillosas sobre as Cíes, Ons
e as rías de Vigo e Pontevedra. Como estaba unha noite clara e estrelada,
aproveitaron as explicacións do seu astrónomo de cabeceira para localizar as
principais constelacións. Creo que xa todos e todas teñen claro onde está o
norte!?
Xa tocaba dar volta e volver ao punto de
partida en busca do amencer, que coincidiu coa chegada á praia de Liméns sobre
as 8 da mañá. A partir de aquí o grupo dividiuse en dous, uns decidiron
continuar ata Cangas para coller o barco de volta a Vigo e outros decidiron
quedar a pasar o día na praia con baños e xogos pola area, sen que se notase
para nada a noite de “marcha”.
Pica na imaxe para ver máis fotos.
Pica na imaxe para ver máis fotos.
Moi bonita!! Unha noite espectacular e o mar absolutamente en calma!! Pagou a pena ainda que...
ResponderEliminarAi que ver que fotos tan espectaculares! Estou mortiña de envexa. Observo que parece que nesta saída nocturna apuntáronse máis mulleres: vivan as féminas que gozan coa lúa chea sen necesidade de aquelarres de bruxas! Un bico para elas por aventureiras e valentes. E que vivan tamén os "chicos" con pés lixeiros e corazón algareiro. Moitas felicidades a todo o grupo e desexo que poidades celebrar, igual de marchosas e marchosos, as "bodas de prata"(ou as de ouro se o reumatismo non o impide).
ResponderEliminarBravo por os senderistas, nocturnos ,que non se perdan esas forzas nin esos animos. todos muy guapos .Muy especiales alguns deles
ResponderEliminar