Para rematar este ano 2014, a organización
preparounos un percorrido, nada menos que, polo primeiro parque natural de
Galicia, declarado en decembro de 1978. O monte Aloia, que está situado no
extremo sur da serra do Galiñeiro, no concello de Tui, conta cunha chea de
sendeiros onde se pode gozar da súa vexetación, caracterizada por especies
autóctonas acompañadas por especies de repoboación forestal, ademais de restos
da cultura castrexa e elementos de interese etnográfico.
A nosa ruta comezou nos muíños de Tripes, preciosa
subida nesta época do ano coas augas do Tripes baixando lixeiras con ganas de
seren aproveitadas polos rodicios dos moitos muíños que se van escalonando.
Fomos atravesando a senda botánica para chegar ao alto e pasar cara a outra
banda onde puidemos contemplar dende as terras de Prado e Vilas ata a enseada
de Baiona. Continuamos rodeando o monte, pasando pola pedra do acordo. Subimos
para facer a ruta dos miradoiros e gozar das extraordinarias vistas sobre o pai
Miño despois de dominar un amplo tramo do río Louro. Non nos esquecemos de
facer a visita á cama do San Xiao para logo facer a foto de familia diante da
Gran Cruz.
Logo de xantar ao pé da capela de San Fins,
comezamos a baixada pasando polos rests da gran muralla que rodeaba este alto.
Tras unha pracenteira baixada dun par de
horiñas, chegamos ao punto final onde nos agardaba o autobús. Con isto remata
este ano 2014 do que temos que lamentar algúns acontecementos dentro da familia
do Souto do Vello e que desexamos con todas as forzas que se resolvan no
vindeiro 2015.
Para ver máis fotos clica aquí.
Para ver máis fotos clica aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario