No mes de outubro toca saída de fin de semana.
Ultimamente cadraba co cambio de hora. Este ano adiantámonos e algúns andaríns
quedamos amolados porque non tivemos desculpa para agardar ata as 3 da mañá e
comprobar se o móbil cambiaba de hora…Outra vez será.
Continuamos co Camiño dos Faros e fixemos as etapas 5 e
6 (Arou – Camariñas e Camariñas – Muxía). Saímos o sábado 22 dende a praia de
Arou, lugar onde rematamos a anterior etapa alá polo mes de maio. Durante toda
a semana os homes e mulleres do tempo ameazáronnos cunha fin de semana pasada
por auga, pero chegou o sábado e gozamos dun día espléndido de sol. Logo do
café no punto de partida, dirixímonos ao
mirador e praia de Lobeiras. Despois de cruzar polo medio dos toxos e dos
cantos rodados chegamos ao porto de
Santa Mariña que cruzamos para ascender a duna de Monte Branco. A panorámica
coa que nos atopamos ao chegar arriba pagou a pena o esforzo. Aos nosos pés
estaba a Praia do Trece, unha das praias máis espectaculares da Costa da Morte
con especies de flora protexida como a “caramiña” que deu nome á vila de
Camariñas. A continuación está Punta do Boi. Alí podemos visitar o Cemiterio
dos Ingleses, chamado así porque repousan os restos das persoas que morreron en
tres naufraxios a
finais do século XIX: o Iris Hull (1883),ol Serpent (1890) e o Trinacria
(1893). Continuamos polas praias de Reira, pasando pola Pedra do Oso

e logo de
subir pola aba do Monte Pedrosa xa enfilamos cara a cabo Vilán, impoñente sobre
as rochas cunha altura duns 100 m permite apreciar toda a beleza da costa. Alí
estaba o autobús co resto dos participantes para recollernos e levarnos ata
Camariñas. Logo duns paseos por Camariñas, visita incluída aos restos do Castelo, cervexiñas picoteo polas terrazas da Vila, e por fin, dunha espléndida cea no Club Náutico de Camariñas fomos durmir (claro logo duns dixestivos). Aloxámonos en
tres hoteis, a maioría no Parranda (temos que agradecelle a Sandra o trato
recibido en toda a xestión da saída), outros foron ao Ave del Mar e outros ao
Gaivota. Quedamos todos moi contentos.
O domingo pola mañá
presentouse algo máis complicado en canto á meteoroloxía, pero non nos botamos
atrás. Comezamos a etapa en Ponte do Porto para chegar a Muxía. Demos a saída a
pé na ponte sobre o Río Grande e camiñando chegamos a Santiago de Cereixo, un recuncho moi singular no que atopamos
desde un piorno de 19 pés dentro dun pazo do século XVIII, un muíño de mareas,
a igrexa de Santiago de Cereixo do século XII, as Torres do Cereixo e no centro
da praza un impresionante carballo que debe ser máis vello que as propias
torres. De aí continuamos por varias praias (Area Grande, Leis, do Lago…). Por
aí tocounos un pouco de auga, pero non a da praia. Logo escampou e puidemos
secar para chegar ben ata a vila de Muxía. O remate da etapa era no santuario
da Virxe da Barca, que tamén é remate dos peregrinos despois de visitar o
Apóstolo Santiago. Alí algúns cumpriron co ritual da Pedra dos Cadrís e mais a
Pedra de Abalar e todos puidemos contemplar a espectacularidade da paisaxe coa
auga batendo nas rochas. Como remate e premio polo bo comportamento
agardábannos unhas exquisitas rosquillas Ancla agasallo de Kico que puidemos
mollar en bo viño tinto. E xa volta a casa e ata a próxima, que será o 20 de
novembro por San Pedro de Rocas con cocido incluído.

Para ver máis fotos fai clic
aquí.