Din
que as persoas somos animais de costumes… pois os do Souto do Vello
cumprimos co dito e un ano máis (e xa van doce) asistimos ao noso
santuario do bacallau para dar boa conta das postas que nos ofrece o
amigo Fernando. Pero antes hai que facer ganas e alá fomos ata a
localidade de Ameijoeira, na
fronteira galaico portuguesa. Alí
comezamos unha andaina que prometía dificultosa pola climatoloxía
que nos acompañaba na viaxe pero que se converteu nunha das máis
bonitas e agradables das que levamos feito ultimamente. Na saída
saudamos na súa capela ao Señor da Boa Morte...polo que poida
pasar...e despois de pasar por un forno comunitario comezamos a
ascensión ao alto da serra como se comezan as andainas por esta zona
de Portugal. Moi pronto nos atopamos cunha presa que había que
cruzar e para iso o equipo de enxeñeiros que levabamos con nós
fixeron posible que parase a auga para poder pasar sen problemas. A
partir de aí e por sendeiros pechados e rodeados de carrascos, uces
e algún toxo fomos cara o Outeiro do Castelo. A paisaxe que nos
rodeaba era impresionante, espectacular... Despois dun complicado
descenso chegamos á estrada, xa en terras galegas, que cruzamos
para coller rumbo á localidade de Pereira, no concello de Entrimo. Antes tivemos que cruzar unha valga que formaba un bosque encantado polo que discorrían as augas cristalinas do río Agro. Nun día chuvioso e con néboa pódese dicir que pasas por un bosque onde podes atopar fadas e mais rebecos choutando ledos por entre as árbores cubertas de musgo. Pasada alocalidade de A Pereira xa collemos ruta de volta cara o autobús. Dez minutos de viaxe e chegamos a Castro Laboreiro para degustar o bacallau e o cabrito riquísimo que deu paso a un magnífico festón amenizado polos nosos Soutiños, que desta volta contaron coa colaboración espontánea do acordeonista Fernando, e que fixeron as ledicias dos presentes. Non había ganas de voltar para Vigo, pero había que vir para ir
preparando as equipaxes que levaremos en busca do anticiclón das Azores. Unha xornada para lembrar.
Para ver as fotos fai clic aquí. Estade atentos que en breve se colgará un precioso vídeo da andaina.
No hay comentarios:
Publicar un comentario