O
grupo de sendeirismo O Souto do Vello celebrou o seu XV aniversario cunha saída
de 6 días á illa de São Miguel no arquipélago das Azores. Segundo opinións que
nos chegaron aos nosos oídos, para uns foi a mellor viaxe das súas vidas,
outros dicían que non o perdoarían se o perdesen; e así todo o mundo foi
manifestando que quedaran moi contentos coa viaxe. Gran parte da “culpa” do
éxito desta saída foi polo excelente e
milimétrico traballo da organización, que unha vez máis nos demostra que disto
saben moito e non escatiman á hora de adicarlle horas e traballo para que todos
nos poidamos beneficiar. Moitas grazas!!!
Segundo
o plan de ruta, tiñamos marcada a saída de Matamá na mañanciña do sábado 8 de
abril ata o aeroporto de Porto. Voamos de Porto a Lisboa e de Lisboa a Ponta
Delgada, capital da illa. Chegamos ao mediodía do sábado para instalarnos no
hotel. Inmediatamente despois xa fomos facer un percorrido para coñecer os
lugares máis emblemáticos da capital.
No
segundo día de estancia e primeiro de andaina, o plan era ver a paisaxe máis
espectacular da illa. Unha ristra de conos volcánicos convertidos en lagoas
naturais cunha vexetación verde intensa e bosques profundos. Comezamos na Lagoa
do Canário e seguindo por un sendeiro moi bonito chegamos ao Miradouro da Vista
do Rei, para apreciar magníficas panorámicas
das diversas lagoas (Lagoa Rasa, Lagoa de Santiago, Lagoa Verde, Lagoa Azul).
Seguimos camiñando pola cresta do volcán ata chegar á freguesía da Sete
Cidades.
Á
volta pasamos por unha plantación das típicas ananás das Azores. Alí puidemos
observar o sistema de cultivo destas ricas froitas en “estufas” (invernadoiros)
de cristal pintado de cal. O ciclo completo da produción dura 18 meses e o
resultado final é un froito de características únicas recoñecido como o mellor
do mundo.
Volta
ao hotel e cea libre con paseo polo centro da cidade.
No
terceiro día e segundo de andaina fixemos a saída á Lagoa das Furnas. Trátase
do lugar con maior riqueza natural e
xeovolcánica de todo o arquipélago. Fomos ata a freguesía de Furnas e saímos en
dirección ao Pico do Ferro. Despois dunha bonita
subida chegamos ao miradoiro desde o que gozamos de espectaculares vistas sobre a Lagoa das Furnas coas súas fumarolas onde cociñan o famoso “cozido das Furnas”. É unha zona de caldeiras onde aproveitan a calor interna do volcán das Furnas para cociñar. Cando baixamos asistimos á “tirada” do cocido, onde os propietarios do restaurante proceden a retirar as potas coas carnes e verduras xa perfectamente cociñadas.
Continuamos
camiño ao redor da lagoa ata chegar ás proximidades da ermida de Nossa Senhora
das Vitórias, construción gótica do século XIX. Alí o autobús trasladounos ata
a vila para proceder á degustación do famoso cocido.
Despois
de comer visitamos o parque botánico e termal de Terra Nostra. A maioría
gozaron dun baño nas augas volcánicas e logo visita ao paraíso que supón o
parque.
Volta
ao hotel, ducha, cea e paseo.
O
cuarto día e terceira andaina tiña reservada unha espectacular subida ata a Lagoa
do Fogo, unha das de máis difícil acceso na zona sur da illa. Polo camiño contemplamos
unha importante poboación de gaivotas. Esta lagoa é das máis espectaculares
dende o punto de vista xeolóxico e natural. De alí continuamos por outro
sendeiro para baixar ata unha antiga fábrica de luz. Despois do xantar nunha das
múltiples áreas de descanso que hai pola illa (por certo cunha limpeza
exquisita) fomos ata o espazo natural de Caldeira Velha coas súas cores verdes,
ocres, vermellas...Houbo baño e visita ao centro de interpretación de vulcanoloxía
para coñecer a formación da illa.
Regreso
ao hotel e hoxe tocou cea de grupo no restaurante A Tasca.
No
5º día de estancia e último de andaina repartímola en tres partes. Primeiro
visitamos a plantación de té, considerada única en Europa. Estivemos nas
instalacións de Chá Gorreana. Aproveitamos para ver a maquinaria orixinal, que
data de mediados do século XIX, e que estaban en pleno traballo xa que é o
momento da recolección. Houbo degustación de chá verde e chá préto e saímos
para pasear pola
plantación...interesante e sorprendente! Ao remate collemos o
autobús que nos levou ata o Padrão das Alminhas e dende alí fomos camiñando ata
o Miradouro da Pedra dos Estorninhos. Ao remate dirixímonos ao parque natural
de Ribeira dos Caldeirãos, o maior núcleo de muíños de auga das Azores. Ademais
ten un par de fervenzas que fan do lugar un espectacular remate das nosas
andainas.
Volta
ao hotel para preparar as maletas.
No
sexto día algúns aproveitamos para visitar o mercado da Graça e mercar algún
queixo e ananás (produtos típico da illa).
Volta
ao hotel para coller a equipaxe (moi ao noso pesar) xa que nos agardaba o
autobús para levarnos ao aeroporto. Viaxe de volta perfecta, sen incidentes,
sen atrasos...e chegada a Matamá sobre as 10 da noite onde puxemos o punto e
final a unha interesantísima viaxe.
Agradecémoslle
ao home do tempo que nos permitiu facer todas as actividades a pesar da
constante ameaza de tronos e lóstregos que tivemos toda a semana.
A
organización quere facernos chegar o seu agradecemento polo comportamento do
grupo, a puntualidade exquisita e a actitude positiva de todos os participantes
nesta celebración do XV aniversario.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 1º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 2º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 3º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 4º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 5º día.
Fai clic neste enlace para ver as fotos do 6º día.
Se queredes ver as fotos que nos enviou Ángeles facede clic en cada día:
1º día - 2º día - 3º día - 4º día - 5º día - 6º día
Que...PASADA....de fotos e imaxinome o que sera na realidade .seguro que IMPRESIONANTE que magoa non poder ir ou non facer mais por ir...o que si me alegro un monton e de que o pasarades moi ben e que todo os saira tan estupendo cousa que non me extraña con este pedazo de grupo e organizadores que temos unha aperta a todos e gracias por darnos a conocer ainda que sea por fotos ese PARAISO.
ResponderEliminarFantástico !Eu paseino moi ben.Sen dúbida un lugar que paga a pena coñecer. A organización de 10, todo perfectamente controlado. Nin un só contratempo.A convivencia foi marabillosa. Eu estouvos moi agradecida por ter paciencia cunha "novata" coma min, nesto do sendeirismo. Grazas de corazón.
ResponderEliminar