O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

25 jun 2017

Ruta dos Tres Ríos (Mondariz)


Remata a 15ª tempada de andainas do Souto do Vello, estamos atravesando unha vaga de calor africano…que mellor que buscar unha ruta á beira do río e rematar cunha festa nunha praia fluvial. Pois iso foi o que nos ofreceron. Unha ruta que se coñece como “Os tres ríos” (Tea, Xabriña e Aboal) polo concello de Mondariz e un fin de festa na praia fluvial de Mondariz Balneario. Pero faltaba algo polo medio, e foi un xantar campestre con empanadas e porco asado polo amigo Thiago e a súa dona que viñeron dende a veciña Valença. Unha ledicia para os sentidos!!!
Saímos a andar cando xa estaba comezando o porquiño a asar e o día ameazaba con “asarnos” a nós.
Fixemos unha pequena subida ata chegar ao carballo e mámoas da Armada.

O Carballo da Armada érguese no medio dunha área de lecer en Queimadelos. É un bo exemplar de carballo que xa ten algúns anos, din que varios centos. Segundo unha lenda foi plantado polo druída Lambrico, neto do fundador suevo de Mondariz, Mondrico.

Na mesma zona están as mámoas da Armada que foron construídas ao final do Neolítico (hai 4000 anos). Son de tamaño medio (12 metros de diámetro e menos de 1 de altura), e acollen no seu interior foxas ou sartegos de forma cadrada ou rectangular escavados na terra que, en ocasións, se presentan gorecidos baixo unha única tampa de pedra a modo de cuberta, o que fai que destaquen menos na paisaxe.
Despois pasamos a percorrer os tramos dos ríos Xabriña, xusto na desembocadura, continuamos pola beira do Tea, entre a pasarela de Merouces, praia de Riofrío, pontillón da Poeira e pasarela das Amolares. Un pouco máis tarde percorremos os 3 últimos quilómetros do río Aboal. Ao longo este tramo puidemos observar amieiros, salgueiros, abeleiras, bidueiros, carballos e acivros e gozar das ricas augas que baixan dende a parroquia de Festín.
Tamén houbo un grupo de andaríns que fixeron a súa pequerruta pola beira do Tea ata a ponte de Cernadela.
Cando chegamos de novo á praia fluvial de Mondariz xa o porco estaba case todo asado, e nós asados de todo. Tocou baño para arrefriar e logo degustar as viandas e as sobremesas coas que nos obsequiou o amigo Kico. Non faltou a sesta o baño e algunhas pezas dos Soutiños para botar uns bailes debaixo dos carballos.
Temos que agradecer as facilidades que nos deron desde o Concello de Mondariz para que todo saíse ben. E saíu. Foi unha xornada para gardar na memoria, un bo remate da 15ª tempada. Moitas grazas á organización. Felices vacacións e a preparar a primeira de setembro.



Para ver as fotos fai clic aquí.

3 comentarios:

  1. Gracias-Gracias a todos polo ben que o pasamos a verdade que unha temporada especial pasamolo moi ben e que decir dos que foron a Azores genial. a ver si a proxima e igual eu penso que si pois con este grupo e esta directiva non podra ser doutra maneira que decices vos---eu quero que pasedes un bo verano e coma dixo o presidente entrenar un pouco para ester en forma para setembro moitos bicos pa todos.

    ResponderEliminar
  2. Que se me olvidou gracias a Kiko por todo o que colabora con nos e polas roscas claro---e a os Soutiños por eses ratos de baile que tanto nos justan

    ResponderEliminar
  3. E que bo estaba o porquiño foi unha idea genialsodes estupendos je je je.

    ResponderEliminar