O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

28 sept 2017

Allariz - Santuario de Santa Mariña de Augas Santas - O Rexo

Despois do acto de celebración do XV aniversario, que por certo resultou moi entrañable, comezamos a XVI tempada con renovadas ilusións. Pensando nos que non fixeron os deberes durante o verán, a organización preparounos unha andaina que algúns chamaban “ligth”. Saíndo de Allaríz e pasando polo santuario de Santa Mariña de Augas Santas volvemos de novo a Allariz tras un paseo ó pé do río Arnoia. Fisicamente non foi moi esixente pero dende o punto de vista do patrimonio e arqueoloxía foi unha xoia.
Ás oito e media saímos de Matamá cara á vila de Allariz cun tempo fantástico.  Saímos a camiñar dende Roiriz e o primeiro que atopamos e o conxunto rupestre do Señoriño, unhas rochas destinadas ao culto ritual tanto en épocas prerromana e romana. Preto de alí demos co castrogalaico romano de Armea. Todos estes restos arqueolóxicos que se atopan pola zona están relacionados coa lenda de Santa Mariña, incluída unha basílica romana inacabada que contén unha cripta templaria baixo o chan onde hai uns restos dunha Pedra Formosa ou forno prerromano que, segundo a lenda foi onde intentaron queimar a santa. Entre o castro e a basílica atopamos unha pía debaixo dun carballo onde din que San Pedro salvou a santa arrefriándoa nela. Algúns cumpriron coa tradición de dar varias voltas cunha pedra ó lombo para curar a reuma. A través dunha preciosa calzada romana chegamos á localidade de Santa Mariña de Augas Santas co seu extraordinario santuario. 

Continuando camiño chegamos ó santuario de Vilar de Flores onde paramos a recuperar forzas. Despois de descansar baixamos ata o ecoespazo do Rexo, na parroquia de Requeixo de Valverde. Alí contemplamos a obra pictórica e escultórica do artista Agustín Ibarrola nun espazo natural.
Cruzando de novo a ponte, comezamos un pracenteiro sendeiro ó pé do río Arnoia que nos levou ata a praia fluvial de Allariz, remate da nosa andaina.

Así comezamos unha nova etapa que promete tan interesante ou máis cá anterior.

Para ver máis fotos fai clic aquí.

1 comentario:

  1. Que forma tan bonita de empezar a verdade que tiña aljo de medo que no verano non fixen os deberes pero non o jefiño xa mo dixera que era bonita e facil vamos a ter que creerlle un pouco mais,
    bonita foi pero o leer a cronica e ver as fotos todavia parece mais bonita, un bico po cronista e fotografo e para todos nos.Carballeira pensei que se che olvidara escreber..pero non asi me justa.

    ResponderEliminar