Despois do bo sabor
de boca que nos deixou a visita á comarca de Babia en León,
retomamos as andainas pola nosa terra.
Como vén sendo
habitual nos últimos outonos, non faltamos á visita da Ribeira
Sacra para gozar das súas preciosas cores entre viñedos,
carballeiras, soutos...
A asociación
“Móvete por Nogueira” leva anos traballando na recuperación de
vellos camiños polo concello de Nogueira de Ramuín, o que é de
agradecer xa que nos permite gozar dunha zona espectacular en canto a
paisaxe, etnografía, recuperación de usos e costumes...
A organización do
Souto do Vello propúxonos esta ruta chamada “Ruta do Contrabando”;
do contrabando da fariña que saía dos numerosos muíños que hai ó
longo de todo o percorrido.
Nós comezamos a
ruta na localidade de Penalba, unha viliña con preciosas vistas
sobre o pai Miño. Dende alí comezamos unha prolongada subida para
introducirnos no bosque entre soutos, carballeiras e fragas
atopándonos con algún que outro lavadoiro, que pola situación na
que están parece incrible que nalgún tempo tivesen actividade.
Pasamos polas aldeas de Vilasuxá, Cinxeiro e Alcouza. Xa pronto
vimos anunciado o “Miradoiro da Moura” ou da “Lampa” pasando
pola aldea de Sobrado.
Dende o miradoiro
temos unha bonita panorámica do río Sil, observando non moi lonxe o
mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
De aí pasamos a
unha zona chea de penedos, todos eles con formas caprichosas e con
nomes propios (“O Penedo do Trigo”, “Os penedos do Rufino”..),
chegando ata a espectacular “Pedra Longa”, unha enorme rocha coa
base moi estreita e que orgullosa contempla o paso do Sil. Por alí
tamén se atopa o que chaman “O Castro da Moura”, conxunto de
penedos que serve de miradoiro novamente sobre o canón do río.
Pasando polo punto
máis elevado da ruta chegamos ata a localidade de Valdomir, moi
preto de Luíntra. Despois do merecido refrixerio comezamos o
descenso a través do sendeiro dos muíños, integrados nun precioso
e misterioso bosque con albarizas, pontes, muros cheos de musgo,
minas de auga e unha chea de trasnos que están agochados detrás das
árbores agardando os días de brétema para saír ó encontro dos
visitantes.
Despois de repartir
apertas coas árbores, tal e como nos propoñen os amigos e amigas da
asociación “Móvete por Nogueira”, finalizamos onde comezamos,
en Penalba. Alí puidemos recuperarnos no local da asociación de
veciños que xentilmente nos abriron as portas para poder tomar unhas
cervexiñas.
Unha
vez máis non defraudou a zona e aplaudimos o traballo destas
mulleres e homes entusiastas, que sen moitas axudas están
conseguindo que outros poidamos gozar de todos os recunchos da
Ribeira Sacra.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario