Segundo informacións recollidas de varias fontes, o Camiño do Norte ou
Camiño da Costa que leva os peregrinos a Santiago, percorre a costa cantábrica
ata Ribadeo e logo continúa polo interior. Algúns historiadores descubriron que
este Camiño tiña outra variante. Desde Ribadeo e continuando pola costa,
chegaba ata Santo Andrés de Teixido e logo baixaba ata Ferrol para continuar
polo Camiño Inglés. Esta variante é a que chaman “Camiño do Mar”.
O Souto do Vello, despois de facer o Camiño dos Faros, pretende completar a
costa galega polo que aproveita esta ruta para continuar co seu obxectivo.
Así que na fin de semana do 19 e 20 de maio comezamos este segundo asalto
facendo as dúas primeiras etapas, dende Ribadeo ata Cangas de Foz.
Esta ruta vainos levando por camiños preto do mar descubríndonos
marabillosas paisaxes con grandes e bonitas praias de augas transparentes,
acantilados, formas rochosas caprichosas, espazos naturais de grande valor
medioambiental, aldeas e portos pesqueiros de grande tradición, patrimonio
histórico, etc.
Entre outros lugares de interese cabe salientar Ribadeo, coas súas “casonas
indianas”, a Torre dos Moreno, o mercado de abastos...Pasamos pola Illa Pancha,
o porto de Rinlo, praias coma as dos Xuncos, dos Castros, e a máis espectacular
das Catedrais. Antes de chegar a Foz pasamos pola gran praia de Barreiros.
Rematada a primeira
etapa, collemos o autobús para facer unha visita á Basílica de San Martiño de
Mondoñedo, considerada como a catedral máis antiga de España. Pola súa riqueza arquitectónica,
escultórica e pictórica foi declarada Ben de Interese Cultural no 1931.
Despois de escoitar unha charla moi
interesante collemos o autobús para achegarnos ata Ribadeo e aloxarnos no hotel
Voar. Cea e a descansar para afrontar a segunda etapa.
O domingo saímos de Foz
para chegar ata Cangas de Foz. A paisaxe é moi parecida á do día anterior,
salientando a praia da Pampillosa, o castro de Fazouro. É moi chamativo o
número de restos castrexos que hai ó longo desta costa, para chegar ata a igrexa
parroquial de Cangas onde se atopa unha moreira negra que figura no rexistro de
árbores senlleiras e Galicia. Á sombra desta moreira tomamos un refrixerio para
despois coller o autobús e volver a Vigo satisfeitos. O comezo deste camiño déixanos un
bo sabor de boca desexando continuar coa teima de percorrer a nosa costa.
Pero para bo sabor de boca o que nos deixou unha amiga de Bacelos que tivo o gran detalle de agasallarnos cunha caixa de bombóns que nos repartiron no autobús. Dende aquí queremos enviar unha forte aperta de parte dos andaríns do Souto do Vello.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
Encantoume todo¡Non son precisamente moi andarina,pero o grupo alternativo vimos moitas cousas fermosas.Visita á fábrica de Sargadelos,senda dos namorados..en fin unha vez máis moitísimas grazas á organización por levar todo tan ben preparado.
ResponderEliminar