A primeira saída
oficial do Souto do Vello neste novo ano retoma o GR 58 – Sendeiro das Greas,
que vimos facendo dende hai tempo e que xa estamos dando a volta para chegar ó
punto de partida. Hoxe fixemos a etapa que sairía da Xunqueira da Ramallosa e
chegaría á Garrida. Nós fixemos unha pequena adaptación e saímos da Xunqueira,
pero a partir do monte Cepudo fixemos unha desviación para chegar andando a
Matamá.
Como dicía iniciamos a
andaina ó pé do río Miñor dirixíndonos cara a Vilariño e de aí a Parada, con
visita á súa igrexa, única mostra de arte románica que se conserva no concello
de Nigrán, e única tamén adicada ó Apóstolo Santiago. Dende Parada comezamos a
subir ata o Monte dos Mouros, precioso miradoiro sobre o Val Miñor, Monte da
Grova, Baiona, Praia América, Panxón, Monteferro e Illas Cíes. Este monte está
relacionado con vellas lendas sobre mouros, seres
míticos que podían dar
tesouros a cambio de desencantalos. Algúns no alto do bloque granítico e outros
abaixo, nas mesas que hai polo lugar, aproveitamos para tomar o bocata e coller
auga na súa fonte.
Xa coas forzas ben
repostas, collemos dirección a Chandebrito pasando polo barrio de Rozadas. Aí
temos outro excelente miradoiro, o Monte do Castro, que como indica o seu nome
hai restos dun antigo castro celta. Na base, hai unha plantación e unha obra
que lembra os terribles incendios que asolaron a zona, é o Bosque da Memoria.
Un chamativo acueduto, construído polos veciños no ano 1939, leva a auga ata o
muíño das Chans. Segundo dixo un paxariño, algún dos andaríns utilizou este
acueduto para ducharse, despois de facer deporte, nos seus tempos mozos.
Dende ese punto
comezamos a subida ata o Cepudo onde comemos agradablemente baixo o sol de
xaneiro. Xa despois do xantar, e como se se tratase dunha montaña rusa, pasamos
polo alto do Alba, Monte de Pozos e camiño a Matamá, onde rematamos esta bonita
primeira andaina do 2019.
Para ver as fotos fai clic aquí.
si señor bonita ruta miradores espetaculares temolos ai o lado e por iso igual non lle damos merito, dia estupendo bonitas vistas e na mellor compañia do mundo que mais se pode pedir pois agora a recordar vendo estas fantasticas fotos
ResponderEliminar