Para celebrar o
Domingo de Ramos, a organización do Souto do Vello levounos a percorrer o Camiño
Natural do Río Barbantiño. Desprazámonos ata o concello de Punxín, na provincia
de Ourense. Pasando pola capela de San Roque chegamos ata o lugar que chaman O
Bañiño, onde hai unha pequena fonte de auga termal. A partir de aí o sendeiro ó
pé do río, con boa sinalización, vai pasando por baixo da ponte da estrada
OU-524, unha piscifactoría e unha minicentral. Pero o máis interesante é a
cantidade de muíños que imos atopando, algúns medio abandonados pero outros
como os das Penas, moi ben restaurados, presas, pozas, regatos que deitan as
súas augas formando pequenas cascadas, e un bosque de ribeira espectacular cheo
de carballos, fentos, etc. Cabe salientar a espectacularidade das xestas
brancas que estaban en flor e aparentemente ben colocadas para deixar paso
entre elas ós camiñantes.
Camiñando río arriba
chegamos ata a fervenza do Barbantiño, tamén chamado fervenza do Cachón, e non
é raro xa que “cachón” na nosa lingua é un salto de auga nun desnivel do río.
Desde unha pasarela metálica pódese contemplar a fervenza e mais o Pozo do
Inferno. Aquí é onde están os muíños restaurados, os muíños das Penas.
Partir de aquí, tras
unha subidiña e cruzando un túnel, chegamos ata a preciosa ponte medieval de
San Fiz. Seguimos ruta e chegamos á localidade de Mandrás. Para entrar tivemos
que pasar pola ponte do antigo camiño real que une Ourense con Santiago. A
ponte orixinal data do século XIII aínda que foi reformado posteriormente.
Neste punto demos
volta para continuar o sendeiro pola outra banda do río ata chegar ó punto de
partida no Bañiño.
Á chegada puidemos
darnos un verdadeiro banquete coas roscas e rosquillas Ancla doadas polo amigo
Kico, regadas cun bo viño que deixou varias marcas entre os asistentes.
Volta para a casa e
preparando xa a vindeira saída a Redes, en Asturias, prevista para o mes de
maio.
Para ver as fotos fai clic aquí.
Para ver as fotos fai clic aquí.
Camiñada espectacular como todas as do Souto do Vello.
ResponderEliminar