Coa ruta que fixemos o pasado 12 de setembro de 2021 comezamos oficialmente a 20ª tempada do Souto do Vello. A pesar de continuar coas medidas COVID, a ilusión por retomar as xuntanzas dos domingos viaxeiros fixo que nos reuniramos un grupo ben numeroso, faltando poucos dos habituais e sumándose novos amigos e amigas que quixeron probar a camiñar con nós. Benvidas.
A ruta comezou na
praza de Barcia de Mera, unha parroquia que se localiza no oeste do concello de
Covelo na comarca da Paradanta. Desde aí fomos baixando en busca do conxunto
abacial de San Martiño de Barcia de Mera, igrexa e casa rectoral de estilo barroco onde
esta última ten influencia de culturas precolombianas.
Despois de
apreciar as belezas dos adornos arquitectónicos, tomamos a senda do río Alén e
pasando pola aldea de Caxil fomos subindo ata chegar a capela de San Xoán do
Mosteiro. Capela reconstruída no século XVIII, de San Xoán do Mosteiro que era por entón,
a igrexa parroquial primixenia, do mosteiro cisterciense aí fundado, con
constancia na zona desde o século XII e que era amparado polo de Melón na
provincia de Ourense.
Aí comeza unha
pequena ruta circular que nos leva por unha ponte medieval e a Fonte Santa, de
augas moi apreciadas que manteñen a mesma temperatura ao longo das estacións.
Despois de depositar algunhas cruces, seguimos ruta ata os muíños de Portafurado. Unha pausa e tomamos a ruta polo río Tea, facendo parte da ruta da AQA que xa fixeramos enteira. Pasamos por diante da escola e capela en Redondo, construcións que foron doadas no ano 1928 por Agapito Serra Fernandes, industrial confiteiro que fixo fortuna en Lisboa.
De volta a Barcia
de Mera seguimos parte do camiño pola Vía Mariana, un camiño de peregrinación que une os
santuarios de devoción mariana tradicional, desde Braga ata Muxía, e que consta
de 372 kilómetros en total. Parte desta vía foi ideada polo noso veciño Luis de
Freixo.
Antes de coller o
autobús puidemos refrescar o gañote cunha cervexiña no Pinzas, o santuario do
chuletón.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario