Na véspera de Santa Lucía, onde xa comeza a medrar o día, desprazámonos ata Salvaterra para facer unha bonita ruta que decorrerá en gran parte pola beira do Miño.
Comezamos a andar
dende o río Mendo acompañados dun pequeno manto de néboa que nos acompañou os
primeiros quilómetros. O sendeiro vai entre o Miño e as vías do tren.
Pasamos por algunhas pesqueiras da lamprea, por garitas do control do estraperlo na raia húmida,...e gozamos das primeiras raiolas de sol que pelexaban coa brétema deixándose reflectir nas augas do río.
A antiga liña do
ferrocarril foi construída alá polo 1880 e para cubrir as necesidades de
morteiro na súa construción precisaban moito cal, polo que construíron un gran forno
que aínda se conserva neste lugar.
Pronto chegamos a
unha das áreas recreativas que atoparemos, a de Sta. Mariña. A outra, a de San
Manuel, está un pouco máis adiante, onde comeza a Ruta dos Frades. Esta ruta
percorre o camiño de peregrinaxe da Raíña Isabel de Portugal, que para ir a
Santiago, facía parada na Franqueira. Neste camiño atópamos gran variedade de
capelas, cruceiros, petos de ánimas, etc.
Xa en Vide,
pasamos pola Casa das Augas, onde hai un reloxio de Sol que marcaba as horas de
regadío. Chegamos ata o torreiro en San Cibrán de Ribarteme, onde aproveitamos
para comer ó soliño. Alí hai un cruceiro que data da segunda metade do século
XIX. Na base ten a calivera e un peto. No varal ten a representación do demo en
forma de serpe alada enroscada ó fuste, ademais doutras representacións
xeométricas. Na cruz representa a imaxe de Cristo e polo outro lado a Virxe
María. Moi preto del hai un antigo peto de ánimas.
Continuamos a
ruta e cruzamos o río pola ponte de Senra, onde hai un peto do século XIX.
Logo chegamos á
igrexa de Santiago de Ribarteme, dende onde comezamos o seu viacrucis para
chegar e rematar na impresionante sobreira onde fixemos a foto de familia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario