Xa van alá case 7 anos cando fixemos a primeira parte da Travesía Integral da Ribeira Sacra do Miño dende a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño ata a adega Abadía da Cova. O pasado domingo fixemos a segunda parte, pero dándolle a volta. Saímos de Guítara, para visitar primeiro a igrexa de San Martiño de Atán e chegamos a San Martiño da Cova.
Podemos dicir que é unha das rutas máis bonitas e interesantes nos
concellos de Ferreira de Pantón e O Saviñao. Ó longo do seu percorrido podemos
gozar dunha chea de atractivos naturais, históricos, culturais,
etnográficos...e ademais este domingo estivemos acompañados en todo momento
dunha chea de aromas que nos anuncian a chegada do San Xoán coa súa variedade
de herbas aromáticas, así como a explosión das candeas nos castiñeiros.
Desde o punto de vista paisaxístico, o sendeiro ofrece unhas fantásticas vistas das ribeiras do Miño, cos socalcos cheos de cepas cargadas de pequenos acios, de momento. Distintas aldeas, algunhas delas abandonadas, como a de Marce. A marabillosa fervenza de Augacaída, espectacular salto de auga de más de 40 metros que forma o río Aguianza antes de acabar no Miño. O Miradoiro das Marabillas ofrece unha panorámica espectacular. Sen esquecer o embarcadoiro e a illa de Maiorga.
En canto ó apartado
histórico e monumental, pasamos por auténticas xoais do románico como a igrexa
de Santo Estevo de Atán e a de San Martiño da Cova, cualificados como monumentos
histórico-artísticos. Achegámonos tamén ata o Castro de Marcé, antigo asentamento
castreño nun lugar de gran beleza e, segundo a lenda, morada dos míticos xacios,
homes acuáticos.
Alguén manifestaba cando
subía ó autobús: “Que alegría levo no corpo!!!”.., non sabemos se era polo viño,
polas rosquillas, pola ruta ou por todo un pouco. Queremos repetir.
Por esta tempada xa só
nos queda o remate. Unha fin de festa que promete, xa que o escenario paga a
pena. Achegarémonos ata as Azenhas de Vilar de Mouros no veciño Portugal o
vindeiro 3 de xullo.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario