Vimos de gozar duns días “máxicos” onde todo é paz e felicidade, comer e beber ben, e ata veñen uns homes disfrazados que nos deixan agasallos para todos e todas. E toca comezar a camiñar...pois que menos que facelo pola Ruta Máxica e Oia.
E así foi, este
domingo pasado achegámonos ata alí para facer este percorrido histórico-arqueolóxico e
paisaxístico pola serra da Groba, coñecida como Ruta Máxica de Oia, entre
Mougás e Oia (O Arrabal).
Entre outras cousas puidemos gozar de distintas vistas panorámicas entre os montes e vales e Mougás e Viladesuso, achegámonos a dous castros, varios grupos de rochas gravadas ou petróglifos, estivemos nas pozas de Mougás, vimos varias fervenzas ó longo do camiño, cruzamos o Sobreiral do Faro, primeiro espazo natural protexido de Galicia...
Comezamos o
percorrido cunha pequena subida que nos levou ata o castro da Cabeciña, onde
hai unhas fermosas vistas e xa temos algúns petróglifos ó seu pé. Pronto
chegamos ás pozas de Mougás onde fixemos unha pequena parada para repoñer
forzas. Un pouco máis adiante atopamos a fervenza máis alta do lugar, que coas
chuvias caídas ultimamente baixa espectacular. Cunha pequena subida chegamos
ata o Outeiro da Cheira e moi preto está o picadeiro co seu petróglifo das
Goteiras. De alí fomos ata o Castro dos Mouros.
Agora xa camiñamos polo val de Viladesuso e dirección ó sobreiral. Despois de pasalo chegamos ó miradoiro da Pousadela cos seus petróglifos fronte ás illas Orelludas.
Baixando por unha
pista máis estreita chegamos ata o famoso petróglifo da Auga dos Cebros onde o
noso profe Telmo nos deu unha precisa e preciosa charla.
Pronto chegamos ó punto onde se inicia ou remata a ruta oficial. Nós continuamos baixando ata chegar ó Camiño de Santiago polo que fomos en dirección ó Mosteiro, fin da nosa ruta.
Ó pé da súa
fachada fixemos unha pequena tertulia para comentar os pormenores da primeira
ruta do ano cunha cervexiña na man.
Subimos ata a
estrada principal onde nos agardaba Rubén para traernos de volta a Vigo.
Quedamos
emprazados para a andaina do cocido o día 3 de marzo ás 8 da mañá.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario