O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

20 dic 2024

Pena Corneira

 


Chegamos a decembro, último mes do ano e polo tanto última saída do grupo, que non a derradeira. Estamos ás portas do inverno e nótase na temperatura destes días. 
O domingo 15 aparece un día fresquiño, pero iso non impide ós andaríns do Souto do Vello despedir o ano cunha bonita andaina polas terras do Ribeiro.

Para facer a circular de Pena Corneira desprazámonos ata o lugar de Paredes, na parroquia de Serantes, concello ourensán de Leiro.


Pena Corneira é un peñasco alongado e disposto en vertical a 675 m e visible facilmente a longa distancia. Algúns chámano “o menhir” do Ribeiro. Destaca entre a vexetación que foi devastada polo incendio do 2017, e que se está a recuperar moi ben. Ademais hai outros moitos penedos con curiosas formacións predominando os bolos de forma redondeada que conforman unha paisaxe ben curiosa.

Como dicía, comezamos a andar en Paredes, onde hai unha boa concentración de hórreos, ademais duns muíños e lavadoiro de gran valor etnográfico recentemente restaurado. As nosas pisadas triscaban no chan xeado pero bonito de ver.

Enseguida chegamos ata a igrexa de S. Tomé de Serantes, unha das xoias máis interesantes do románico rural galego. Salientar a súa fachada coa portada, o quitachuvias e un rosetón de tracería románica.


Con suave subida continuamos ruta ata chegar a localidade de Corneira, onde se atopa outra concentración interesante de hórreos.

Seguimos xa para afrontar a pequena subida ata a Pena, quizais a parte máis bonita da ruta. A continuación dirixímonos ata o miradoiro subindo por unhas pasarelas de madeira. As vistas son impresionantes. Baixando cara a área recreativa paramos a xantar nun recanto sollío que agradecemos moito debido á sensación de frío que había.

Sen moita présa afrontamos o resto da baixada ata Paredes de novo, pasando pola Necrópole Medieval de Orega, onde se aprecian claramente cinco sepulcros antropomorfos na pedra que datan aproximadamente entre os séculos X e XII.


Ó chegar ó punto final agardábanos unha sorpresa en forma de rosquillas Ancla agasallo do amigo Kico e un pipote de tinto para acompañar. Un final feliz para un bo ano de sendeirismo que agardamos se repita o ano que vén.


Aproveitamos para desexar unhas felices festas e un ano 2025 cheo de saúde e felicidade.


Para ver as fotos fai clic aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario