O Souto do Vello no cume galego!
22 dic 2025
18 dic 2025
Coto da Cruz - Cevide - Río Troncoso
A última saída do ano 2025 para o Souto do Vello resume un pouco os nosos intereses: Galiza, Portugal, pequenos cumes, ríos, bosques autóctonos, muíños, ermidas, etc.
Para iso
xuntamos dúas pequenas rutas, por unha banda fixemos o PR-G-174 Ruta do Coto da
Cruz e xuntámola coa ruta polo río Troncoso na fronteira entre Galiza e
Portugal.
A saída foi dende a aldea de Freixo no concello de Crecente. Dende aquí un bonito sendeiro levaranos ata o alto do Coto da Cruz. A mágoa foi que nos tocou un día pechado de brétema o que nos impediu gozar das paisaxes, sobre todo dende o miradoiro onde se podería contemplar unha fabulosa panorámica de Portugal e o río Miño.
Pouco a pouco fomos chegando ata o lugar da Granxa, unha pequena aldea onde os veciños se enfrontaron heroicamente contra os franceses na Guerra da Independencia obrigando ao repregamento das tropas invasoras.
Continuamos a ascensión entre magníficos exemplares de sobreiras.
Dende aquí o
sendeiro descende pasando pola capela da Virxe do Camiño e, un pouco máis
abaixo, pola do Cristo dos Aflixidos. Continuamos sendeiro abaixo ata chegar de
novo ó punto de partida.
Continuamos descendendo ata a ponte que atravesa o río Miño e que nos levou ata o lugar de Cevide despois de cruzar a ponte fronteiriza que cruza o río Troncoso.
Cevide é a
aldea que está no punto máis ó norte de Portugal. Chegamos a través dunhas
pasarelas de madeira onde atopamos o marco que indica o punto máis ó norte. Ó entrar
en Cevide atopámonos cunha escultura dedicada ó contrabandista, xa que este
lugar estivo moi ligado sempre ó contrabando, tamén coñecido como estraperlo,
transportando todo tipo de mercadorías dun país ó outro.
Ó pouco tempo cruzamos collemos a senda do río Troncoso e fomos
subindo pouco a pouco e gozando dunhas espectaculares vistas do río, bosque, muíños, etc.
Ó chegar á
altura de Ponte Barxas, volvemos cruzar o río para a parte portuguesa. Alí
paramos a comer ó pé dos edificios da antiga alfándega. Xa logo baixamos pola
pequena estrada asfaltada ata Cevide onde nos agardaba un adegueiro para
ofrecernos os seus ricos caldos.
Volvemos
cruzar a ponte fronteiriza para chegar ó autobús que nos agardaba ó pé da ponte
de Frieira.
Volta para
casa despois de pasar unha xornada moi agradable, a pesar da brétema que apenas
nos deixou ver o Sol, sabendo que, facendo o chiste fácil, ata o ano que vén non volveremos camiñar en
grupo.
Dende aquí
desexamos a todos e todas que pasedes unhas felices festas coa esperanza dun
ventureiro e natural ano 2026.
Para ver as fotos fai clic aquí.
7 dic 2025
19 nov 2025
Castro Caldelas - A Teixeira
Tiñamos moita gana de facer o percorrido pola Ribeira Sacra Ourensá. Un percorrido que nos pode levar unhas 7 ou 8 etapas pero que pagará a pena xa que poderemos gozar dun contorno que non nos cansamos de apreciar en calquera época do ano pero sobre todo no outono. Aínda que xa estamos no inverno, a paisaxe está vestida de outono e iso puidemos comprobalo este domingo.
Iniciamos o
percorrido coa etapa Castro Caldelas- Fábrica da Luz, aínda que por mor de que
o tempo non axudou, só fixemos a etapa ata A Teixeira. Iso non nos impediu enchernos
das marabillosas cores desta estación, manifestándose sobre todo nas viñas que atopas
ó longo do percorrido.
A praza principal de Castro Caldelas foi o punto de partida e despois de achegarnos ás portas do castelo comezamos a baixar por sendeiros cheos de castiñeiros.
A primeira parada
de mérito fixémola para visitar as ruínas do Mosteiro de San Paio da Abeleda,
situado nun enclave realmente estratéxico que dá realmente noxo ver o estado
ruinoso no que se atopa.
Continuamos camiño cunha pequena subida que nos levará ata un precioso sendeiro que dá acceso á fervenza do Cachón entre preciosos bosques acompañando o río dos Vaos formando preciosos saltos de auga ata chegar ó gran salto que neste momento trae bastante auga.
Damos media volta
e tomamos o camiño que nos conducirá ata o núcleo de A Teixeira. Cruzamos a
estrada á altura da Galería, un pequeno museo de arte ó aire libre dun dos
veciños. Dende alí ascendemos por un estreito sendeiro para entrar polas ruelas
de A Teixeira e buscar un lugar abrigado para xantar. Algúns atoparon o bar “Museo
do viño” onde nos acolleron moi amablemente xa que o día estaba bastante desagradable.
Demos por
rematada a ruta neste punto xa que non nos daría tempo de chegar ó destino. A
seguinte etapa comezarémola aquí.
Quedamos
emprazados para o vindeiro 14 de decembro para facer a última saída do ano.
Para ver as fotos fai clic aquí.
9 nov 2025
24 oct 2025
A Pontenova - Taramundi
Como
vén sendo habitual os andaríns do Souto do Vello collemos unha fin de semana de
outono para facer unha escapada. Desta volta a organización propúxonos unha
saída pola ficticia fronteira galaico-asturiana e achegámonos ata A Pontenova,
na provincia de Lugo. A idea era facer unha ruta en Taramundi e outra alí na
Pontenova.
O
sábado achegámonos ata Taramundi para facer a Ruta da Auga, unha das máis
coñecidas da zona. Foi unha boa opción xa que conta con poboacións con encanto,
bosques propios da fadas, fervenzas, paisaxes e museos.
Iniciamos
a andaina na parte baixa da vila e achegámonos ata Mazonovo, alí tiñamos
concertada a visita ó bonito Museo de los Molinos, considerado o maior museo de
muíños de España.Trátase dun museo interactivo, participativo e ben coidado.
Á saída
e tras un pequeno ascenso desviámonos á dereita por un sendeiro para cruzar o
ríoTuría e seguir ascendendo por un bosque autóctono de castiñeiros e amieiros.
Polo camiño atópase un desvío que nos levaría á fervenza da Salgueira. Nós non
fomos porque neste momento non hai fervenza por falta de auga.
Continuamos ata os Esquíos e logo As Veigas, dúas das poboacións tradicionais e moi bonitas de ver. As Veigas é unha poboación formada por casas de pedra con lousados, situado nunha contorna de gran beleza. É un exemplo de arquitectura tradicional ben conservada.
De alí
fomos ata Os Teixois, conxunto etnográfico de gran beleza tamén e que conta cun
importante grupo de enxeños hidráulicos como mazo, roda de afiar, pequena
central eléctrica, muíño, batán, e todas en bo estado de funcionamento.
Alí
aproveitamos para xantar antes de tomar o camiño de regreso a Taramundi.
Aínda
houbo tempo para unha cervexiña e mais a visita que algúns fixeron ó “museo de
la cuchillería”, onde xa estiveran as amigas do grupo alternativo.
Logo o
autobús tróuxonos ata A Pontenova para aloxarnos no hotel San Briz a maioría, e
outros na pensión Navia.
No
restaurante do San Briz ofrecéronnos unha suculenta cea moi ben elaborada e moi
ben atendidos polo persoal de sala.
Xa no domingo, e con preocupación polas condicións meteorolóxicas, preparámonos para realizar varias rutas nunha. Primeiro fixemos a Ruta das Minas, para continuar pola do Ferrocarril e rematar coa ruta do Muiñeiro Namorado. O tempo deixounos facer todo iso con tranquilidade.
A ruta
das Minas é unha interesante ruta que sae dos antigos fornos de calcinación na
praza central de A Pontenova. Aí pódese comprobar unha das actividades máis
importantes que houbo neste municipio, a actividade das minas de Vilaoudriz,
onde obtiñan carbonato de ferro que se calcinaba nos fornos para poder
comercializalo e obter fósforos que se utilizaban como fertilizantes.
O punto
máis interesante é a visita ás antigas Minas de Vilaoudriz, a Mina Consuelo.
Máis
adiante fomos á zona onde chegaba o antigo tranvía aéreo (hoxe hai unha
tirolina) coas tolvas cargadas do mineral cruzando o río Turía. Ó chegar atravesamos
un túnel e chegamos a outro forno de calcinación do grupo de minas Boulloso
onde aproveitamos para comer o bocadillo das once.
Despois
dun tramo pola que chaman Ruta do Ferrocarril, chegamos ó comezo da Ruta do
Muiñeiro Namorado.
Esta é
a historia que figura na páxina de Turismo do Concello:
“Historia na que se basea o percorrido desta
ruta:
Segundo conta a historia, recollida da
tradición oral polos máis anciáns do lugar, case un século atrás, no muíño que
había xunto as vías do tren e do que aínda hoxe se conserva a súa estrutura
exterior, traballaba un mozo muiñeiro. Fillo de pais tamén muiñeiros, naceu no
oficio polo que entendía como ninguén os complexos engrenaxes que movían as
moas do muíño, sendo ademais, un dos que mellor dominaba a arte do picado das
pedras cando estas se gastaban ao moer o grao.
Grazas ao carácter alegre e extrovertido
deste mozo muiñeiro, e a que era un dos mellores no seu traballo, e grazas
tamén a que o seu muíño estaba ao lado da vía do tren da liña “Villaodrid-
Ribadeo” (moi próximo ao apeadeiro de “O Cairo”), eran moitas as persoas
doutras localidades que frecuentaban o seu muíño, tendo ademais moito éxito
entre as mozas que lle levaban o grao para moer.
Un día achegouse polo muíño unha moza atraída polo balbordo da xente que
alí se encontraba. Acaba de baixar do tren que viña de Ribadeo e, malia que
ninguén sabía quen era nin de onde viña, ou quizais por iso, nada máis vela o
muiñeiro quedou prendado dela.
A rapaza, procedente de Neguri – Biscaia, resultou ser a filla dun
importante home de negocios financeiros e un dos principais inversores da
Sociedad Minera de Villaodrid e, o que nun principio pensaba ser unha visita curta
simplemente para coñecer as principais instalacións da Sociedad Minera que o
seu pai financiara, debido a este encontro casual co xove muiñeiro, pronto se
converteu nunha estancia de varios días.
Durante os días seguintes, era frecuente ver os dous
mozos pasear o seu amor ao longo do regato de O Cairo, percorrido que esta ruta
recrea case no seu estado orixinal tal e como o viviron os nosos protagonistas.
Cando o pai da rapaza se decatou da verdadeira razón pola
que a súa filla prolongara a súa estancia nesta zona e comprobou que o rapaz co
que se vía era un simple muiñeiro, obrigou a súa filla a regresar a casa de
inmediato e prohibiulle volver a visitar estas terras.
A filla, lonxe de aceptar a imposición do seu pai,
aproveitaba as numerosas e longas ausencias do seu pai por negocios, para
visitar o seu amado muiñeiro, tratando iso si, de que ningún dos encargados da
Sociedad Minera a recoñecese e lle dese o chivatazo a seu pai.
Agora, os paseos á beira do regato eran máis furtivos,
pasando a maior parte do tempo no interior do muíño ou nas proximidades da boca
da Mina de O Cairo, lonxe das miradas indiscretas dos demais muiñeiros e dos “dixomedíxome”
das lavandeiras que baixaban todas as tardes lavar a roupa ao regato.
Malia todas estas precaucións, non tardou en sabelo o pai
da moza de que a súa filla lle desobedecera e, anoxado, para lograr impoñer o
seu desexo e evitar que se seguise vendo co xove muiñeiro, decide enviar a súa
filla a estudar a Bos Aires (Arxentina). O xove muiñeiro, pola súa parte, non
se resigna a perdela polo que, dende o porto de Ribadeo, embárcase como polizón
nun cargueiro que se dirixe cara a Mar del Plata.
Algúns afirman que, cando se atopaba a tan só unhas
poucas millas do seu destino, o xove polizón foi descuberto e este, para evitar
ser repatriado, lánzase á auga. A tripulación do cargueiro viu como desaparecía
aos poucos minutos entre as ondas do inmenso Océano Atlántico, sen volver a
saberse nunca nada máis del.
Outros, sen embargo, sosteñen que o mozo foi capaz de
chegar á beira e, aínda que nunca chegou a atoparse coa súa amada, si fixo
fortuna producindo e exportando fariña de trigo de calidade (un oficio co que
nacera e que, como xa se mencionou, dominaba como ninguén).
Hai, por último, uns poucos reticentes que non cren nin unha palabra do que aparece aquí reflectido, considerándoa unha lenda máis das moitas que a xente inventaba para facer máis levadeiras as longas noites de inverno.”
Volvemos
polo mesmo camiño ata o autobús que nos achegou ata Meira onde estaban
agardando as do grupo alternativo que pasaran o día nesta bonita localidade.
Co
mesma comezamos a volta a casa despois dunha fin de semana moi ben aproveitada.
Novamente
aproveitamos para agradecer a boa acollida de todo o persoal do hotel San Briz e
da pensión Navia que fixeron que tiveramos unha estancia moi agradable.
Xa estamos convocados para o día 16 de novembro para comezar un novo proxecto onde percorreremos a preciosa Ribeira Sacra ourensá.
Para ver as fotos fai clic aquí.
8 oct 2025
25 sept 2025
Fervenza de Liñares (A Lama)
Despois dun negro verán por mor dos lumes, comezamos a nova tempada de sendeiros por unha das xoias da provincia de Pontevedra como é o concello de A Lama. Pertence á Rede Natura 2000 e está considerada como parte dunha área de alto valor ecolóxico a nivel europeo sobre a conservación de hábitat natural, fauna e flora silvestre. A ver se o coidamos!!!
Basicamente a
ruta transcorreu seguindo o río Xesta, que nace na parte alta da Serra do
Suído, que baixa entre brañas e turbeiras ata a súa desembocadura no río
Oitavén, deixando atrás a vella ponte dos arrieiros ou chamada Ponte de
Liñares, que foi o primeiro que visitamos despois de saír da aldea de Liñares.
Máis abaixo da ponte, o río encáixase e cae precipitándose e formando a famosa fervenza da Freixa ou de Liñares. Hoxe non lucía nada ben xa que o río leva moi pouca auga.
Parte da ruta que
fixemos vai pola denominada “Tralos pasos do río Xesta”, o PR-G-24 que
transcorre pola parroquia de Xesta pasando tamén polas localidades de Cortegada
e Paradela.
Esta ruta
recuperou os vellos camiños e sendas de servizo das augas para os numerosos
muíños que imos atopando.
Por estes camiños chegamos ata a área recreativa de Os Prados, onte puidemos comer aproveitando unhas raioliñas do Sol que ía e viña.
Despois iniciamos
o regreso a Liñares atravesando o fermoso bosque de acivros de Portomartiño.
Bonita ruta para
comezar a vixésimo cuarta tempada, que terá continuidade o vindeiro 17 de
outubro desprazándonos ata A Pontenova para gozar dunha fin de semana que
promete.
11 sept 2025
12 jun 2025
Fin de tempada por Beade e Bembrive
O pasado domingo chegamos ó final da tempada
24-25 e para celebralo organizamos un xantar campestre no precioso Parque Forestal
de Beade. Pero antes había que facer ganas de comer, para iso preparamos unha
bonita ruta polos roteiros preparados polas Comunidades de Montes de Vigo.
A saída foi dende o mesmo Parque Forestal para facer un bonito percorrido seguindo parte do curso do río Eifonso.
O descenso deste fermoso río dá lugar á
formación de pequenas fervenzas como a de Bouzafría. Tamén pasamos por diversas
construcións como muíños, pasarelas, etc., algúns en mal estado outros
totalmente renovados.
Pasamos polo lugar de Couso onde hai outra
bonita área recreativa e a presa do Galleiro.
Outros dos lugares de interese polos que pasamos foron a coñecida como aldea da Fraga ou Casas Vellas, poboado abandonado dende o século XVIII e “A casa das auga”, lugar que acumulaba as augas coas que se abastecía a Vigo no século XIX.
Nesta ruta contamos coa colaboración dun guía local, nin máis nin menos que o amigo Suso, a quen agradecemos moito. Como agradecemos tamén á súa dona Luci que fixo de guía para o grupo alternativo facendo unha pequena ruta moi bonita nos arredores do parque.
Ó chegar de novo ó parque forestal xa tiñamos preparados uns exquisitos chouripáns quentiños que preparamos nos asadeiros habilitados e uns pratos de chourizo leonés agasallo da nosa amiga Maribel. Repartidos polas distintas mesas do lugar demos conta dun bo xantar regado con viño agasallo de Fernando, o noso colleiteiro de confianza. Xa de sobremesa non faltaron as rosquillas Ancla, agasallo de Kico regadas con sidra de Bembrive agasallo dos recentes avós Isa e Bacelos.
E como se adoita facer nestas ocasións, rematamos
a xornada coa actuación estelar do grupo Os Soutiños que fixeron as ledicias de
propios e achegados.
Rematada unha nova tempada, xa quedamos
convocados para comezar a 25-26 no mes de setembro, mentres tanto a descansar e
gozar do verán con familiares e amigos.
Para ver as fotos fai clic aquí.
1 jun 2025
14 may 2025
Couto Mixto - Lobios
Unha nova saída de fin de semana para O Souto do Vello. Desta volta trasladámonos ata o Gerés-Xurés para camiñar entre Galiza e Portugal.
Toda a semana estivemos pendentes e soprando
un pouco para que a fin de semana viñese con bo tempo. Non foi así, estivo un
tempo máis invernal que primaveral, pero iso non diminuíu a ilusión dos
andaríns e andarinas para afrontar o “Camiño privilexiado” o sábado e a Corga
da Fecha o domingo.
O primeiro que fixemos foi achegarnos ata Santiago de Rubiás, unha aldea do concello de Calvos de Randín, que formaba parte do chamado Couto Mixto.
O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus (hoxe As Maus). Ocupaba unha superficie de 26,9 km² e segundo estimacións do seu penúltimo xuíz, Delfín
Modesto Brandón, tiña unha poboación de non máis de 1000
habitantes entre os anos 1862 e 1864.
En Santiago estaba agardando Ricardo, un guía
que nos explicaría a historia deste curioso lugar ó tempo que visitabamos a
igrexa onde se atopa unha réplica da Arca das Tres Chaves, onde se gardaban os
documentos do Couto Mixto.
Rematada a visita comezamos a andaina polo chamado “Camiño privilexiado”. Os habitantes do Couto dispuñan dun camiño privilexiado que, partindo do Couto, atravesaba as terras de Calvos de Randín, na Galiza, e de Turei, en Portugal. Estaba delimitado por mouróns ou marcos de pedra, marcados con diversos sinais, como cruces.
Utilizado para o tránsito de persoas e de mercadorías, as autoridades de ambos os países non podían realizar ningunha aprehensión dentro dos seus límites (nin tan sequera de contrabando), nin podían molestar os seus usuarios.Os habitantes do Couto non necesitaban de licenza para o porte de armas de calquera clase (de caza ou de defensa), nin dentro do Couto, nin no Camiño Privilexiado.
Hoxe máis que camiño privilexiado habería que
chamalo camiño enchoupado, pola cantidade de auga que atopamos e que dificultou
a marcha en moitos momentos.
Mentres os andaríns facían a ruta, o grupo alternativo continuou a visita e logo desprazáronse ata a localidade de Montalegre onde fixeron algo de turismo e coñeceron a súa gastronomía.
Xa pola tarde todos xuntos fomos ata o hotel
Lusitano en Lobios para pasar a noite despois dunha estupenda cea no
restaurante do hotel.
O domingo fixemos unha bonita ruta en busca da Corga da Fecha, unha fervenza espectacular que baixaba ben chea de auga ofrecendo un marabilloso espectáculo.
Esta ruta está considerada unha das máis
atractivas que se poden facer no Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés e
é o resultado da unión do Sendeiro da Corga da Fecha, o Sendeiro da Cabaniña do
Curro e a antiga calzada romana Vía Nova XVIII, que unía a actual Braga coa
actual Astorga.
Rematamos a andaina cun paseíño ó pé do río
Caldo ata chegar ás instalacións do Balneario. Algúns probaron a temperatura
das augas do río antes de subir ó autobús para a volta a casa.
Unha estupenda fin de semana a pesar de que o
tempo non acompañara todo o que debía.
Quedamos convocados para o vindeiro 8 de xuño
para celebrar o remate da tempada 24-25.
2 may 2025
10 abr 2025
Trilho do megalitismo - Castro Laboreiro
O Souto do Vello segue fiel ós seus costumes e por iso neste primaveral mes de abril fixemos a habitual visita ó noso Santuario do Bacalhau.
Esta mañá de domingo dirixímonos cara a
Castro Laboreiro para facer unha pequena ruta pola Serra do Gerés, pura
natureza chea de fervenzas, miradoiros, penedos, núcleos megalíticos e outras
marabillas que conforman este parque natural digno de conservar.
Tal como indicaba o cartaz publicado neste
blog, iniciamos o percorrido na branda de Outeiro para pasar pola branda de
Rodeiro. Continuamos o camiño cara o Planalto de Castro Laboreiro pasando por
varios núcleos megalíticos parándonos a observar algunhas das mámoas que
atopamos.
Camiñando por unhas boas pistas de montaña cun ollo posto nas ameazantes nubes negras que viñan do sur chegamos ó punto de partida sen necesidade de sacar o chuvasqueiro. Alí nos agardaba Rubén que nos achegou ata o restaurante Miracastro para gozar do habitual menú cos fumeiros, bacalhau e cabrito ben regados. Moitas grazas a todo o persoal do restaurante pola acollida.
Despois do xantar e antes da actuación
estelar dos Soutiños, fixeron entrega de diversos agasallos a varias persoas
que dun xeito ou doutro se encargan de organizar e dinamizar as saídas
mensuais, en especial Bacelos que dedica horas para que todo saia o mellor
posible.
Temos que agradecer a colaboración de todos
os asistentes durante todo o ano, salientando o traballo de Ángeles que
elaborou uns libros preciosos coas fotos da saída que fixemos a Riaño. Moitas
grazas de parte de todos os agasallados.
Rematada a actuación dos Soutiños, Rubén
tróuxonos ata Vigo pensando xa na seguinte saída que será a fin de semana do 10
e 11 de maio que visitaremos e coñeceremos a historia do Couto Mixto.
Para ver as fotos fai clic aquí.
31 mar 2025
20 mar 2025
Polas terras de Pantón (Frontón)
Por fin puidemos facer realidade o desexo de realizar esta ruta polas terras de Pantón, en concreto pola localidade de Frontón de onde é orixinaria a nosa compañeira Josefa. Despois de darnos a benvida agasallándonos cun cafeliño e mais unhas roscas da confitería Ancla, Josefa, moi emocionada tamén pola presenza das súas fillas e irmá, fixo de guía polas ruelas de Frontón amosándonos a súa casa, a vella escola onde asisitiu, e como non os preciosos miradoiros da
ruta. Un dos primeiros que visitamos foi o de Pena Pombeira, o lugar máis alto do concello de Ferreira de Pantón, a 707 m de altitude, contemplando dende alí o final do curso do río Sil antes de deitar as súas augas no Miño. Máis tarde chegamos ó miradoiro da Cruz, que como o nome indica está coroado por unha grande cruz dende a que se pode contemplar unha fermosa paisaxe salientando a igrexa de San Vicente de Pombeiro. Esta xoia do románico do século XII foi a seguinte parada da nosa ruta.
Como é habitual en moitas outras igrexas da zona, San Vicente de Pombeiro formou parte, alá polo século X, dun mosteiro do que hoxe non quedan máis que algunhas pegadas. A igrexa foi construída entre os séculos XII e XIII, aínda que en etapas posteriores sufriu diversas reformas. É de planta basilical, con tres naves e outras tantas ábsidas semicirculares. A particular entrada principal está disposta entre dous contrafortes.
Xa despois desta visita continuamos
sendeiro pasando pola aldea abandonada de Penaveada para chegar ata San
Cosmede.
Como remate desta preciosa e emocionante ruta puidemos degustar as ricas rosquillas Ancla agasallo do noso amigo Kico.
Moitas grazas a todos e todas. Xa estamos agardando que chegue o vindeiro 6 de abril para encamiñar os nosos pasos cara ó noso santuario do bacalhau.
Para ver as fotos fai clic aquí.
4 mar 2025
11 feb 2025
Pinzás
No mes de febreiro temos por costume facer unha pequena ruta e rematar cun cocido como é debido. Este ano volvemos a un lugar coñecido como é o restaurante Florentiña en Pinzás.
Chegamos co autobús nunha mañá gris con brétema e ameazando chuvia, chuvia que, aínda que non copiosa non deixou de molestar durante toda a mañá. Dende logo o día non era o axeitado para gozar dunha paisaxe ben bonita pero si que se prestaba para o remate que nos agardaba.Comezamos a camiñada en Pinzás, na Serra da Groba e dirixímonos cara á Alpuxarra e o Curro. Como non podía ser menos, saudaron o noso paso algunhas vacas que pacían tranquilamente a pesar do mal tempo.
Cun descenso prolongado
fomos cara a Fervenza do río Pequeno, un pequeno regato como o propio nome
indica que deita as súas augas no río Miñor. Nun determinado lugar forma unha
pequena fervenza nun recuncho con moito encanto. Lástima que non puidemos gozar
dela como é debido.
Continuando a marcha
pasamos pola aldea da Portavedra e arrodeamos o Chan do Cereixo. Aquí atópase
un xacemento arqueolóxico datado no Pleistoceno. Está localizado entre as
concas do río Miño e do río Miñor e foi ocupado en diversas ocasións por
diferentes comunidades de humanos ó longo de centos de miles de anos.
Baixo os paraugas chegamos de novo á Casa Florentiña onde puidemos cambiar as roupas un pouco molladas e pasar ó comedor para degustar unha reconfortante sopa e mais as talladas que viñeron a continuación acompañadas de boas patacas e verzas ben ricas.
E para rematar a xornada,
fantástica actuación dos Soutiños ó completo que fixeron as ledicias dos
bailaríns e non bailaríns.
Temos que rematar esta
crónica lamentando o falecemento do pai de Suso Montero (Vitrasa) e da nai de
Suso de Matamá. Dende O Souto do Vello enviamos as nosas máis sinceras
condolencias e unha forte aperta que axude a soportar estes dolorosos momentos.
Para ver as fotos fai clic aquí.























-24.jpg)
-5.jpg)
-26.jpg)

-19.jpg)
-87.jpg)
.jpg)
-12.jpg)

-40.jpg)

-22.jpg)
-12.jpg)
-29.jpg)
-39.jpg)

-16.jpg)
-26.jpg)
-54.jpg)
-59.jpg)
-75.jpg)
-74.jpg)



