No mes de febreiro temos por costume facer unha pequena ruta e rematar cun cocido como é debido. Este ano volvemos a un lugar coñecido como é o restaurante Florentiña en Pinzás.
Chegamos co autobús nunha mañá gris con brétema e ameazando chuvia, chuvia que, aínda que non copiosa non deixou de molestar durante toda a mañá. Dende logo o día non era o axeitado para gozar dunha paisaxe ben bonita pero si que se prestaba para o remate que nos agardaba.Comezamos a camiñada en Pinzás, na Serra da Groba e dirixímonos cara á Alpuxarra e o Curro. Como non podía ser menos, saudaron o noso paso algunhas vacas que pacían tranquilamente a pesar do mal tempo.
Cun descenso prolongado
fomos cara a Fervenza do río Pequeno, un pequeno regato como o propio nome
indica que deita as súas augas no río Miñor. Nun determinado lugar forma unha
pequena fervenza nun recuncho con moito encanto. Lástima que non puidemos gozar
dela como é debido.
Continuando a marcha
pasamos pola aldea da Portavedra e arrodeamos o Chan do Cereixo. Aquí atópase
un xacemento arqueolóxico datado no Pleistoceno. Está localizado entre as
concas do río Miño e do río Miñor e foi ocupado en diversas ocasións por
diferentes comunidades de humanos ó longo de centos de miles de anos.
Baixo os paraugas chegamos de novo á Casa Florentiña onde puidemos cambiar as roupas un pouco molladas e pasar ó comedor para degustar unha reconfortante sopa e mais as talladas que viñeron a continuación acompañadas de boas patacas e verzas ben ricas.
E para rematar a xornada,
fantástica actuación dos Soutiños ó completo que fixeron as ledicias dos
bailaríns e non bailaríns.
Temos que rematar esta
crónica lamentando o falecemento do pai de Suso Montero (Vitrasa) e da nai de
Suso de Matamá. Dende O Souto do Vello enviamos as nosas máis sinceras
condolencias e unha forte aperta que axude a soportar estes dolorosos momentos.
Para ver as fotos fai clic aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario