O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

27 de out. de 2015

Camiño dos faros 1-2 (Malpica - Faro Roncudo)

Primeira saída de fin de semana da presente tempada. Do mesmo xeito que andamos metidos no proxecto de facer o GR-58 en distintas etapas, a organización leva tempo barrenando con levarnos a facer algo espectacular e que mellor que propoñernos  facer este sendeiro chamado “O camiño dos faros”. Isto foi unha iniciativa da Asociación O Camiño dos Faros para promocionar esta ruta pola Costa da Morte e que a coñeza moita xente co máximo respecto pola natureza. Un percorrido con gran variedade de paisaxes, sempre pegados ó mar e cos faros como guía para seguir o camiño. Con saída en Malpica e chegada ó faro de Fisterra, percorre ó redor de 200 km en oito etapas. O Souto do Vello agradece ós trasnos o traballo realizado para levar a cabo esta iniciativa e fai votos para que se consiga a homolgación e ter así o gran GR e Galicia nunha costa espectacular como é a Costa da Morte. Podedes consultar a páxina oficial para coñecer polo miúdo este sendeiro. http://www.caminodosfaros.com/

Nós fixemos as dúas primeiras etapas, adaptándoas un pouco ás nosas necesidades. O sábado fixemos de Malpica ata o faro de Punta Nariga e o domingo dende Punta Nariga ata o faro Roncudo.
Cando chegamos o sábado a Malpica estaba un tempo bo para camiñar, despois duns cafeciños puxémonos en camiño para atoparnos moi pronto coa fonte e capela de san Adrián e divisar xa as illas Sisargas.
Dá gusto camiñar por estes sendeiros. Agradecemos o labor do concello de Malpica ó manter limpo o sendeiro. Facemos tamén un chamamento ó resto dos concellos para que colaboren no mantemento da ruta.
Gozando das espectaculares paisaxes como din os trasnos na súa web, chegamos ata o faro de Punta Nariga moi contentos.
Trasladámonos ata o hotel Monte Blanco, na parroquia de Neaño no concello de Cabana de Bergantiños, onde nos trataron de marabilla, coas habitacións ben coidadas e un almorzo fantástico.
Tamén queremos agradecer o trato dos restaurantes París e Sabelo onde nos repartimos para cear. Recomendables ámbolos dous.
O domingo fixemos a “nosa” segunda etapa dende o faro de Punta Nariga ata faro Roncudo. O día estivo fantástico e o espectáculo do mar batendo nos acantilados invitaba a quedar alí por algún tempo, pero había que chegar a destino. Dende o faro trasladámonos á vila de Corme para tomar unas cerveciñas reparadoras e coller camiño de volta a Vigo.
Dado o éxito destas dúas etapas, a organización fixo unha enquisa entre os andaríns e mais entre as que estiveron de turisteo no autobús, e todos decidiron converterse en trasnos e continuar o camiño. Este é un reto para a organización que ten que preparar as outras etapas pero estamos seguros de que o fará de boa gana.

Para ver as fotos fai clic aquí

Falando de organización, desde o Souto do Vello queremos facer chegar o noso agradecemento  a Montañeiros Galegos polo Nepal- MGxN polo esforzo realizado en apoio aos afectados pola catástrofe do Nepal deste ano. Sentimos non poder estar na Andaina Solidaria celebrada o domingo polos montes de Vigo pero tamén nos solidarizamos. É por isto que nos queren incluír como club colaborador.



12 de out. de 2015

Camiño dos Faros (Malpica - Faro do Roncudo)


Notas:  Temos que levar comida para os dous días. O domingo teremos pan fresco no hotel.
Debemos levar suficientes recipientes con líquido para toda a etapa, xa que non hai fontes en todo o percorrido.

10 de out. de 2015

Andaina Solidaria


A ONGD Implicadas convída a asistir á III Andaina Solidaria nos Ancares. Se queredes máis información facede clic no seguinte enlace http://implicadas.net/event/iii-andaina-solidaria-implicadasos-no-desenvolvemento/

30 de set. de 2015

3ª etapa do Sendeiro das Greas (Xunqueiras - Nespereira)

Uff! Mimadriña!
Pero este hoxe que fixo!
Non lle falo máis!
Que dis muller! Tampouco é pa tanto!
Si, ti como es amigha!!!
Aquilo parecía un galiñeiro ata que chegou a Carballeira para poñer orde. Un berro por aquí e outro por alá e as cousas quedaron claras. Non se trataba dunha andaina dura, é que é a primeira da tempada e ademais vai moita calor. Menos mal!!!
Isto é o que di o profe Telmo na crónica que publicou no Wikiloc
“Son en torno a 23 km dos cales 15 discurren polo trazado do GR. Existe un treito precioso por un camiño de uso tradicional entre Cuartos de Borbén e Sequeiros que desgraciadamente está bastante cheo de auga (mesmo nalgún punto parece que o camiño se converte nun pequeno regato), como consecuencia de que as augas empregadas antigamente no regadío de campos están prácticamente "perdidas" polo desuso.”

Un pouco máis adiante desviámonos do Sendeiro para achegarnos ata o lugar chamado Santo Aparecido “unha estrana escultura de granito de orixe descoñecida e cuxa festa (pagana) se celebra o último domingo de agosto. No entorno onde se atopa esta pequena estatua, existe un petróglifo sobre unha rocha prácticamente a nivel do chan na que se poden observar motivos abstractos (círculos e coviñas).”
Aproveitamos para tomar as once porque ademais hai unha fonte con auga moi fresquiña. Xa repostos comezamos o ascenso ao Galleiro que, como di Telmo: “O ascenso ata o cumio do Galleiro é relativamente cómodo por pistas forestais pero non deixa de ser un ascenso tendido cun desnivel de 300 metros dende a aldea do Galleiro ata o propio cumio a 744 metros de altitude co cal hai que tomalo con certa calma.”
Isto foi o que alborotou o ghaliñeiro, entre o ascenso, a calor e que non adestramos durante o verán… pois iso. Pero todo cambia en canto chegas arriba porque…” As vistas dende alí son espectaculares e en días con boa visibilidade pódese observar dende a serra do Suído ata o Barbanza.“
Baixando por unha cómoda pista chegamos ata Nespereira onde estaba o autobús ao pé dunha billa con auga fresquiña que nos serviu para refrescarnos un pouco.


O persoal xa falaba da segunda da tempada que promete co que nos contou o noso guía.



Para ver as fotos fai clic aquí.

Aquí tedes o enlace de wikiloc ao track da andaina que fixemos e que publicou Telmo:
http://gl.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=10950034

8 de set. de 2015

1ª saída da 14ª tempada (Xunqueiras - Nespereira)

Xa estamos de novo por aquí!! Dámos comezo á 14ª tempada, case nada!! 
Para abrir boca unha nova etapa do sendeiro das Greas e para outubro saída de fin de semana á Ruta dos Faros en Malpica. Xa sabedes que é preciso anotarse para reservar o hotel. Na saída do 27 debemos levar claro se podemos ir ou non. 
A prepararse que esta vai ser unha tempada espectacular!!




1 de xul. de 2015

O Grove 2015



Fin de tempada  pola costa do Grove.  Cambiamos os cumes da Fonsagrada polos areais da península do Grove. Algún día o noso guía ha ter que contarnos como fai ou con quen ten liña directa para pedir o tempo como o que tivemos, pola maña tempo ideal para camiñar e pola tarde tempo ideal para a praia. Seghuro que o Suso ten algo que ver…e non é peloteo.
O certo é que sobre as nove e media comezamos a camiñar dende o porto do Grove, e polo paseo do litoral puxemos rumbo cara ao porto de  Meloxo. De alí seguimos ata Punta Moreira onde se atopa o acuario e mais o museo da salga ao aire libre onde se explica o proceso de salazón do peixe que facían durante os séculos XVIII e XIX. Alí paramos a tomar o bocata tranquilamente. Xa de seguido comezamos o percorrido polas bonitas praias que rodean esta península así como as illas, os illotes,  cons e laxes que están sementadas ao longo delas. Pasamos tamén polos restos arqueolóxicos de Adro Vello, na Praia do Carreiro, onde se atopa unha vila romana con vestixios de salazón de peixe, unha necrópole, a planta dunha igrexa visigótica e restos dunha fortificación da Idade Media. Máis adiante unha zona de adestramento militar chamado A Batería.

Pero á parte da paisaxe tivemos a ledicia de atoparnos  con Mª Jesús e familia que nos estaban esperando na metade do camiño. Logo compartimos con eles un xantar campestre como nos mellores días de romaría. Iso despois das frescas cervexas que nos tiña preparadas a organización.

 E como dixemos ao principio, pola tarde praia, baños de auga e de sol, paseos pola beira, charleta, en fin, bo ambiente para un remate de tempada, e vai unha máis.  
Andaríns, a pasalo ben no verán e non deixedes de adestrar que setembro está aí á volta. Feliz verán para todos e todas e como dicía o meu avó “Facédeme o favor de ser felices”.


Para ver as fotos fai clic aquí.