O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

23 de dec. de 2015

Boas festas!!!

     Panxoliña do Nadal
I

Hai un vento cheo de frío

apousado nos camiños.
E no ar un asubío
todo cheo de aloumiños.
pero un vento milagreiro
nascerá pol-o Nadal.
Brilará coma un luceiro
pra alomear o portal.

II

Xa nas ponlas dun carballo

nasceu un vento ventiño;
ten doces versos de orballo
e azas de paxariño.
Ten azas de paxariño
e craridades de día,
que llas deu Jesús Neniño
e Santa Virxe María.


        Manuel María





    

16 de dec. de 2015

Cortegada - Ribadavia


A organización deixou para final de ano unha andaina con poucas costas. Debeu pensar que para iso xa está xaneiro, aínda que para moita xente neste tempo as costas son todo o ano. O certo é que a ruta foi ben doada e chea de cor, de historia e de bo tempo…a pesar das ameazas.
Volveron acompañarnos un grupo dos amigos e amigas da Pedra Jallada que ademais estrearon uniforme.
Saímos da vila termal de Cortegada, onde acaban de inaugurar un balneario,  para ir pola beira do río Miño coas súas augas encoradas por mor do encoro de Frieira. Pasamos por carballeiras preciosas poboadas de carballos de boa altura que aínda conservan gran parte das súas follas.
Pasamos pola vella e importante aldea da Barca que foi abandoada pola construción do encoro. Esta aldea de gran valor etnográfico, foi no seu día centro de comunicación. Por ela pasaba o “Camiño real de Castela”, nese lugar cruzaban o Miño as barcas que transportaban persoas e mercadorías, de aí que houbese un gran dinamismo económico e cultural.
Seguimos ata Meréns, unha bonita aldea onde se encontran os pazos de Puga e o pazo dos Louredo. De aí continuamos ata a outra vila termal da zona, Arnoia, onde paramos a xantar.
Despois, nunha hora e 40 minutos chegamos a Ribadavia, entrando polo corazón do barrio xudeu, conxunto único en Galicia. Despois de dar un paseo e catar algún que outro viño, concentrámonos na fermosa Praza Maior para buscar o autobús e coller camiño de volta a Vigo.


Antes de rematar non queremos esquecernos daqueles que por culpa do pé ou dos ombros, ou do que sexa, faltaron a esta cita e que os botamos de menos. Dende aquí desexamos unha pronta recuperación para que nos poidan acompañar na seguinte saída.






Para ver as fotos preme aquí

6 de dec. de 2015

19 de nov. de 2015

Ribeira Sacra do Miño

Está claro que o outono é unha das mellores épocas para visitar as terras da Ribeira Sacra, ben sexa
do Sil como a do Miño, porque podemos gozar das espectaculares cores que nos ofrecen os viñedos, os soutos e as carballeiras. Pero tamén das igrexas románicas e das bonitas vistas sobre os ríos.
Desta volta a organización reservounos a visita á Ribeira Sacra do Miño. Debeu haber algún problema de comunicación porque sempre nos asegura o bo tempo, e sen embargo cando chegamos había unha brétema que nos impedía ver a paisaxe. Pero unha chamada de última hora fixo que ó pouco tempo xa empezara a abrir para quedar un día estupendo, non falla! Acompañáronnos na saída os amigos e amigas do grupo “Pedra Jallada” de Ribadetea. Foi un pracer contar coa súa compañía durante todo o percorrido e esperamos volver a camiñar xuntos.
O sendeiro, que foi preparado e moi ben marcado pola Asociación de Veciños de O Saviñao, comeza nunha das xoias do románico galego, a igrexa de Santo Estevo de Ribas deMiño, no concello do Saviñao. Dende aí pódese gozar dunhas espléndidas vistas sobre o val do Miño (segundo nos contaron desde a organización). A continuación collemos o sendeiro  e camiñamos por unha verdadeira alfombra de follas tanto de carballos como de castiñeiros. Pasamos por aldeas como Buxán, Galegos, O Piñeiro e Montecelo, onde paramos a tomar o bocata ó pé das ruínas da antiga igrexa de Santa María do Camiño. De alí fomo a Diomondi onde hai outro dos monumentos da Ribeira Sacra como é a igrexa de SanPaio de Diomondi.
Logo comezamos o descenso polo chamado “camiño dos Codos de Belesar” que forma parte do Camiño Sur a Santiago de Compostela pasando por algúns tramos de calzada romana. Xa logo se

divisa a vila de Belesar co seu embarcadoiro amparada polos impresionantes viñedos en socalcos. Subindo e baixando polo medio deles, chegamos á Praia fluvial da Cova. De aí fomos ata a adega que comercializa o viño Abadía da Cova, denominada Adegas Moure desde onde se pode ver unha das paisaxes máis bonitas da Ribeira como é o meandro que forma o río Miño chamado Cabo do Mundo.
Fixemos unha visita guiada ás instalación e logo degustamos un par de viños ofrecidos pola adega que acompañamos das imprescindibles rosquillas de Ancla. Por certo que aproveitamos para felicitar ó noso amigo Kiko que ese día se facía un pouco máis vello. Felicitar e agradecerlle as rosquillas.

En fin, un día fantástico cunha ruta preciosa. A pensar na próxima!



Para ver máis fotos fai clic aquí.

27 de out. de 2015

Camiño dos faros 1-2 (Malpica - Faro Roncudo)

Primeira saída de fin de semana da presente tempada. Do mesmo xeito que andamos metidos no proxecto de facer o GR-58 en distintas etapas, a organización leva tempo barrenando con levarnos a facer algo espectacular e que mellor que propoñernos  facer este sendeiro chamado “O camiño dos faros”. Isto foi unha iniciativa da Asociación O Camiño dos Faros para promocionar esta ruta pola Costa da Morte e que a coñeza moita xente co máximo respecto pola natureza. Un percorrido con gran variedade de paisaxes, sempre pegados ó mar e cos faros como guía para seguir o camiño. Con saída en Malpica e chegada ó faro de Fisterra, percorre ó redor de 200 km en oito etapas. O Souto do Vello agradece ós trasnos o traballo realizado para levar a cabo esta iniciativa e fai votos para que se consiga a homolgación e ter así o gran GR e Galicia nunha costa espectacular como é a Costa da Morte. Podedes consultar a páxina oficial para coñecer polo miúdo este sendeiro. http://www.caminodosfaros.com/

Nós fixemos as dúas primeiras etapas, adaptándoas un pouco ás nosas necesidades. O sábado fixemos de Malpica ata o faro de Punta Nariga e o domingo dende Punta Nariga ata o faro Roncudo.
Cando chegamos o sábado a Malpica estaba un tempo bo para camiñar, despois duns cafeciños puxémonos en camiño para atoparnos moi pronto coa fonte e capela de san Adrián e divisar xa as illas Sisargas.
Dá gusto camiñar por estes sendeiros. Agradecemos o labor do concello de Malpica ó manter limpo o sendeiro. Facemos tamén un chamamento ó resto dos concellos para que colaboren no mantemento da ruta.
Gozando das espectaculares paisaxes como din os trasnos na súa web, chegamos ata o faro de Punta Nariga moi contentos.
Trasladámonos ata o hotel Monte Blanco, na parroquia de Neaño no concello de Cabana de Bergantiños, onde nos trataron de marabilla, coas habitacións ben coidadas e un almorzo fantástico.
Tamén queremos agradecer o trato dos restaurantes París e Sabelo onde nos repartimos para cear. Recomendables ámbolos dous.
O domingo fixemos a “nosa” segunda etapa dende o faro de Punta Nariga ata faro Roncudo. O día estivo fantástico e o espectáculo do mar batendo nos acantilados invitaba a quedar alí por algún tempo, pero había que chegar a destino. Dende o faro trasladámonos á vila de Corme para tomar unas cerveciñas reparadoras e coller camiño de volta a Vigo.
Dado o éxito destas dúas etapas, a organización fixo unha enquisa entre os andaríns e mais entre as que estiveron de turisteo no autobús, e todos decidiron converterse en trasnos e continuar o camiño. Este é un reto para a organización que ten que preparar as outras etapas pero estamos seguros de que o fará de boa gana.

Para ver as fotos fai clic aquí

Falando de organización, desde o Souto do Vello queremos facer chegar o noso agradecemento  a Montañeiros Galegos polo Nepal- MGxN polo esforzo realizado en apoio aos afectados pola catástrofe do Nepal deste ano. Sentimos non poder estar na Andaina Solidaria celebrada o domingo polos montes de Vigo pero tamén nos solidarizamos. É por isto que nos queren incluír como club colaborador.



12 de out. de 2015

Camiño dos Faros (Malpica - Faro do Roncudo)


Notas:  Temos que levar comida para os dous días. O domingo teremos pan fresco no hotel.
Debemos levar suficientes recipientes con líquido para toda a etapa, xa que non hai fontes en todo o percorrido.