O Souto do Vello no cume galego!
5 de out. de 2020
24 de set. de 2020
Lousame (ríos Vilacoba e San Xusto)
Con algunha reserva e con todas as medidas de precaución posibles, decidímonos a comezar a 19ª tempada de sendeiros. Non resultou fácil xa que hai diversas opinións ao respecto, pero cremos que é necesario tratar de convivir con estas circunstancias e procurar seguir facendo aquilo que nos gusta, que non é máis que facer deporte ao aire libre e gozar das espectaculares paisaxes que nos ofrece a Nosa Terra.
Para esta primeira saída, a
organización elixiu unha das rutas máis bonitas de Galicia que discorren pola
beira dun río. Trátase da ruta polos ríos Vilacoba e San Xusto na localidade de
Lousame.
Saímos do centro de Lousame para coller enseguida o sendeiro pola beira do
río Vilacoba, camiñando no medio dunha frondosa vexetación típica dos bosques
de ribeira, chegamos ata os restos das antigas fábricas de papel que
funcionaban empregando trapos como materia prima e aproveitando as augas dos dous
ríos.
Polo camiño tamén atopamos muíños, pontes... e outras construcións típicas.
Unha das máis salientables é o antigo mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, preto da localidade de San Xusto. Aproveitamos as beiras das instalacións para repoñer forzas.
Logo da aventura de cruzar o río que leva o nome do lugar, comezamos a
baixada acompañándoo e gozando das diversas pozas que hai ó longo do curso.
Algún ousado e valente deportista aproveitou para poñerse a remollo nunha delas.
Continuamos río abaixo ata chegar de novo ao lugar de partida.
Antes de rematar queremos aproveitar para enviarlle unha forte aperta á
familia da nosa compañeira Isa, a quen botamos de menos, e facerlles saber que sempre
levaremos o seu recordo na nosa mochila.
Se as cousas non varían quedamos convocados para o mes de outubro, onde
visitaremos as veciñas terras lusas.
Para ver as fotos fai clic aquí.
6 de set. de 2020
3 de set. de 2020
Nova tempada
Benqueridos camiñantes do Souto do Vello, esperamos que todos e
todas esteades ben e non houbera ningún afectado polo virus.
Case a punto de rematar o verán e co comezo da nova tempada, a organización
está traballando na elaboración do calendario de saídas. Todo vai depender de
como vaian evolucionando os feitos. En principio temos pensado facer a primeira
saída o vindeiro domingo 20 de setembro.
Non está de máis lembrar que se cumprirá coas normas sanitarias
recomendadas no momento (máscaras, lavado de mans, distancia,...etc).
Aínda así entendemos as reticencias que poida haber por parte de calquera
que non está convencido da conveniencia de efectuar estas saídas. Por iso será
necesario que se confirme a asistencia á mesma.
Un saúdo.
6 de xul. de 2020
Ruta pola Serra do Galiñeiro
21 de xuño de 2020
Ruta pola Serra do Galiñeiro
Queridos sendeiristas, esperamos que todos e todas superarades a situación que acabamos de pasar e xa que as cousas parece que se van "normalizando" acordamos preparar unha saída para rematar esta tempada.
Tal como indicamos no cartaz, a ruta será pola nosa querida Serra do Galiñeiro. Acudiremos en coches particulares ó parque forestal de Zamáns (onde se fai a Romaría da Virxe dos Aflixidos).
Se alguén non sabe como chegar que chame para darlle información, de todos os xeitos enviarase ubicación por WhatsApp. Algúns coches sairán desde Matamá.
Ó rematar a andaina (sobre as 14 horas) haberá xantar popular para aqueles que queiran. Cada un deberá levar a súa comida.
Non esquezades a máscara!!
Agardamos que fixerades os "deberes" durante o confinamento para non ter maniotas o luns.
10 de abr. de 2020
Nota informativa
Dadas as últimas noticias parece que vai ser difícil reanudar as actividades de grupo a medio prazo, polo que non sabemos se poderemos rematar a tempada con algunha saída.
De todos os xeitos non perdemos a ilusión de poder convocarvos aínda que sexa para rematala.
De momento seguide nas vosas casas, sen esquecernos de facer exercicio para estar
preparad@s en canto as autoridades nos permitan saír.
Estade atent@s e recibide unha forte aperta.






