O Souto do Vello no cume galego!
5 de set. de 2021
30 de ago. de 2021
Ruta por Chandebrito
Estamos de volta!!!!
Dende o 21 de outubro do ano pasado non estabamos xuntos para facer unha rutiña e xa o botabamos de menos. A proba estivo en que a organización fixo unha convocatoria para tantear se habería ou non xente disposta a camiñar e a asistencia foi de case o 100%, contando ademais con varias persoas que nos acompañaron por primeira vez e algunha que outra eivada que non quixo perder a oportunidade.
Para esta primeira toma de contacto despois do parón, xuntámonos no miradoiro da Aguieira e fixemos un pequeno percorrido polos arredores de Chandebrito.
O día estivo magnífico para camiñar, pasamos polas covas do Folón, puidemos gozar das vistas dende o monte do Castro, e pasando polos distintos lugares que nos recordan os terribles incendios do 2017 (bosque da Memoria, placa a Luz Casal, monolito de agradecemento a Milladoiro, os pulmóns, obras realizadas polo grupo "Arte no queimado"...).
En vista do éxito e gardando as debidas precaucións, quedamos convocados para o vindeiro 12 de setembro.
Para ver máis fotos fai clic aquí.
14 de ago. de 2021
Ruta por Chandebrito
Ola a todas e a todos, de novo con vós para dicirvos que o vindeiro domingo, día 29, ás 9 da mañá, imos facer unha quedada de reencontro cunha rutiña de 13 km para ir collendo forma.
Sairemos do miradoiro da Aguieira para facer un percorrido ó redor de Chandebrito e estaremos de volta sobre a 1 da tarde.
Na ruta pasaremos polo Castro, polo bosque da Memoria, achegarémonos ata a escultura "O Rexurdimento", dous pulmóns realizados con madeira queimada nos incendios do 2017. Contemplaremos as vistas dende o Banco do Encontro e pasaremos polo bosque de Maeloc coa peculiar escultura de Milladoiro.
Ese día aproveitaremos para falar das próximas saídas e saber a vosa opinión.
Os que queiran ir en coche dende Matamá, sairemos ás 8,45 h dende o sitio de sempre.
Fotos Vigoenfamilia.es26 de dec. de 2020
Saída no Nadal
Unha representación do Souto do Vello, fieis á tradición, fixo unha saída o día de Nadal para "dixerir" os excesos do turrón e aproveitar o bo día que apareceu. Aquí queda a demostración do dito.
19 de dec. de 2020
Os andaríns do "Souto do Vello" deséxanvos unhas Festas con sentidiño, pensando que, se nos coidamos poderemos gozar dun Próspero e Natural Aninovo, para que se poidan ver cumpridos todos os vosos desexos.
Como todos os anos, estamos convocados para baixar os excesos o 25 e mais o primeiro de ano. Ás 10 da mañá no aparcamento fronte ao colexio Josefa Alonso.
3 de nov. de 2020
21 de out. de 2020
Lebosende - Leiro - Ribadavia
O raio do virus este estanos amolando ben. A pasada semana os nosos irmáns portugueses declararon o estado de calamidade polo que nos vimos obrigados a cambiar a ruta prevista polas terras de Sistelo.
A alternativa foi percorrer as terras do
Ribeiro. Para iso achegámonos ata Lebosende, onde nos deixou o autobús e
collemos camiño cara a bonita localidade de Pazos de Arenteiro. O camiño transcorre
entre os espalleres xa liberados dos acios que darán lugar ós exquisitos caldos
que nos ofrece esa terra. Tamén pasamos pola aldea abandonada de Viñoá. Aí
puidemos comprobar a categoría das casas actualmente derruídas e conquistadas
polas frondosas árbores que medran no seu interior, así como os terreos que a
arrodean que fan pensar na riqueza doutrora.
Continuamos o sendeiro e chegamos a Pazos de Arenteiro. Despois dunha breve parada para repoñer forzas, cruzamos a vila que conta con sete pazos e unha igrexa románica. Na saída atopamos a ponte do Santo Sepulcro, por onde discorre a tradicional ruta dos arrieiros, comerciantes do viño Ribeiro. Antes de cruzar, seguimos a senda con pasarelas de madeira para admirar o chamado Pozo dos Fumes, cunha pequena fervenza do río Arenteiro.
Xa collemos dirección a Leiro, pasando
pola central de Cabanelas.
Xa en Leiro gozamos do bo tempo e da
paisaxe que nos ofrece a beira do Avia para tomar os “bocatas”. Logo dun
pequeno descanso, retomamos a ruta en dirección a Ribadavia pasando ó pé das
pontes de San Clodio, a ponte da Esperela... completando unha ruta que ben
podiamos chamala “Das Pontes”, xa que deixamos atrás tamén a ponte da Cruz, a
medieval de Arenteiro, a do Santo Sepulcro... normal tratándose dunha ruta que
discorre gran parte polos ríos Arentiro e Avia.
É de agradecer o bo comportamento de todos os andaríns con respecto ás medidas anti-virus, só así se poden seguir organizando actividades.
Para ver as fotos fai clic aquí.














