O Souto do Vello no cume galego!
2 de xul. de 2023
8 de xuño de 2023
A Lama
Para realizar a penúltima andaina da presente tempada, este mes achegámonos ata o concello de A Lama. Aí hai unha ruta que se denomina Ruta da Liberdade. O seu nome débese ó traballo que realizaron no deu día un grupo de presos do cárcere de A Lama conxuntamente coa Cultural Río Barbeira, acondicionando e preparando a mesma. Agora é o propietario do bar Florencio o que se encarga de tela ben acondicionada. Con nós portouse moi ben, xa que ademais da información sobre a ruta e debido a que as previsións meteorolóxicas ameazaban chuvia, ofreceunos moi amablemente as súas instalación para poder resgardarnos á hora da comida. Ó final non fixo falta porque estivo un día fantástico, pero gozamos da terraza do bar onde comemos e fixemos unha agradable sobremesa. Moitas grazas.
A ruta é moi bonita. Partindo do bar Florencio discorre na súa maior parte pola beira do río Barbeira entre preciosos bosques de carballos e por camiños de pedra e con muros tapizados dun verde intenso.
Logo camiñamos pola serra do Cando, onde se poden
observar grupos de cabalos en liberdade. As vistas son espectaculares. Seguindo
a ruta chegamos á vila de Covelo...Covelo de A Lama, onde destaca a figura de Manuel Barreiro Cabanelas,
un emigrante a Brasil que fixo da súa localidade nata una vila especial;
destacando as artes de cantería nas fontes e fachadas. De novo
voltamos ós bosques cercanos ó río que nos acompañarán ata o punto de inicio.
Ademais da riqueza de flora e
fauna, a ruta ten cantidade de elementos etnográficos e históricos como pontes,
muíños, petos de ánimas, ermidas e cruceiros. Tamén pasa por interesantes aldeas
como O Peso, As Chozas, San Lourenzo, O Cabaniño, Barbeira e o citado Covelo.
Como se dixo anteriormente, ó chegar puidemos comer
utilizando as mesas da terraza do bar Florencio, con sobremesa prolongada xa
que se estaba de marabilla.
Para ver as fotos fai clic aquí.
29 de maio de 2023
18 de maio de 2023
Corrubedo...montes e praias
Texto elaborado polo noso amigo Antonio, que foi quen deseñou a ruta que fixemos o pasado domingo, 14 de maio, pola bonita vila de Corrubedo.
“O sendeiro circular SR-1, percorre toda a costa da península de Corrubedo, e aumentándoo ata o monte Tahume, sae unha ruta de dificultade baixa nos seus 18km, pasando incluso polos dous cumios-miradoiros da zona, monte do Facho de 138 m. e o Tahume de 240m.
O inicio da ruta é no recheo do porto onde está a praia da Robeira e o monumento ós mariñeiros de Corrubedo falecidos no mar, e comezámola subindo ata a igrexa da parroquia “Sta. María da Asunción-1907” onde se atopa o monumento que conmemora o 50 aniversario do naufraxio e rescate por parte do pobo de Corrubedo do iate inglés “O Debonair” 1960-2010.
Continuamos camiñando en dirección N polas pequenas rúas da vila na que se mesturan as casas de labradores cos seus patios interiores, alboios, canastros e as bufardas das cortes e as dos pescadores coas ménsulas para secar as redes e a roupa e ata non hai moitos anos o rechamante cor da pintura das súas fachadas.
Facemos a primeira parada na praia da Robeiriña onde se atopan as ruínas dunha das 3 factorías de salgado que houbo na vila, chamada a de Carraspello na que se salgaba nas súas tinas bacallau, abadeixo e sardiñas e na finca secaban o congro.
Seguimos pola rúa das Delicias e baixamos as pequenas praias das Furnas ata chegar á praia da Ladeira onde se atopa a duna móbil máis grande do noroeste español, este areal coa súa continuación coa do Vilar chegan ata os 5Km de lonxitude.
Saimos da vila e entramos no monte polo merendoiro da “Laxe da Gata” de Teira e que nos levará ata o cumio e miradoiro do monte Facho (138m) no que a maleza esconde restos castrexos dun castro. En días claros divísanse as 3 Illas Atlánticas e os montes da Groba en Baiona-Oia.
Comezamos a baixada ata o antigo camiño de pes de outeiro dos pobres, que era
usado polas xentes que viñan a traballar a Corrubedo dende Xuño, Queiruga,
Porto do Son… ata o ano 1945 que fixeron a estrada. Seguindo o camiño, hoxe
unha pista, chegamos á aldea de Espiñeirido co seu cruceiro, e dende aquí
camiñaremos por pistas e camiños ata a aldea rehabilitada de Olveira da Arriba.
Despois de tomar as 11, encaramos polo sombrío monte redondo a subida tendida o monte Tahume (240m) onde se atopan as antenas e radares de salvamento marítimo, así como restos do castro e da gran cruz de ferro que o coroa, e poderemos gozar das fermosas vistas de 360º dende Fisterra á Groba e do val que discorre entre a costa e os montes do Barbanza.
Iniciamos a baixada polas 12 reviravoltas e o tramo de escaleiras que nos leva á capela de San Bieito de Seráns onde na súa campa e fonte milagreira deterémonos a xantar.
Despois de recuperar forzas baixamos pola aldea de Seráns ata a praia da Recabeira onde iremos polo paseo de madeira e senda da costa ata o faro de Corrubedo, pasando pola pequena praia do Rial, co seu muíño na duna, a punta de Pardiñeiras, a punta da Laxe Brava ou Teira, a cruz do naufraxio, a furna Brava, as brañas de Teira, a punta do Corgo, o penedo miradoiro de Outeiro da Mina, as praias das Barreiras e de Balieiros, a praia e furna do Portiño, a Punta do francés, as Covas e por varias zonas de pedras de pelouros-coídos que o mar e o vento ó longo de moitísimos anos as erosionaron e lle dan esas formas redondeadas.
Facendo un pouco de historia do faro de Corrubedo, comezou moito antes do século XII, sendo un facho que estaba na ladeira N do monte Facho na aldea de Teira, e alimentábase de carburo. Esa pouca luz que tiña, dende o mar pouco se podía ver, e se había néboa xa non se vía nada de aí tantos naufraxios na zona. O que estaba claro é que na aquela época estaba mal situado, polo que no ano 1954 entrou en servizo o actual faro, e foi durante moito tempo o único da costa galega coa súa luz vermella. Era coñecido como o “faro comunista”. Hoxe é branca como os demais. Tamén tiña unha torre de trompetas que rezumaban os días de néboa, pero hoxe en día cos sistemas modernos de navegación dos barcos, hai anos que deixou de soar e tanta modernidade chegou, que o faro hoxe está totalmente automatizado e sen ningún persoal que o dirixa, atopándose estes na vila de Vilagarcía de Arousa.
Abandonamos o faro en dirección SW pola senda da costa ata a fin da ruta pasando pola punta Buraseira, a furna Brava, Punta outeiro dos corvos, furna das Galletas, enseada da chan de Teira, punta do pozo Salgueiro, pedras de pelouros-coidos do Cantón, punta paxariñas, punta Praxeiro, o Cantón, casas dos pescadores e praia do Prado e remate no paseo marítimo da Farola do murallón.
Despois da tan saudable, vistosa e cultural ruta, ben merece unha parada nos numerosos bares da vila para degustar os produtos espectaculares que dá as riquísimas augas deste mar.”Pois nós fixémoslle caso a Antonio e rematamos cunha fresca cervexiña nunha das terrazas no porto.
Despois desta bonita ruta quedamos convocados para o vindeiro 4 de xuño para facer a penúltima andaina da tempada.
Para ver as fotos fai clic aquí.
7 de maio de 2023
29 de abr. de 2023
Dorna - Lamas de Mouro (Castro Laboreiro)
Achegámonos ata a Serra da Peneda, saíndo de Dorna, en Castro Laboreiro, chegamos a Lamas de Mouro. Desde o val do río Laboreiro fomos subindo ata chegar a Chã da Matança, un prado de alta montaña.
Seguindo polo sendeiro empedrado e con dificultade por estar as pedras molladas, pasamos por Portela do Lagarto, onde hai unha figura granítica que semella un lagarto. De aí, logo chegamos a un peto de ánimas para facer a foto de grupo como a que fixemos hai uns anos. En Lamas de Mouro xa nos agardaba o autobús que nos achegou ata o Restaurante Miracastro para degustar o fantástico menú un ano máis. Por suposto non pode faltar o bacalhau con broas e o cabrito con pataquiñas.
Ó remate, nova actuación do grupo "Os Soutiños", onde xa é habitual a participación da pequena tamborileira/bailarina, así como o acordeonista da casa. Remate fantástico.
Non queremos rematar a crónica sen lembrarnos da nosa compañeira Celia, que nestes momentos está loitando para superar un pequeno problema de saúde. Estamos seguros que o superará moi pronto para estar de novo con nós e gozar da súa compañía. Dende o grupo enviámosche un saco cheo de enerxía positiva desexando que te recuperes o antes posible. Ánimo!!!
Quedamos convocados para o vindeiro domingo 14 de maio con destino e hora aínda por confirmar.
Para ver as fotos fai clic aquí.















