O Souto do Vello no cume galego!
O Souto do Vello no cume galego!
15 de maio de 2016
4 de maio de 2016
OBXECTIVO CONSEGUIDO !!!
MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL (MGxN) conseguiu o seu
propósito de facer unha “Ascensión Solidaria” e acadou a cifra de 11237€ que
foron entregados á Directora de SOS Himalaya. Como vedes superamos a cifra dos
8848 m de altitude que ten o Everest. Isto só foi posible grazas á
solidariedade de todos os montañeiros e sendeiristas de Galicia, entre os que
se encontran os amigos e amigas do SOUTO DO VELLO.
A organización quere
agradecer a participación de todos vós nas actuacións programadas manifestando
a solidariedade do grupo O SOUTO DO VELLO en calquera das causas nas que se
necesite axuda.
María Climent (Directora de SOS Himalaya) recibe o talón de mans de Sechu López e Carlos Garrido.
16 de abr. de 2016
Foliada solidaria
Acudide todos e todas a esta FOLIADA SOLIDARIA CO NEPAL!!! É unha boa maneira de axudar pasándoo moi ben. Haberá postos con bocadillos, tortilla, chourizos... e bebidas!! Non faltará de nada. Todo o recadado servirá para axudar a acadar o cume.
NON FALTEDES!!!!
12 de abr. de 2016
Castro Laboreiro
Os andaríns do Souto
do Vello tiveron que pagar as consecuencias das condicións meteorolóxicas. Para que logo digan que non
hai cambio climático! Estamos en abril e a organización do Souto do Vello tivo
que facer un cambio de última hora e buscar unha ruta alternativa. Ollo, pero
só cambiaron a primeira parte da xornada, o remate no Miracastro de Castro
Laboreiro non houbo necesidade de cambialo.
Comezaron cruzando a
ponte internacional sobre o Miño en Tui, como se facía antes, para coller a senda
verde, ou tamén chamada Ecopista, que leva ata Monçao. Despois dunha pequena molladura
nada máis comezar, todo foi sobre rodas, xa que se trata dunha ruta fácil e o
tempo acompañou. Polo camiño pódense ver algunhas das antigas estacións porque a pista vai por unha antiga ruta de tren. Hai que salientar o valor paisaxístico e
natural das paisaxes que se van vendo ó longo da ruta (viñedos, prados, pequenas
vilas, río Miño…). Máis ou menos na metade do camiño hai unha torre da homenaxe
dunha antiga fortificación.
Entre conto e conto
chegan a Monçao onde estaba agardando o autobús para poder cambiar a roupa. Como había tempo a comitiva cruzou a ponte ata Salvaterra. Alí
dividíronse, uns foron visitar a fortaleza e outros foron repoñer forzas a
outras “fortalezas”.
A partir de aí
continúa o programa como estaba previsto. Visita ó santuario do bacalhau no
restaurante Miracastro en Castro Laboreiro. Coma todos os anos (ou mellor ca
outros anos), fomos dando conta (digo fomos porque a partir de aquí tamén
colaborou este cronista) dun bo presunto, un caldo quentiño, o bacalhau con
broas coma sempre e un cabrito excelente…sen esquecernos da sobremesa. E a
sobremesa inclúe a actuación do afamado grupo Os Soutiños, que fixeron as
delicias dos bailaríns asistentes coas súas pezas ben harmonizadas.
Con poucas ganas de saír,
xa que se estaba moi ben e fóra nevaba, chegou o momento de coller o autobús
para volver a Matamá.
Para ver as fotos clica aquí.
30 de mar. de 2016
18 de mar. de 2016
Vilaboa Castiñeiras
Antes de comezar esta crónica, o cronista quere agradecer todas as mostras
de afecto e ánimos recibidos xa que son fundamentais para a pronta
recuperación. Podedes estar seguros que son moi ben recibidos e que fago bo uso
deles. Graciñas. Vémonos pronto.
Segundo me contaron esta última ruta que saía das Salinas de Ulló en Vilaboa
e pasaba polo lago Castiñeiras para volver a Vilaboa de novo, tratouse dunha
andaina con preciosas vistas, chea de natureza fantástica, riqueza etnográfica
e algo de equilibrismo. Só podía faltar un día de bo tempo e diso xa se
encargou a orjan¡sasión, coma sempre.
A saída foi dende os restos dunhas salinas que datan do século XVII e que
foran restauradas a principios do XXI. Esta zona chamábase Ulló ou Ullóo hai
tempo por iso se denominan “As Salinas de Ulló” a pesares de que estean
ubicadas no barrio de Paredes.
Viaxando río abaixo polo Trasmil
pásase polos lugares de A Graña,
Cimadevila, Toural…atopando unha chea de muíños con levadas ás veces distintas dos outros con nomes como Muíño da Tella, Muíño do Mestre, Muíño das Freixas…etc. En
varios puntos do sendeiro o río forma pequenos saltos de auga que forman
fervenzas moi bonitas. Noutros lugares hai que facer un pouco de equilibrismo
para non caer pola rebouza e dar cos nosos ósos no río.
No remate esperaban unhas ducias de rosquillas Ancla e uns vasiños de bo
viño tinto agasallo do noso amigo Quico, detalle que agradecemos unha vez máis.
E ata aquí esta nova andaina que dá paso á seguinte onde nos desprazaremos
un ano máis ó noso Santuario do Bacallau para renderlle o culto que merece.
Para ver as fotos preme aquí.
4 de mar. de 2016
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




