Unha representación do Souto do Vello, fieis á tradición, fixo unha saída o día de Nadal para "dixerir" os excesos do turrón e aproveitar o bo día que apareceu. Aquí queda a demostración do dito.
O Souto do Vello no cume galego!
26 de dec. de 2020
19 de dec. de 2020
Os andaríns do "Souto do Vello" deséxanvos unhas Festas con sentidiño, pensando que, se nos coidamos poderemos gozar dun Próspero e Natural Aninovo, para que se poidan ver cumpridos todos os vosos desexos.
Como todos os anos, estamos convocados para baixar os excesos o 25 e mais o primeiro de ano. Ás 10 da mañá no aparcamento fronte ao colexio Josefa Alonso.
3 de nov. de 2020
21 de out. de 2020
Lebosende - Leiro - Ribadavia
O raio do virus este estanos amolando ben. A pasada semana os nosos irmáns portugueses declararon o estado de calamidade polo que nos vimos obrigados a cambiar a ruta prevista polas terras de Sistelo.
A alternativa foi percorrer as terras do
Ribeiro. Para iso achegámonos ata Lebosende, onde nos deixou o autobús e
collemos camiño cara a bonita localidade de Pazos de Arenteiro. O camiño transcorre
entre os espalleres xa liberados dos acios que darán lugar ós exquisitos caldos
que nos ofrece esa terra. Tamén pasamos pola aldea abandonada de Viñoá. Aí
puidemos comprobar a categoría das casas actualmente derruídas e conquistadas
polas frondosas árbores que medran no seu interior, así como os terreos que a
arrodean que fan pensar na riqueza doutrora.
Continuamos o sendeiro e chegamos a Pazos de Arenteiro. Despois dunha breve parada para repoñer forzas, cruzamos a vila que conta con sete pazos e unha igrexa románica. Na saída atopamos a ponte do Santo Sepulcro, por onde discorre a tradicional ruta dos arrieiros, comerciantes do viño Ribeiro. Antes de cruzar, seguimos a senda con pasarelas de madeira para admirar o chamado Pozo dos Fumes, cunha pequena fervenza do río Arenteiro.
Xa collemos dirección a Leiro, pasando
pola central de Cabanelas.
Xa en Leiro gozamos do bo tempo e da
paisaxe que nos ofrece a beira do Avia para tomar os “bocatas”. Logo dun
pequeno descanso, retomamos a ruta en dirección a Ribadavia pasando ó pé das
pontes de San Clodio, a ponte da Esperela... completando unha ruta que ben
podiamos chamala “Das Pontes”, xa que deixamos atrás tamén a ponte da Cruz, a
medieval de Arenteiro, a do Santo Sepulcro... normal tratándose dunha ruta que
discorre gran parte polos ríos Arentiro e Avia.
É de agradecer o bo comportamento de todos os andaríns con respecto ás medidas anti-virus, só así se poden seguir organizando actividades.
Para ver as fotos fai clic aquí.
5 de out. de 2020
24 de set. de 2020
Lousame (ríos Vilacoba e San Xusto)
Con algunha reserva e con todas as medidas de precaución posibles, decidímonos a comezar a 19ª tempada de sendeiros. Non resultou fácil xa que hai diversas opinións ao respecto, pero cremos que é necesario tratar de convivir con estas circunstancias e procurar seguir facendo aquilo que nos gusta, que non é máis que facer deporte ao aire libre e gozar das espectaculares paisaxes que nos ofrece a Nosa Terra.
Para esta primeira saída, a
organización elixiu unha das rutas máis bonitas de Galicia que discorren pola
beira dun río. Trátase da ruta polos ríos Vilacoba e San Xusto na localidade de
Lousame.
Saímos do centro de Lousame para coller enseguida o sendeiro pola beira do
río Vilacoba, camiñando no medio dunha frondosa vexetación típica dos bosques
de ribeira, chegamos ata os restos das antigas fábricas de papel que
funcionaban empregando trapos como materia prima e aproveitando as augas dos dous
ríos.
Polo camiño tamén atopamos muíños, pontes... e outras construcións típicas.
Unha das máis salientables é o antigo mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, preto da localidade de San Xusto. Aproveitamos as beiras das instalacións para repoñer forzas.
Logo da aventura de cruzar o río que leva o nome do lugar, comezamos a
baixada acompañándoo e gozando das diversas pozas que hai ó longo do curso.
Algún ousado e valente deportista aproveitou para poñerse a remollo nunha delas.
Continuamos río abaixo ata chegar de novo ao lugar de partida.
Antes de rematar queremos aproveitar para enviarlle unha forte aperta á
familia da nosa compañeira Isa, a quen botamos de menos, e facerlles saber que sempre
levaremos o seu recordo na nosa mochila.
Se as cousas non varían quedamos convocados para o mes de outubro, onde
visitaremos as veciñas terras lusas.
Para ver as fotos fai clic aquí.













