O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

25 sept 2024

Montaria (Serra d'Arga)

 


Unha vez máis eliximos o noso querido país veciño, Portugal, para comezar a nova tempada de andainas. Será a vixésimo terceira xa. Unha tempada que pode ser espectacular xa que moi pronto temos a saída a Riaño onde nos agardan as súas marabillosas montañas.

Para ir preparándonos achegámonos ata a Serra d’Arga e o día 6 de outubro faremos a subida ó noso Galiñeiro.

Cunha certa incerteza polo estado dos sendeiros debido á vaga de incendios que asolaron estes días case todo Portugal, dirixímonos ata a localidade de Montaria, no concello de Viana do Castelo.

Comezamos o percorrido ó pé da igrexa de San Lourenzo, pasando por un calvario e unha fonte. A partir de aí, o noso obxectivo é o río Áncora que, nacendo na Serra d’Arga, consegue formar unhas paisaxes fermosas baixando por veces tranquilo e outras un pouco máis precipitado formando pequenas fervenzas e pozas moi apetecibles. Neste momento non leva moita auga, pero pódese adiviñar a súa forza e beleza noutros momentos. Tivemos que cruzar o río por uns penedos que, grazas a que non leva moita auga, puidemos facelo sen dificultade.


Durante a ruta tamén puidemos gozar da presenza de diversos muíños, algúns deles ben restaurados, como os de Espantar ou os da Costa.

Como non podía ser doutro xeito nunha ruta por Portugal, pasamos por varias capelas como a de San Mamede ou San Brás.


A comida fixémola nun espectacular parque, que ben o poderiamos chamar souto, pola cantidade de castiñeiros que estaban cheos de ourizos xa regañando e soltando unhas fermosas castañas que foron a ledicia de moitos dos andaríns.

Despois do tempo de relax, xa nos quedaba moi pouco. Acompañamos a unha bonita levada que nos levou case ata Montaria de novo. Alí agardaba unha refrescante cervexa antes de coller o autobús, ben dirixido polo amigo Rubén, que nos devolveu a Vigo.


Para ver as fotos fai clic aquí.

18 jun 2024

Fin da 22ª tempada: A Carixa

 


O pasado domingo, 16 de xuño, demos por rematada a vixésimo segunda tempada cunha bonita ruta por terras de Silleda, na Comarca do Deza. Unha ruta que combina perfectamente cultura e natureza e con gran valor paisaxístico. Partindo da Área Recreativa da Carixa puidemos visitar o Ponte do Demo e mais o mosteiro medieval de San Lourenzo de Carboeiro. Camiñando á beira do río Toxa gozamos das vistas da fervenza do mesmo nome dende o alto e a nivel. A fervenza do río Toxa está considerada unha das máis grandes de Galicia enmarcada nun espazo incluído na Rede Natura 2000 e considerado un ben LIC (Lugar de Importancia Comunitaria). Ó longo do noso percorrido pasamos por preciosos bosques atlánticos con gran variedade de árbores e vexetación de ribeira.


O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro é un antigo mosteiro benedictino cunha igrexa románica das máis destacadas de Galicia que ben paga a pena unha visita con calma.

A Ponte do Demo, moi preto do mosteiro e de grande importancia porque era a única maneira de comunicar o mosteiro con Silleda e Vila de Cruces, ten unha lenda referente ó Demo como o seu nome indica. O Demo encargouse de amañar a ponte a cambio de quedarse coas almas da xente que o cruzase o día que rematara, pero unha argucia do monxe fixo que ninguén a cruzase nese día.


Rematamos de novo na Área Recreativa da Carixa para compartir un xantar campestre despois do baño. O malo foi que o tempo non axudou e a piscina estaba baleira, só un valente se bañou no río. Pero as mesas estaban cheas de riquísimas viandas e demos boa conta delas. De sobremesa non faltaron as rosquillas Ancla agasallo do noso amigo Kico.

Como remate non podía faltar a actuación dos Soutiños que viñan de actuar no afamado programa Luar da TVG.

Despedímonos dunha boa tempada e xa comezamos a preparar a seguinte onde teremos como prato forte a saída a Riaño no mes de outubro. Bo verán!!

Para ver as fotos fai clic aquí.

28 may 2024

Cariño - Cedeira (Costa Ártabra)


Fin de semana pola Costa Ártabra para continuar o proxecto que comezou alá polo mes de maio do 2018 en Ribadeo coa intención de chegar ata Ferrol despois de 275 km. Xa nos queda menos!

As dúas etapas que fixemos desta volta foron as de Cariño ata Santo André de Teixido e dende o santuario ata a bonita vila de Cedeira.

O sábado chegamos a Cariño cun tempo bastante bo que non presaxiaba o que nos agardaría despois. Comezamos a andaina rumbo ó Cabo Ortegal, un dos grandes puntos máis salientables do golfo Ártabro. Algúns consideran este punto como o límite que separa o océano Atlántico do mar Cantábrico. A paisaxe é extraordinaria, observando uns dos precipicios máis escarpados de toda a península. Fronte ó faro están os tres illotes coñecidos como “Os Tres Aguillóns” e máis alá a Punta de Estaca de Bares.

Dende aí comezamos unha lenta e prolongada ascensión pola Serra da Capelada, sempre acompañados de cabalos e vacas en liberdade.

O camiño está cheo de bonitos miradoiros, pero o que máis destaca é o chamado Vixía Herbeira ou Garita Herbeira que acada a cota máis alta con 615 metros sobre o mar.

Cando chegamos aí xa nos acompañaban a chuvia, o vento e a brétema que nos impediu gozar das fermosas vistas que hai dende o alto.

 Dende o alto xa só quedaban 5 km de descenso ata chegar ó santuario do Santo André de Teixido onde “vai de morto o que non foi de vivo”. Pouco paramos porque a climatoloxía non acompañaba.

Alí collemos o bus para achegarnos ata Ferrol onde nos aloxamos no hotel Silva. Por certo, un modesto hotel (ten só unha estrela) con boas instalacións e unha atención fantástica. Quedamos moi contentos.

O domingo ben cedo, e despois dun suculento almorzo, volvemos coller o autobús para achegarnos novamente ó santuario, que sería o inicio da nova etapa.

Despois da foto de rigor, saímos subindo en dirección ó miradoiro Chao do Monte, pero a chuvia non nos deixou gozar das vistas unha vez máis. Chuvia que pronto parou e deu paso a un día fantástico para poder gozar do restos dos miradoiros.

Con constantes subidas e baixadas polo medio dunha vexetación que se atopa nun momento espectacular con chorimas, margaridas, estraloques,...e todo tipo de flores propias da primavera, chegamos á altura do Faro de Punta Candieira, outro dos lugares espectaculares, xunto co miradoiro do mesmo nome.

Seguimos camiño ata Cedeira, atopándonos con algunha dificultade debido á mala práctica dos que se encargan das cortas no monte que deixan os camiños impracticables ó non recoller os restos das árbores que cortaron.

A media tarde chegamos ó porto de Cedeira baixando polos restos do castelo. Unha visita á vila e unha refrescante cervexa das diversas terrazas ó redor da Praza Bermella puxeron fin a unha agradable fin de semana. Xa só nos quedaban as dúas horas e media de autobús ata Vigo.

Contan as crónicas que o grupo “alternativo” tamén gozou dunha fantástica fin de semana cultural e gastronómica do cal nos alegramos moito.

Quedamos convocados para a fin de tempada o día 16 de xuño alá polas terras de Vila de Cruces. 



Para ver as fotos do sábado fai clic aquí.

Para ver as fotos do domingo fai clic aquí.

25 abr 2024

Castro Laboreiro

 


Por fin chegou o día!! Xa andabamos ansiosos. É que tocaba a visita ó noso Santuario do Bacalhau e xa había gañas. Así que aproveitando este veranciño de abril subimos ata Castro Laboreiro con gran ilusión para facer un pequeno trilho de 14 km e así facer méritos para comer o bacalhau e mais o cabritinho.

Comezamos a ruta diante do restaurante Miracastro con destino ao castelo que está a 1010 m de altitude. Subimos pola cara Sur. No alto demos unhas voltas polas ruínas e comezamos a baixar de novo ata a aldea. Tomamos a ruta que nos levou ata a lagoa de Gontamil en


Barreiros por uns bonitos sendeiros e contemplando a preciosidade de cores que ten o monte neste momento. A paisaxe é espectacular. Continuamos baixando ata a ponte medieval de Assureira. Alí tomamos outro trilho que nos levará pola beira do río Laboreiro atravesando unha nova ponte metálica e serpenteando en pequena subida chegamos ó noso destino.

Alí coma todos os anos nos esperaba un fabuloso menú onde a estrela é o afamado bacalhau con broas.

Dende a organización queremos agradecer a todos e todas os agasallos entregados a aquelas persoas que neste momento non nos poden acompañar e as outras persoas que colaboran na preparación destas saídas, especialmente ó noso guía Bacelos. Debemos salientar o excelente traballo realizado pola compañeira Ángeles...é unha artista fantástica. Estamos moi orgullosos de pertencer a este grupo. Moitas grazas.


Lembrade que o vindeiro 25 e 26 de maio faremos a saída de fin de semana para continuar coas rutas do norte chegando ata o Santo Andrés de Teixido.

Para ver as fotos fai clic aquí.