O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

31 de out. de 2024

Riaño e Picos de Europa

 


Os anos van pasando e non nos decatamos. Xa van alá 22 anos desde que O Souto do Vello comezou a camiñar e gozar da natureza, e para conmemoralo preparamos unha saída espectacular polas terras de Riaño e Picos de Europa.

Durante cinco días puidemos comprobar a beleza de varias rutas con distinta dificultade e adaptadas a cada un dos grupos que formamos, así como percorrer a senda do río Cares, unha das máis espectaculares de Picos de Europa.

O sábado 19 subimos ó autobús, moi ben gobernado por David, ás 7 da mañá, para poñer rumbo cara á localidade de Argovejo, no concello de Crémenes provincia de León, coa intención de facer a preciosa ruta da foz e faiedo de “La Escalera”. Neste tempo de outono prometía unha experiencia fantástica, pero ó chegar levamos unha desagradable sorpresa ó comprobar que había unha batida de xabarís pola zona e non puidemos facer a ruta.

Despois de comer os bocatas e un pouco abatidos fixemos unha pequena ruta correspondente ó Camiño Lebaniego dende Crémenes ata Las Salas. Alí recolleunos o autobús para continuar viaxe ata Riaño e hospedarnos no hotel Presa.

Ó día seguinte como as condicións meteorolóxicas non axudaban, en concreto brétema en altura, decidimos cambiar a ruta programada ata Piedras Pintas, xa que podería ser perigoso, pola non menos espectacular subida ó mítico Yordas.

Esta ruta xa fora feita hai anos polo grupo e non se puidera aproveitar xa que nos colleu unha densa brétema que nos impediu gozar das vistas. Desta volta foi distinto e fíxose unha subida espectacular e unha baixada non menos bonita. Lástima non poder facela máis amodo xa que tiñamos que baixar rápido para tentar chegar á saída do barco polo encoro. Non chegamos a tempo e polo tanto perdemos a viaxe e o disfrute da baixada. Con todo, creo que foi unha bonita experiencia onde un gran grupo fixo cume e quedou gravado na memoria.

Para o luns estaba programada a famosa ruta polo Cares. Despois do almorzo collemos o autobús ata a localidade de Posada de Valdeón. Alí fixemos dous grupos, uns comezaron a ruta desde aí e outros trasladáronse en taxis ata Caín para reunirnos todos en Poncebos.


A Ruta do Cares é un dos itinerarios de montaña máis populares do Parque Nacional dos Picos de Europa. Discorre por unha gorxa de gran altura que segue o cauce do río Cares. O sendeiro está escavado en rocha, con algúns túneles, é estreito e cunha superficie de pedras soltas de diferentes tamaños.

É unha ruta espectacular.

A volta a Riaño fíxose un pouco pesada debido á multitude de obras que había na estrada. Aínda así tivemos tempo de dar un paseo pola bonita localidade de Potes.

Por fin o martes decidimos facer o ascenso ó Piedras Pintas por parte do grupo de elite e os demais fixeron a ruta do pico Loto.

Dende a aldea de Las Salas saíron os andaríns que pasaron por un bonito bosque de faias ata as pradeiras de montaña. Cunha esixente subida chegaron ó alto para facer un pequeno cresteo ata chegar ó cume principal. Houbo que salvar unha pequena trepada e un paso aéreo que se fixo sen moita dificultade.

O outro grupo saíu dende Horcadas, e por unha non menos esixente subida, chegaron ó Puerto Horcadas, pasando polas Peñas del Diablo e facer cume no Loto ou Hato como tamén se denomina, dende onde se divisa a imponente silueta do Peñas Pintas e mais do Yordas xa coñecido.


Aproveitando o bo tempo, algúns fixeron a subida ó outro pico tamén denominado Loto. Logo todos xuntos fixeron o descenso seguindo o regato Horcadas ata o lugar de inicio.

O mércores, último día da nosa estancia pola zona, estaba destinado para facer a subida ó Gilbo, o chamado Cervino leonés. Trátase dunha ruta moi montañeira e típica dos que visitan a localidade de Riaño. Aínda que non é unha ruta moi longa nin de elevada altitude, obriga a unha subida na que hai que botar as mans e conta cun paso aéreo que non é apto para todas as persoas.


A maioría fai a ruta dende Riaño, nós achegámonos ata Horcadas e fixemos a subida por outro lado. Despois de acadar o cume unha representación dos asistentes, fixemos a baixada polo mesmo sitio e baixando por un precioso faiedo puxemos rumbo cara a Riaño por unha pista que bordea o encoro.

Aí rematou a experiencia que deixou un gran sabor de boca en todos os andaríns.

Non debemos esquecernos do chamado “Grupo Alternativo” que tivo a súa particular experiencia.

“O domingo 20 pola mañá demos un paseo dende Riaño ata La Vieja del Monte. Visitamos o museo etnográfico de Riaño e pola tarde demos o paseo no catamarán polos fiordos leoneses. Con moita pena de que non chegara a tempo o resto do grupo. O luns 21 unímonos ao grupo no paseo polo Cares. O martes 22 dirixímonos a Argovejo onde un grupo fixo o bonito sendeiro do “Hayedo”. Posteriormente visitamos o museo etnográfico "Los telares de Toño" rematando cunha rica comida en Casa Pepín no propio Argovejo.

O mércores 23, contando só coa mañá aproveitamos para visitar o bambán de Riaño. Logo gran parte do grupo fomos coñecer a ermida da Nosa Señora do Rosario. Como remate deste día dirixímonos a coñecer o banco máis grande de León, situado en Burón, moi perto de Riaño. Queremos dar as grazas á orghanisasión polos detalles que tendes con nós. E nesta ocasión a David como conductor do bus. Superamables.”

 

Como remate, desde a organización queremos agradecer a todos e todas a boa disposición que contribuíu a que a experiencia fose moi positiva. En especial agradecemos una vez máis a inestimable colaboración de Carlos Garrido, que sen el non sería posible levar a cabo tan esixente plan.

Salientamos tamén e agradecemos o traballo de Merce a cargo do grupo alternativo. Por último agradecemos o labor de David ó volante do autobús e como un compañeiro máis de viaxe.

Despois do éxito desta saída haberá que ir pensando na próxima.


Aquí deixamos a reportaxe fotográfica:

Riaño 24 sábado

Riaño 24 domingo

Riaño 24 luns

Riaño 24 martes

Riaño 24 mércores

Riaño 24 grupo alternativo

10 de out. de 2024

25 de set. de 2024

Montaria (Serra d'Arga)

 


Unha vez máis eliximos o noso querido país veciño, Portugal, para comezar a nova tempada de andainas. Será a vixésimo terceira xa. Unha tempada que pode ser espectacular xa que moi pronto temos a saída a Riaño onde nos agardan as súas marabillosas montañas.

Para ir preparándonos achegámonos ata a Serra d’Arga e o día 6 de outubro faremos a subida ó noso Galiñeiro.

Cunha certa incerteza polo estado dos sendeiros debido á vaga de incendios que asolaron estes días case todo Portugal, dirixímonos ata a localidade de Montaria, no concello de Viana do Castelo.

Comezamos o percorrido ó pé da igrexa de San Lourenzo, pasando por un calvario e unha fonte. A partir de aí, o noso obxectivo é o río Áncora que, nacendo na Serra d’Arga, consegue formar unhas paisaxes fermosas baixando por veces tranquilo e outras un pouco máis precipitado formando pequenas fervenzas e pozas moi apetecibles. Neste momento non leva moita auga, pero pódese adiviñar a súa forza e beleza noutros momentos. Tivemos que cruzar o río por uns penedos que, grazas a que non leva moita auga, puidemos facelo sen dificultade.


Durante a ruta tamén puidemos gozar da presenza de diversos muíños, algúns deles ben restaurados, como os de Espantar ou os da Costa.

Como non podía ser doutro xeito nunha ruta por Portugal, pasamos por varias capelas como a de San Mamede ou San Brás.


A comida fixémola nun espectacular parque, que ben o poderiamos chamar souto, pola cantidade de castiñeiros que estaban cheos de ourizos xa regañando e soltando unhas fermosas castañas que foron a ledicia de moitos dos andaríns.

Despois do tempo de relax, xa nos quedaba moi pouco. Acompañamos a unha bonita levada que nos levou case ata Montaria de novo. Alí agardaba unha refrescante cervexa antes de coller o autobús, ben dirixido polo amigo Rubén, que nos devolveu a Vigo.


Para ver as fotos fai clic aquí.

11 de set. de 2024

18 de xuño de 2024

Fin da 22ª tempada: A Carixa

 


O pasado domingo, 16 de xuño, demos por rematada a vixésimo segunda tempada cunha bonita ruta por terras de Silleda, na Comarca do Deza. Unha ruta que combina perfectamente cultura e natureza e con gran valor paisaxístico. Partindo da Área Recreativa da Carixa puidemos visitar o Ponte do Demo e mais o mosteiro medieval de San Lourenzo de Carboeiro. Camiñando á beira do río Toxa gozamos das vistas da fervenza do mesmo nome dende o alto e a nivel. A fervenza do río Toxa está considerada unha das máis grandes de Galicia enmarcada nun espazo incluído na Rede Natura 2000 e considerado un ben LIC (Lugar de Importancia Comunitaria). Ó longo do noso percorrido pasamos por preciosos bosques atlánticos con gran variedade de árbores e vexetación de ribeira.


O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro é un antigo mosteiro benedictino cunha igrexa románica das máis destacadas de Galicia que ben paga a pena unha visita con calma.

A Ponte do Demo, moi preto do mosteiro e de grande importancia porque era a única maneira de comunicar o mosteiro con Silleda e Vila de Cruces, ten unha lenda referente ó Demo como o seu nome indica. O Demo encargouse de amañar a ponte a cambio de quedarse coas almas da xente que o cruzase o día que rematara, pero unha argucia do monxe fixo que ninguén a cruzase nese día.


Rematamos de novo na Área Recreativa da Carixa para compartir un xantar campestre despois do baño. O malo foi que o tempo non axudou e a piscina estaba baleira, só un valente se bañou no río. Pero as mesas estaban cheas de riquísimas viandas e demos boa conta delas. De sobremesa non faltaron as rosquillas Ancla agasallo do noso amigo Kico.

Como remate non podía faltar a actuación dos Soutiños que viñan de actuar no afamado programa Luar da TVG.

Despedímonos dunha boa tempada e xa comezamos a preparar a seguinte onde teremos como prato forte a saída a Riaño no mes de outubro. Bo verán!!

Para ver as fotos fai clic aquí.

28 de maio de 2024

Cariño - Cedeira (Costa Ártabra)


Fin de semana pola Costa Ártabra para continuar o proxecto que comezou alá polo mes de maio do 2018 en Ribadeo coa intención de chegar ata Ferrol despois de 275 km. Xa nos queda menos!

As dúas etapas que fixemos desta volta foron as de Cariño ata Santo André de Teixido e dende o santuario ata a bonita vila de Cedeira.

O sábado chegamos a Cariño cun tempo bastante bo que non presaxiaba o que nos agardaría despois. Comezamos a andaina rumbo ó Cabo Ortegal, un dos grandes puntos máis salientables do golfo Ártabro. Algúns consideran este punto como o límite que separa o océano Atlántico do mar Cantábrico. A paisaxe é extraordinaria, observando uns dos precipicios máis escarpados de toda a península. Fronte ó faro están os tres illotes coñecidos como “Os Tres Aguillóns” e máis alá a Punta de Estaca de Bares.

Dende aí comezamos unha lenta e prolongada ascensión pola Serra da Capelada, sempre acompañados de cabalos e vacas en liberdade.

O camiño está cheo de bonitos miradoiros, pero o que máis destaca é o chamado Vixía Herbeira ou Garita Herbeira que acada a cota máis alta con 615 metros sobre o mar.

Cando chegamos aí xa nos acompañaban a chuvia, o vento e a brétema que nos impediu gozar das fermosas vistas que hai dende o alto.

 Dende o alto xa só quedaban 5 km de descenso ata chegar ó santuario do Santo André de Teixido onde “vai de morto o que non foi de vivo”. Pouco paramos porque a climatoloxía non acompañaba.

Alí collemos o bus para achegarnos ata Ferrol onde nos aloxamos no hotel Silva. Por certo, un modesto hotel (ten só unha estrela) con boas instalacións e unha atención fantástica. Quedamos moi contentos.

O domingo ben cedo, e despois dun suculento almorzo, volvemos coller o autobús para achegarnos novamente ó santuario, que sería o inicio da nova etapa.

Despois da foto de rigor, saímos subindo en dirección ó miradoiro Chao do Monte, pero a chuvia non nos deixou gozar das vistas unha vez máis. Chuvia que pronto parou e deu paso a un día fantástico para poder gozar do restos dos miradoiros.

Con constantes subidas e baixadas polo medio dunha vexetación que se atopa nun momento espectacular con chorimas, margaridas, estraloques,...e todo tipo de flores propias da primavera, chegamos á altura do Faro de Punta Candieira, outro dos lugares espectaculares, xunto co miradoiro do mesmo nome.

Seguimos camiño ata Cedeira, atopándonos con algunha dificultade debido á mala práctica dos que se encargan das cortas no monte que deixan os camiños impracticables ó non recoller os restos das árbores que cortaron.

A media tarde chegamos ó porto de Cedeira baixando polos restos do castelo. Unha visita á vila e unha refrescante cervexa das diversas terrazas ó redor da Praza Bermella puxeron fin a unha agradable fin de semana. Xa só nos quedaban as dúas horas e media de autobús ata Vigo.

Contan as crónicas que o grupo “alternativo” tamén gozou dunha fantástica fin de semana cultural e gastronómica do cal nos alegramos moito.

Quedamos convocados para a fin de tempada o día 16 de xuño alá polas terras de Vila de Cruces. 



Para ver as fotos do sábado fai clic aquí.

Para ver as fotos do domingo fai clic aquí.