O Souto do Vello no cume galego!
22 de dec. de 2025
18 de dec. de 2025
Coto da Cruz - Cevide - Río Troncoso
A última saída do ano 2025 para o Souto do Vello resume un pouco os nosos intereses: Galiza, Portugal, pequenos cumes, ríos, bosques autóctonos, muíños, ermidas, etc.
Para iso
xuntamos dúas pequenas rutas, por unha banda fixemos o PR-G-174 Ruta do Coto da
Cruz e xuntámola coa ruta polo río Troncoso na fronteira entre Galiza e
Portugal.
A saída foi dende a aldea de Freixo no concello de Crecente. Dende aquí un bonito sendeiro levaranos ata o alto do Coto da Cruz. A mágoa foi que nos tocou un día pechado de brétema o que nos impediu gozar das paisaxes, sobre todo dende o miradoiro onde se podería contemplar unha fabulosa panorámica de Portugal e o río Miño.
Pouco a pouco fomos chegando ata o lugar da Granxa, unha pequena aldea onde os veciños se enfrontaron heroicamente contra os franceses na Guerra da Independencia obrigando ao repregamento das tropas invasoras.
Continuamos a ascensión entre magníficos exemplares de sobreiras.
Dende aquí o
sendeiro descende pasando pola capela da Virxe do Camiño e, un pouco máis
abaixo, pola do Cristo dos Aflixidos. Continuamos sendeiro abaixo ata chegar de
novo ó punto de partida.
Continuamos descendendo ata a ponte que atravesa o río Miño e que nos levou ata o lugar de Cevide despois de cruzar a ponte fronteiriza que cruza o río Troncoso.
Cevide é a
aldea que está no punto máis ó norte de Portugal. Chegamos a través dunhas
pasarelas de madeira onde atopamos o marco que indica o punto máis ó norte. Ó entrar
en Cevide atopámonos cunha escultura dedicada ó contrabandista, xa que este
lugar estivo moi ligado sempre ó contrabando, tamén coñecido como estraperlo,
transportando todo tipo de mercadorías dun país ó outro.
Ó pouco tempo cruzamos collemos a senda do río Troncoso e fomos
subindo pouco a pouco e gozando dunhas espectaculares vistas do río, bosque, muíños, etc.
Ó chegar á
altura de Ponte Barxas, volvemos cruzar o río para a parte portuguesa. Alí
paramos a comer ó pé dos edificios da antiga alfándega. Xa logo baixamos pola
pequena estrada asfaltada ata Cevide onde nos agardaba un adegueiro para
ofrecernos os seus ricos caldos.
Volvemos
cruzar a ponte fronteiriza para chegar ó autobús que nos agardaba ó pé da ponte
de Frieira.
Volta para
casa despois de pasar unha xornada moi agradable, a pesar da brétema que apenas
nos deixou ver o Sol, sabendo que, facendo o chiste fácil, ata o ano que vén non volveremos camiñar en
grupo.
Dende aquí
desexamos a todos e todas que pasedes unhas felices festas coa esperanza dun
ventureiro e natural ano 2026.
Para ver as fotos fai clic aquí.
7 de dec. de 2025
19 de nov. de 2025
Castro Caldelas - A Teixeira
Tiñamos moita gana de facer o percorrido pola Ribeira Sacra Ourensá. Un percorrido que nos pode levar unhas 7 ou 8 etapas pero que pagará a pena xa que poderemos gozar dun contorno que non nos cansamos de apreciar en calquera época do ano pero sobre todo no outono. Aínda que xa estamos no inverno, a paisaxe está vestida de outono e iso puidemos comprobalo este domingo.
Iniciamos o
percorrido coa etapa Castro Caldelas- Fábrica da Luz, aínda que por mor de que
o tempo non axudou, só fixemos a etapa ata A Teixeira. Iso non nos impediu enchernos
das marabillosas cores desta estación, manifestándose sobre todo nas viñas que atopas
ó longo do percorrido.
A praza principal de Castro Caldelas foi o punto de partida e despois de achegarnos ás portas do castelo comezamos a baixar por sendeiros cheos de castiñeiros.
A primeira parada
de mérito fixémola para visitar as ruínas do Mosteiro de San Paio da Abeleda,
situado nun enclave realmente estratéxico que dá realmente noxo ver o estado
ruinoso no que se atopa.
Continuamos camiño cunha pequena subida que nos levará ata un precioso sendeiro que dá acceso á fervenza do Cachón entre preciosos bosques acompañando o río dos Vaos formando preciosos saltos de auga ata chegar ó gran salto que neste momento trae bastante auga.
Damos media volta
e tomamos o camiño que nos conducirá ata o núcleo de A Teixeira. Cruzamos a
estrada á altura da Galería, un pequeno museo de arte ó aire libre dun dos
veciños. Dende alí ascendemos por un estreito sendeiro para entrar polas ruelas
de A Teixeira e buscar un lugar abrigado para xantar. Algúns atoparon o bar “Museo
do viño” onde nos acolleron moi amablemente xa que o día estaba bastante desagradable.
Demos por
rematada a ruta neste punto xa que non nos daría tempo de chegar ó destino. A
seguinte etapa comezarémola aquí.
Quedamos
emprazados para o vindeiro 14 de decembro para facer a última saída do ano.
Para ver as fotos fai clic aquí.
9 de nov. de 2025
24 de out. de 2025
A Pontenova - Taramundi
Como
vén sendo habitual os andaríns do Souto do Vello collemos unha fin de semana de
outono para facer unha escapada. Desta volta a organización propúxonos unha
saída pola ficticia fronteira galaico-asturiana e achegámonos ata A Pontenova,
na provincia de Lugo. A idea era facer unha ruta en Taramundi e outra alí na
Pontenova.
O
sábado achegámonos ata Taramundi para facer a Ruta da Auga, unha das máis
coñecidas da zona. Foi unha boa opción xa que conta con poboacións con encanto,
bosques propios da fadas, fervenzas, paisaxes e museos.
Iniciamos
a andaina na parte baixa da vila e achegámonos ata Mazonovo, alí tiñamos
concertada a visita ó bonito Museo de los Molinos, considerado o maior museo de
muíños de España.Trátase dun museo interactivo, participativo e ben coidado.
Á saída
e tras un pequeno ascenso desviámonos á dereita por un sendeiro para cruzar o
ríoTuría e seguir ascendendo por un bosque autóctono de castiñeiros e amieiros.
Polo camiño atópase un desvío que nos levaría á fervenza da Salgueira. Nós non
fomos porque neste momento non hai fervenza por falta de auga.
Continuamos ata os Esquíos e logo As Veigas, dúas das poboacións tradicionais e moi bonitas de ver. As Veigas é unha poboación formada por casas de pedra con lousados, situado nunha contorna de gran beleza. É un exemplo de arquitectura tradicional ben conservada.
De alí
fomos ata Os Teixois, conxunto etnográfico de gran beleza tamén e que conta cun
importante grupo de enxeños hidráulicos como mazo, roda de afiar, pequena
central eléctrica, muíño, batán, e todas en bo estado de funcionamento.
Alí
aproveitamos para xantar antes de tomar o camiño de regreso a Taramundi.
Aínda
houbo tempo para unha cervexiña e mais a visita que algúns fixeron ó “museo de
la cuchillería”, onde xa estiveran as amigas do grupo alternativo.
Logo o
autobús tróuxonos ata A Pontenova para aloxarnos no hotel San Briz a maioría, e
outros na pensión Navia.
No
restaurante do San Briz ofrecéronnos unha suculenta cea moi ben elaborada e moi
ben atendidos polo persoal de sala.
Xa no domingo, e con preocupación polas condicións meteorolóxicas, preparámonos para realizar varias rutas nunha. Primeiro fixemos a Ruta das Minas, para continuar pola do Ferrocarril e rematar coa ruta do Muiñeiro Namorado. O tempo deixounos facer todo iso con tranquilidade.
A ruta
das Minas é unha interesante ruta que sae dos antigos fornos de calcinación na
praza central de A Pontenova. Aí pódese comprobar unha das actividades máis
importantes que houbo neste municipio, a actividade das minas de Vilaoudriz,
onde obtiñan carbonato de ferro que se calcinaba nos fornos para poder
comercializalo e obter fósforos que se utilizaban como fertilizantes.
O punto
máis interesante é a visita ás antigas Minas de Vilaoudriz, a Mina Consuelo.
Máis
adiante fomos á zona onde chegaba o antigo tranvía aéreo (hoxe hai unha
tirolina) coas tolvas cargadas do mineral cruzando o río Turía. Ó chegar atravesamos
un túnel e chegamos a outro forno de calcinación do grupo de minas Boulloso
onde aproveitamos para comer o bocadillo das once.
Despois
dun tramo pola que chaman Ruta do Ferrocarril, chegamos ó comezo da Ruta do
Muiñeiro Namorado.
Esta é
a historia que figura na páxina de Turismo do Concello:
“Historia na que se basea o percorrido desta
ruta:
Segundo conta a historia, recollida da
tradición oral polos máis anciáns do lugar, case un século atrás, no muíño que
había xunto as vías do tren e do que aínda hoxe se conserva a súa estrutura
exterior, traballaba un mozo muiñeiro. Fillo de pais tamén muiñeiros, naceu no
oficio polo que entendía como ninguén os complexos engrenaxes que movían as
moas do muíño, sendo ademais, un dos que mellor dominaba a arte do picado das
pedras cando estas se gastaban ao moer o grao.
Grazas ao carácter alegre e extrovertido
deste mozo muiñeiro, e a que era un dos mellores no seu traballo, e grazas
tamén a que o seu muíño estaba ao lado da vía do tren da liña “Villaodrid-
Ribadeo” (moi próximo ao apeadeiro de “O Cairo”), eran moitas as persoas
doutras localidades que frecuentaban o seu muíño, tendo ademais moito éxito
entre as mozas que lle levaban o grao para moer.
Un día achegouse polo muíño unha moza atraída polo balbordo da xente que
alí se encontraba. Acaba de baixar do tren que viña de Ribadeo e, malia que
ninguén sabía quen era nin de onde viña, ou quizais por iso, nada máis vela o
muiñeiro quedou prendado dela.
A rapaza, procedente de Neguri – Biscaia, resultou ser a filla dun
importante home de negocios financeiros e un dos principais inversores da
Sociedad Minera de Villaodrid e, o que nun principio pensaba ser unha visita curta
simplemente para coñecer as principais instalacións da Sociedad Minera que o
seu pai financiara, debido a este encontro casual co xove muiñeiro, pronto se
converteu nunha estancia de varios días.
Durante os días seguintes, era frecuente ver os dous
mozos pasear o seu amor ao longo do regato de O Cairo, percorrido que esta ruta
recrea case no seu estado orixinal tal e como o viviron os nosos protagonistas.
Cando o pai da rapaza se decatou da verdadeira razón pola
que a súa filla prolongara a súa estancia nesta zona e comprobou que o rapaz co
que se vía era un simple muiñeiro, obrigou a súa filla a regresar a casa de
inmediato e prohibiulle volver a visitar estas terras.
A filla, lonxe de aceptar a imposición do seu pai,
aproveitaba as numerosas e longas ausencias do seu pai por negocios, para
visitar o seu amado muiñeiro, tratando iso si, de que ningún dos encargados da
Sociedad Minera a recoñecese e lle dese o chivatazo a seu pai.
Agora, os paseos á beira do regato eran máis furtivos,
pasando a maior parte do tempo no interior do muíño ou nas proximidades da boca
da Mina de O Cairo, lonxe das miradas indiscretas dos demais muiñeiros e dos “dixomedíxome”
das lavandeiras que baixaban todas as tardes lavar a roupa ao regato.
Malia todas estas precaucións, non tardou en sabelo o pai
da moza de que a súa filla lle desobedecera e, anoxado, para lograr impoñer o
seu desexo e evitar que se seguise vendo co xove muiñeiro, decide enviar a súa
filla a estudar a Bos Aires (Arxentina). O xove muiñeiro, pola súa parte, non
se resigna a perdela polo que, dende o porto de Ribadeo, embárcase como polizón
nun cargueiro que se dirixe cara a Mar del Plata.
Algúns afirman que, cando se atopaba a tan só unhas
poucas millas do seu destino, o xove polizón foi descuberto e este, para evitar
ser repatriado, lánzase á auga. A tripulación do cargueiro viu como desaparecía
aos poucos minutos entre as ondas do inmenso Océano Atlántico, sen volver a
saberse nunca nada máis del.
Outros, sen embargo, sosteñen que o mozo foi capaz de
chegar á beira e, aínda que nunca chegou a atoparse coa súa amada, si fixo
fortuna producindo e exportando fariña de trigo de calidade (un oficio co que
nacera e que, como xa se mencionou, dominaba como ninguén).
Hai, por último, uns poucos reticentes que non cren nin unha palabra do que aparece aquí reflectido, considerándoa unha lenda máis das moitas que a xente inventaba para facer máis levadeiras as longas noites de inverno.”
Volvemos
polo mesmo camiño ata o autobús que nos achegou ata Meira onde estaban
agardando as do grupo alternativo que pasaran o día nesta bonita localidade.
Co
mesma comezamos a volta a casa despois dunha fin de semana moi ben aproveitada.
Novamente
aproveitamos para agradecer a boa acollida de todo o persoal do hotel San Briz e
da pensión Navia que fixeron que tiveramos unha estancia moi agradable.
Xa estamos convocados para o día 16 de novembro para comezar un novo proxecto onde percorreremos a preciosa Ribeira Sacra ourensá.
Para ver as fotos fai clic aquí.

















