O pasado 30 de xaneiro fixemos unha andaina moi interesante dende Matamá ata Saians. O día, ainda que frio, portouse con nós xa que o sol foi o protagonista durante toda a xornada. Pasamos por un lugar tan espectacular como pouco coñecido como son as Covas do Folón no río da Regas en Coruxo, e como unha das funcións deste grupo de sendeirismo tamén é a divulgación da riqueza paisaxística, arqueolóxica, etnográfica desta Terra, pois tomamos un pequeno respiro para explicar aos compoñentes da andaina, en torno a uns 60, algúns detalles desta particular cavidade granítica. Comentar que están cartografiados cerca de 1000 metros de galerías e que é unha das covas graníticas máis grandes do mundo. Podedes atopar máis información na páxina do Clube Expeleolóxico Maúxo (www.mauxo.com), expertos coñecedores desta cova e promotores da súa declaración como Patrimonio Natural. Asímesmo pareceunos interesante este vídeo (http://vimeo.com/5241731) que se atopa na blog de Manuel Gago, e no que se pode ver como son estas covas por dentro. Despois continuamos o noso camiño río arriba e debemos salientar neste punto que é unha mágoa que este pequeno regato estea nestas condicións, con moito lixo nas súas beiras (plásticos, rodas, botellas...). A ver se algún responsable municipal, veciñal, é quen de botarlle unha man ao río para que poida amosarse no seu mellor estado. Continuamos por Fragoselo collendo o sendeiro GR53 que é o Sendeiro Panorámico de Vigo e fixemos un pequeno alto nun dos moitos e impresionantes gravados rupestres que se poden atopar nesta zona. Trátase do petróglifo de Fragoselo, tamén chamado da Pedra Moura, rodeado dun pequeno muro de pedra pero cunha baranda de ferro totalmente esnaquizada e oxidada. Lembremos que aínda estamos no sendeiro GR53. Que pensará un turista se paseando por este camiño se atopase con isto? Novamente solicitamos a quen corresponda, comunidade de montes, asociación veciñal, concello que protexan este valiosísimo gravado, coa colocación de paneis informativos, reparación do valado existente co ánimo de que o petróglifo non se deteriore máis do que desafortundadamente xa aconteceu. Podedes atopar máis información deste e doutros petróglifos na páxina de Xosé Couñago (xosecounhago.com). Pero como non todo habían ser malas novas o sendeiro continuou cara á parroquia de Saiáns, pasando polos montes de Oia e cunhas impresionantes vistas da ría de Vigo, coas illas Cies ao fondo e diante de nós a illa de Toralla. Chegamos ata o parque forestal de Saiáns onde fixemos un alto para repoñer forzas e calmar un pouco a sede e a fame e logo continuamos polo roteiro etnográfico de Saiáns, recentemente acondicionado e con paneis informativos moi interesantes, que nos levou ata o castro de Estea cos seus aínda perfectamente identificables foxos defensivos. Máis adiante pasamos por un grupo de muíños de auga e aquí foi onde tivemos unha pequena discusión sobre se a un deles lle faltaba a moa ou non. Dicir que este muíño semellaba ter sido recentemente restaurado, co mecanismo de recollida do cereal todavía completo, co rodicio de fundición en perfecto estado e xirando pero lamentablemente alguén levara a moa, supoñemos que co ánimo de facer unha mesa no xardín. O regreso cara a Matamá levounos directamente ao furancho do Matamáfolc, na praza do San Amaro, onde degustamos os xa tradicionais callos. E despois da enchenta non podía faltar a festa co grupo de gaitas Os Soutiños que, coma sempre, fixeron un espectáculo musical de excepción e fixeron bailar e cantar a todo o persoal. Despois de 17 km!!
Telmo
Excelente a crónica do amigo Telmo. Mágoa non poder estar... e sobre todo polos callos, que seica estaban moi bos. Moi bos os enlaces, tanto do Clube Maúxo, coma o de Xosé Couñago. Especialmente recomendo a visualización do vídeo das covas do Folón que nos amosan a marabilla que hai por entre esas "pedras". Temos que animarnos a facer esa visita, he, he!
ResponderEliminar