O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!

16 feb 2011

Andaina Prado-Cocido

Segundo as informacións recibidas na nosa redacción, o pasado domingo 13 de febreiro, os andaríns "Do Souto do Vello" foron facer unha pateada con cocido a Prado, na parroquia de Morgadáns (Gondomar); unha paraxe marabillosa entre o Galiñeiro e o Aloia cunhas vistas impresionantes da ría. Desta volta os partes meteorolóxicos non foron benévolos e fixeron que moitos dos apuntados non quixeran "lavarse" (dos 54 anotados nun principio, apareceron 48 valentes). Así foi que comezaron a andaina ás 10 da mañá con algo de chuvia, pero con moitas ganas. Seica pasaron polo curro de Morgadáns e nalgún momento, entre a brétema e as vacas, cambiaron de camiño e tiveron que dar volta para non ter que cruzar o regato. Xa contra o final parecía que quería clarexar e ata puideron ver Baiona.
Despois de 4 horas de andar quedaba o mellor. Bo cocido, ben regado e moi ben servido polos amigos do bar Robredo de Prado. Ah! se a andar se apuntaran 48 valentes, ó cocido apareceron 72 máis valentes aínda (que capacidade de sacrificio!!!); pero estaban moi contentos porque contaron coa agradable compañía de Álvaro (pai de María e Jose, avó de Alicia e bisavó de Icíar), que cos seus 80 anos acompañou ó benxamín do grupo, Xián, fillo de Pili, de 9 meses, que xa se está preparando como sendeirista (a xulgar polos botes de comida logo o consegue).
E por fin chega a hora dos "Soutiños" montando a habitual festa. Os bailaríns agradeceron os esforzos e o bo saber facer dos gaiteiros, tamborileiro, pandeireteira e bombeiro (por certo, segundo as malas linguas disque vai cambiar o bombo pola gaita). Á parte de amenizar o grupo de andaríns, os Soutiños foron visitar os outros comedores facendo as delicias dos comensais que non facían máis que pedir outra e outra!!
Tamén houbo tempo para cantarlle os parabéns ó artista que non cumpre anos, din que vai polos 49. Parabéns Sr. Bacelos!!
A unha hora prudente fóronse retirando todos ás súas respectivas casas e puidemos recoller algunhas declaracións dos asistentes: "Estamos desexando que chegue a próxima".
Quedan aquí algunhas das imaxes da xornada e mais o vídeo da entrega de trofeos.


1 comentario:

  1. Pouco teño que dicir a esta boa cronica, que a xulgar polas fotos a choiva non foi tanta. gustariame recalcar no estupendo cocido e nos deliciosos postres, grazas amigos do Bar Robledo estou seguro que nos seguiremos vendo pero donde mais me gostaria insistir e na marabillosa e estupenda actuación dos Soutiños que de verdade estiveron sobresalientes, o que levou o resto do grupo a sumarse a farra. grazas a todos estes momentos en tan voa compaña xamais se olvidan.

    ResponderEliminar