Cun pouco de atraso (tamén lle pasa ao AVE) chega a crónica da “penúltima” pateada da 9ª tempada 10/11.
Como vén sendo tradición, trátase dunha pequena andaina seguida dun suculento xantar campestre e festa rachada.
Comezouse na fermosa vila de Liñares co seu afamado peto de ánimas. Logo pasamos pola ponte medieval (algúns pensan que o pasamos dúas veces). Continuamos polo camiño real acabado de limpar (o noso agradecemento ao concello da Lama). Despois de pasar por varias parroquias, a brigada de zapadores facilitounos o paso por debaixo da “alambrada”, como se pode apreciar nas fotos. Remontamos río arriba ata a súa fermosa fervenza (algo capada pola minicentral). Logo das pertinentes fotos comezamos a suave subida pola serra do Suído ata chegar ao foxo do lobo. Dá gusto ver esas construcións acabadas de restaurar e ben conservadas.
Trasladámonos mentalmente a épocas pasadas tentanto rememorar as andanzas dos paisanos atrás da fera ata facela caer no foxo.
Continuamos camiño para rematar na carballeira e na praia fluvial dos Prados. Alí degustamos un suculento churrasco seguido de sesta, baño e baile.
E ata aquí chegou a tempada de andainas (e xa van nove), agardamos o inicio do próximo curso, que será a décima tempada, esperamos poder gozala como nos merecemos.
Saúdos e bo verán, “andareiros”.
Aquí quedan algunhas fotos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario