O Souto do Vello no cume galego!

O Souto do Vello no cume galego!
Amosando publicacións coa etiqueta andaina. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta andaina. Amosar todas as publicacións

26 de set. de 2011

10 tempadas, 100 andainas...




O Souto do Vello xa é centenario como son os castiñeiros dos soutos da Ribeira Sacra. Hai que ver! 100 andainas xa dan que contar... e que andar! Curiosamente a número 100 foi a número 1 da décima tempada, e por ser a primeira foi unha andaina moi levadeira. Vinte e poucos quilómetros á beira do río Tea polo seu curso baixo, dende a desembocadura ao pai Miño, alá polas terras de Salvaterra, ata a parroquia de Padróns, en Ponteareas. A última parte da andaina fíxose polo río Borbén.
Como non era moi dificultosa, a organización portouse ben e non nos fixo madrugar, así aí polas 10 da mañá deuse a saída no parque da Canuda. Na primeira reviravolta xa nos atopamos coa primeira das pontes medievais que se atopan ao longo do percorrido; trátase da ponte que leva á finca de Fillaboa. Por un sendeiro totalmente chan imos pasando por leiras de millo coas espigas a punto de rebentar, bosques de ribeira con carballos moi altos e algún que outro loureiro.
Este tramo do río está inzado de carteis que indican os postos para a captura da lamprea, as famosas pesqueiras. Loxicamente agora non hai máis que os carteis.
Á altura do posto 26 paramos a comer o bocata. Hai unha pequena praíña e unha área recreativa con mesas, un lugar apracible para o primeiro descanso.
Outro dos restos de arquitectura popular que hai no camiño son dous muíños de acea, dos que quedan as paredes e algunha moa por alí perdida.
Logo chegamos á segunda ponte, a ponte das Partidas, da que podedes atopar información se picades neste enlace (Ponte das Partidas).
Continuamos carreiro ata chegar a Ponteareas, alí visitamos a capela de San Roque que dá paso á ponte dos Remedios, utilizado no escudo da vila. Xa chegamos á Freixa onde paramos a comer. Agradécese o descanso e o xantar e aproveitamos para cantarlle o “parabéns para ti” á nosa compañeira Pili que estaba de aniversario e agasallounos cunhas larpeiradas de sobremesa. Parabéns!
Pola tarde fixemos un tramo moi bonito que rematou polo río Borbén; un regato precioso con fentos femias polas dúas marxes e a auga baixando tranquila...un remanso de paz!
E aquí rematou a andaina número 100 da tempada número 10. Pero, segundo o decálogo dos montañeiros, disque os sendeiristas que van cumprindo 100 saídas teñen que invitar a cava.
Así foi, ao chegar a Matamá estábanos agardando a boíña de Isabel cun cargamento de botellas de cava e sidra que nos caeu moi ben! Moitas grazas! Parabéns a todos e a todas, e... a polas 200!